A alternativa portuguesa: festivais no país veciño

Paredes de Coura

Paredes de Coura 2010. Foto | Luis Solarat

Farto de atopar sempre á mesma xente en todos os festivais aos que vas? Farto de pagar prezos astronómicos por grupos que sabes que non sempre pagan tanto a pena? Farto ademais de ver sempre aos mesmos artistas nacionais encabezando os carteis de todos os festivais? Temos a solución, e é máis sinxela do que seguro que pensabas: cruza a fronteira! Festivais de Portugal, imos a por vós!

Super Bock Super Rock 2011. 14-16 de xullo en Lisboa. Aínda non tiñas plan para esta fin de semana? Toma nota, porque o Super Bock é bastante impresionante: Arcade Fire, Portishead, The Strokes, The Vaccines, Junip, Arctic Monkeys, Brandon Flowers, Ian Brown, Beirut e moitos máis. Agora é cando preguntas o prezo, temendo xa algo tipo FIB. Pero non: a entrada de día custa 45 euros. O abono 80 euros. Xa non quedan entradas para o sábado 15 (Arcade Fire), pero si abonos, así que xa sabes!

Milhoes de Festa. 22-24 de xullo en Barcelos. Quizais o festival menos coñecido dos que aparecen nesta lista, pero non por iso menos atractivo: cinco escenarios, acampada gratis e piscina. E por se non te chegase con iso e tamén queres saber quen toca e esas cousas, tes un cartel con todo tipo de grupos: desde bandas de rock clásico setenteiro con toques psicodélicos (Graveyard, Radio Moscow), ata hip hop (Antipop Consortium), hardcore (We are the Damned) ou synth pop (Kim Ki O). Tamén estarán Liars, Vivian Girls e Secret Chiefs 3 entre outros. E nós tamén estaremos cun enviado especial, así que volverás a oír falar deste festival!

Sudoeste TMN. 3-7 de agosto en Zambujeira do Mar. Para este terás que viaxar algo máis, xa que está ao sur do país, pero o cartel ben o merece (e xa de paso pasas unhas vacacións no Parque Natural do Sudoeste Alentejano ou baixas un pouquiño máis ata o Algarve): Snoop Dogg, The National, Janelle Monáe, Destroyer, Kanye West, Scissor Sisters, Interpol, Neon Indian e moitos grupos portugueses por descubrir!

Paredes de Coura. 17-20 de agosto en Paredes de Coura. E por último o festival preferido de todos os galegos, o noso adorado Paredes de Coura que ano tras ano segue a sorprender con carteis impresionantes a prezos realmente populares. Sobre o deste ano debería sobrar con dicir “Pulp“, pero por se ver a Jarvis Cocker e os seus non é suficiente (que si que debería selo, de verdade!), hai máis nomes: Kings of Convenience, Deerhunter, Two Door Cinema Club, Kurt Vile, Warpaint, Wild Beasts… Aínda non estás convencido? A entrada para un día son 40 euros. A dos catro días, 75 euros. Pouco máis hai que dicir.

Foto portada | Edgar Jiménez

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *