O diluvio universal non pode coa xuventude de Alaska

“Es-ta-es, la-ju-ven-tud-de-A-las-ka” coreaban o domingo baixo a choiva torrencial os novos e os non tan novos cando o concerto de Fangoria en Pontevedra se veu ameazado por unha tormenta milenaria (como mínimo).

Todo comezara unha hora antes coma tiña que comezar. A xente esperando ansiosa polo último concerto pontevedrés das Festas da Peregrina. Algunhas mozas berrando “Mario, Mario” como consecuencia do efecto ‘Alaska e Mario’. Unha voz circense que nos anuncia que estamos a piques de presenciar un vodevil revisteiro. E Alaska que aparece no escenario, no alto dunha escalinata, mono hipercinguido e plumas de cisne negro.

O público, moi diverso e familiar, estaba entregado mesmo desde antes de que comezara o concerto.  Aos primeiros acordes de Miro la vida pasar o entusiasmo é xa total. E non deixa de ir in crescendo a medida que Alaska repasa os seus éxitos máis remotos: Un hombre de verdad, La funcionaria asesina -espectáculo con serras fálicas incluído-, Mi novio es un zombie -tiñades que ver ao pai de familia que tiña eu ao lado, voceando enroquecido “él es un zombie, pero me quiere”- , Quiero ser un bote de colón ou Bailando. E é que o bo que ten Fangoria é que, mesmo se cres que non vas coñecer ningunha canción, en realidade sábelas todas. Diversión asegurada.

A estas alturas algunhas pingas comezaron a caer sen que ninguén lles prestase moita atención. Algún paraugas aberto recibiu unha salva de “Paraguas fuera”, e algunha cabeza cubriuse cunha capucha. Quiero ser santa, con performance a lo Lady Gaga, marcou o comezo dunha chuvia xa máis que respectable, que pronto pasou a ser directamente ameazante.

Alaska seguiu desgreñando o seu amplo repertorio, chegando aos exitazos máis -relativamente-recentes e a xente non deixou de saltar afervoada nun só momento. Que si, que algunhas persoas saíron en medio do concerto, pero eu aínda me pregunto como non foron máis (as vacacións? efecto masa enlouquecida?). Canto máis chovía (e choveu moito), máis se saltaba. Alaska preguntou nun par de momentos (bastante dubitativa) , “seguimos ¿no?” e recibiu un embravecidísimo si por resposta.

Inmersos nós nun delirio colectivo a medio camiño entre transo e festa da auga, o concerto tivo que interromperse por seguridade, xa que o escenario estaba empapándose. O encanto rompeuse e unha escorrentada de xente lanzouse ata o aparcadoiro máis próximo, onde non cabía un alfinete. Aí cada quen pasou a facer revista dos danos (como está o móbil? estes billetes tan engruñadiños servirán?) e a comprobar que, definitivamente, tiña enchoupadísima ata a roupa interior.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *