* Colaboración especial de Miguel Neira
Unha vez máis Disquecool visitou o país do bacalhau na busca de música en vivo. O noso paraíso musical foi desta vez Paredes de Coura, una pequena localidade situada ao norte de Portugal que alberga todos os anos o xa clásico festival de mesmo nome. Polas súas táboas xa pasaron bandas da talla dos Foo Fighters, Queens of the Stone Age ou Nick Cave, entre outros, e este ano volvéronnos a tentar coa inclusión de Pulp, Deerhunter ou Mogwai no seu cartel. Como engadido á suculenta oferta musical está a sempre agradable zona do río, na que podemos disfrutar de sombras, revitalizantes chapuzóns e un ambiente inmellorable.
Nada máis chegar e montar as tendas baixamos ao río, onde puidemos deducir pola cara dos bañistas que a noite anterior fora bastante dura. Non puidemos asistir ao primeiro día do festival, polo que preguntamos que tal estiveran Crystal Castles, que eran os máis reputados. Houbo opinións para todos os gustos: algún dixo que fora dos concertos máis “bestas” da súa vida, outros dixeron que o público estivera demasiado violento, e outros declararon que ter todo gravado e soltalo por uns bafles non é música en directo.
A nosa xornada de concertos comezou con Twin Shadow. O banda neoiorquina ofreceu unha mestura de melodías propias da New Wave británica, guitarras oitenteiras, sintetizadores e toques soul na voz do seu líder George Lewis Jr, ben executada pero que chegaba a sonar un tanto hortera por momentos. Acto seguido saltaron á palestra as compoñentes de Warpaint. Tiña ganas de velas en directo e non me decepcionaron. Comezaron o concerto soltando a artillería pesada: unha tras outra soaron Undertown, Composure ou Warpaint. Na segunda parte do concerto ofreceron cancións máis longas e menos directas, o que quizais fixo que a intensidade do concerto decaera un pouco. Tras actuación das californianas chegou a quenda para Blonde Redhead, dos que non coñecía moito e cuxas harmonías e atmosferas me deixaron impresionado. Haberá que botarlle unha ollada a súa discografía.
Empezábanse a notar os primeiros empurróns entre o público para coller bo sitio e o nerviosismo de varios fans empezou a acentuarse mentres lían unha mensaxe escrita con láser sobre un inmenso telón que rezaba “Are you ready?”. Despois duns minutos de tensión o telón por fin baixou e apareceu un Jarvis Cocker que non deixaría de moverse nin un instante . Hei de recoñecer (a risco de ser agredido por algunha disque-redactora) que Pulp non é un grupo que me guste especialemente, pero guste ou non é un espectáculo ver o despregue de enerxía e carisma e a teatralidade que pon Jarvis Cocker sobre o escenario. Non se deixaron ningún hit no tinteiro, sendo quizais Disco 2000 e Common People as máis aclamadas polo público. Para rematar a xornada uns para min xa excesivamente electrónicos Delorean e Riva Starr fixeron mover o esqueleto á gran cantidade de xente que quedou no Palco After-Hours.
O día seguinte, tras uns baños e unha agradable comida no pobo volvemos ás tendas. En principio iamos baixar para ver a Trail of Death, pero me estaba a gustar o que estaba oíndo ao lonxe e decidín baixar rapidamente. Boa decisión, Miguel. Só puiden ver a The Joy Formidable durante as dúas últimas cancións, suficiente para comprobar que Whirring é un temazo coma a copa dun pino e que estes rapaces saben tocar. Gustoume especialmente a maneira de aporrear o seu instrumento do baixista, con forza pero con precisión, e a forma na que empastaba coa guitarra da súa enérxica líder.
Despois toculle o turno a Trail of Dead, ou o que é o mesmo: o que queda daquel grupo de mediados dos noventa e principios dos 2000 que tanto escoitei, ...And You Will Know Us By the Trail of Dead. A pesares de que o sonido non lles acompañou ofreceron un concerto sólido, repasando a súa discografía en un formato máis directo e con menos arreglos.
Pero os grandes triunfadores da noite foron Battles: o concerto foi unha exhibición constante de técnica e precisión, acompañada da orixinalidade das súas composicións. O principio do concerto estaba a ser un pouco decepcionante, pero a partires de tocar Atlas a cousa foi cara arriba. Mención especial ao seu impresionante batería e ao mérito de facer os loops sobre os que tocan as cancións en directo. Facer o que fan é complicadísimo. Os seguintes en saltar ao escenario foron Deerhunter, liderados por un cada vez máis consumido Bradford Cox. Non sabemos se polo estado de Cox ou por esixencias do festival o concerto foi bastante corto e faltaron temas por tocar (persoalmente me faltou Helicopter). Non obstante o seu rock ambiental e por momentos ruidista e a voz enterrada do vocalista dos de Atlanta deixou ao público máis que satisfeito.
O final do día no Palco Ritek foi un tanto estraño. Non ten moito sentido poñer a unha banda tan repousada como Kings of Convenience despois de catro concertos de tanta intensidade como os que viviramos ata o momento. A formación noruega ofreceu un concerto correcto e fixo esforzos por facer interactuar a un público que respondeu en forma de palmas ou coros, pero os ánimos decaeron bastante. Se a inclusión dun grupo folk como segundos cabezas de cartel non parecía moi convincente, moito menos o parecía a inclusión de Marina & the Diamonds como cabeza de cartel. A súa música é máis propia do Festival de Eurovisión que do Paredes de Coura.
O último día comezou cun Kurt Vile que resultou un pouco monótono seguido de Two Door Cinema Club, que actuaban no Palco Ritek. Tiña encasillada á banda norirlandesa na categoría de bandas “tu-chis-pa-chis” (lede a expresión varias veces seguidas e resolveredes o enigma) e ao velos en directo comprobei que non estaba equivocado. Tocaron moi ben, pero non ofrecen nada novo. Despois de media hora co mesmo ritmo na cabeza fomos a ver ao dúo dos Ánxeles No Age. Non deron tregua en todo o concerto. As ondas que saían dos amplificadores practicamente despeiteaban. Aparte dun volume excesivo que tapaba demasiado a voz, ofreceron un bo concerto que non puidemos rematar de ver porque queriamos ver a Mogwai cómodos. A banda escocesa presentou a metade do seu novo traballo ‘Hardcore Will Never Die, But You Will…’, completando a súa actuación con temas que repasaron a súa longa discografía, tales como I’m Jim Morrison, I’m Dead, Travel is Dangerous ou Mogwai Fear Satan. A súa música fixo que nos perderamos entre riffs, arreglos preciosistas e explosións apocalípticas. Se ben o seu espectáculo foi bo nun recinto tan grande, podo asegurar que nunha sala máis pequena as emocións que transmite a súa música agudínzanse, sendo os pasaxes calmados máis sobrecolledores e os momentos de rabia máis caóticos.
Lembro que vin por primeira vez a Death From Above 1979 no Paredes de Coura de 2005 a iso das seis da tarde, e resulta curioso que agora os vexa de cabezas de cartel do mesmo festival. Na miña opinión non teñen unha discografía o suficientemente dilatada como para encabezar o cartel dun festival. Supoño que a súa inclusión en festivais de renome internacional como o Lollapalooza fixeron que o seu caché aumentase. Teñen temazos irrevocables como Romantic Rights ou Blood on Our Hands, pero quizais as limitacións de ser un dúo de baixo e batería fan que as súas cancións se asemellen moito entre elas. Gardo mellor recordo do concerto de 2005 quizais porque foi máis curto. Foi un bo concerto pero non para pechar un festival.
Fotos | Janite