O Primavera Sound chega ao Atlántico

Optimus Primavera SoundAgora que xa estamos en pleno outono (en teoría, os termómetros din algo distinto) toca empezar a soñar co próximo verán e a próxima primavera, a repasar os días festivos nos calendarios e inventar carteis ideais para todos eses festivais que están desde agora preparando a súa próxima edición. Algúns, claro, sempre quedan moi lonxe e que poidamos ir depende da nosa situación financeira. Un deles era o Primavera Sound en Barcelona, case sempre cun cartel fantástico pero no outro lado do país… ata agora: a edición 2012 do Primavera Sound sumará a Barcelona unha nova sede que nos gusta moito máis: Oporto!

Polo de agora temos tan só algúns detalles pequenos: sabemos que se celebrará entre os días 7 e 10 de xuño, que o prato forte das dúas xornadas centrais terá lugar no Parque da Cidade e que o primeiro e último día os concertos serán gratuítos e estarán espallados pola cidade. Haberá catro escenarios (un adicado a música electrónica e outro comisionado por All Tomorrow Parties) e as primeiras 1000 entradas xa están á venda por 65 euros.

Falta saber, iso si, o máis importante: o cartel. Desde a organización do Primavera Sound aseguran que estará formado por artistas internacionais de primeira liña, ademais de prestar una atención especial ao indie que vén desde a escena portuguesa, aínda que non sabemos se os artistas coincidirán cos que vaian a Barcelona.

Nós de momento xa temos os días marcados en vermello nas nosas axendas: o Optimus Primavera Sound (así se diferencia do de Barcelona, polo patrocinador) promete converterse nun rival polo recuncho do noso corazón adicado a festivais en Portugal. Ata agora non había dúbida: era o Paredes de Coura. Agora non quedará máis remedio que ir aos dous e comparar!

Shares

2 comentarios

  • iaGo di:

    Eu estou a intentar comprar o abono, por que me parece un bo prezo, e non sei que fixeron os de NCG que non podo… que paciencia…

    Eso si, é unha moi boa noticia!!

  • ovingador di:

    Porto soa mellor que Oporto, non sei cal é o nome oficial que utilizan eles, pero imaxino que será no seu idioma. Algunha recomendación para o cartel do OPS do 2012?, algún grupo de Galicia que mereza ir?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará