Fluzo é un grupo de rap experimental de inclinacións bravús formado por dous case veteranos da escena musical galega: Hevi e Javi. Ao primeiro, Hevi Vieites, puidémolo atopar en proxectos coma Malandrómeda ou Juanito Brothers. O segundo é Javi Alvárez, músico e produtor de Néboa, Dúo Cobra ou dos vídeos de La Follable.
Xa falaramos de Fluzo con motivo da presentación do Reciclaxe 2011, cando quedaramos abraiadas ante a enerxía desbordante, o hip hop innovador e o toque surrealista da súa actuación. Non puidemos entón resistirnos a poñernos en contacto con eles para facerlles algunhas preguntiñas sobre a súa vida e obra (máis ben o segundo). As respostas deixámosvolas aquí.
Como é “o regreso ao rap do futuro”?
Hevi: É un regreso sexy, e vén ben mantido.
Javi: É sete veces máis forte ca ti, e veloz.
Como definiríades a música de Fluzo?
H: A música de Fluzo é Rap…
J: …é como ir a apañar herba seca nunha Tardis.
Onde atopamos a orixe de Fluzo?
H: Nas sobremesas das grandes pitansas que facemos dende mozos.
Aínda que xa tiñades colaborado en varias ocasións, o voso estilo -incluso de look -é moi diferente; onde atopamos o territorio común?
H: Non o vexo, os dous queremos sudarlle a camiseta nos concertos. Comemos a mesma pitansa e os dous somos
de gin tonic. Incluso no look, chandal ou traxe, van conxuntadas as partes de abaixo coas de arriba.
J: No territorio capilar: os dous levamos bigote e tupé.
Que proxectos tedes para o futuro?
H: Un single romántico e tocar no estranxeiro.
J: Reunir as bolas máxicas para revivir a Scott La Rock e Jeros e facer un dueto con eles.
De onde sae a inspiración para facer música con “instrumentos raros”?
J: Antes de ser música para puristas e puretas o rap era unha disciplina innovadora.
As cancións mesturan certa melancolía e certo humor ou ironía. Cal é a porcentaxe de cada ingrediente?
H: Sen humor non hai ironía, a melancolía é defecto do animal. A porcentaxe vai a ollo.
J: A min a palabra melancolía sempre me soou un pouco a lacón. “Melancolía con Grelos”.
As únicas opcións para escoitar a vosa música é ou ben comprar un vinilo ou ben descargar gratuítamente as cancións (na súa páxina web Fluzeando). Por que?
Fluzo: Non teñas medo, se queres pagar a descarga pódesnos invitar ao polbo.
A vosa aposta é orixinal e, en certa parte, arriscada. Como se acolleu o voso traballo?
H: O traballo esténdese máis do que pensabamos, Sevilla foi un bo exemplo.
Como credes que son os vosos fans?
J: As nosas fans son todas filólogas polo menos…
H: … aínda que tamén hai algunha fan que é un fan… Son xente de bo comer e boa festa.
Téndese a asociar o cantar en galego coa música folk. Que pensades sobre isto?
H: A música folk é un invento dos “hipis”. Os gaiteiros non tocaban o buzuki.
Como valorades a escena musical galega actual?
J: Sen dúbida a escena vive momentos doces: Juan Pardo, A Orquesta Panorama, a París de Noia, A Real Banda de
Gaitas de Ourense.… Galicia está chea de novos talentos.
Hai máis grupos facendo algo parecido ao voso?
F: Que ensaien na pulpería e que toquen borrachos? Hainos a esgalla.
Impresiona a enerxía que despregades nos concertos. Cal é a importancia para vós dos concertos?
F: Os concertos comparten o noso top persoal xunto co pemento de Padrón en tempada, o bacallau en todas as súas variantes e o Xhamster.
Que foi o máis sorprendente que vos pasou nun concerto?
J: En Ordes tivemos que socorrer a un tipo que se prendeu lume en plan bonzo. Foi unha situación moi dramática, o rapaz ardía mentres berraba como un tolo PIMPIRIPIM-PIM-PIM
H: Mexarlle na cara a unha fan despois do bolo.
Cal é a vosa canción “favorita” do disco?
H: Polaroids, por levarme a un tempo romántico no que cagaba un peido e saian Hello Kittys.
J: A miña non sei, pero sei de boa tinta que as nais do país escoitan Mundo Verde e mollan as bragas.
Foto | Luis Diaz Diaz
“Juan Pardo, A Orquesta Panorama, a París de Noia, A Real Banda de Gaitas de Ourense.… Galicia está chea de novos talentos” BUAJAJAJAAJAJ
Mañá venres 14 de outubro, Fluzo en concerto en Vigo no
“Fiesta de los maniquies”, ás 22.30.
Hai sesión Fluzo DJs post bolo¡¡¡