Milhões de Festa: festival revelación

Bob Log III e dúas voluntarias

Bob Log III e dúas voluntarias

* Estreamos colaboración especial de Miguel Neira

A cidade portuguesa de Barcelos acolleu esta fin de semana por segundo ano consecutivo o ecléctico Festival Milhões de Festa que xa che avanzamos en Disquecool. Se no 2010 as principais atraccións eran Electric Wizard, Delorean, El Guincho ou The Fall, este ano Electrelane, Liars, Vivian Girls ou Radio Moscow ocupaban as letras máis grandes do cartel. No meu caso a presenza do meu admirado Bob Log III e a miña confianza no bo facer do país veciño no que a organización de festivais se refire, foron os principais motivos que me atraeron novamente a terras portuguesas.

As expectativas postas na organización do festival non fallaron. Ao chegar a Barcelos atopámonos cun amplo aparcamento xusto á beira da zona de acampada (gratis) e os campistas puidemos gozar dalgunha sombra e incluso de auga quente nas duchas do polideportivo do club de hockey sobre patíns.

O punto forte deste festival é sen dúbida o escenario na piscina. Hai cousas que non teñen prezo, e ver un concerto a remollo é unha delas. O ambiente deste espazo era inmellorable. Nada máis entrar tivemos a sensación de estar nalgunha peli ‘yankee’, pero sen xente tirándose desde o tellado. Os concertos que máis animaron aos bañistas foron os de Long Way to Alaska, que practicaron un indie relaxado, ás veces con toques africanos nas súas melodías , e Larkin, que conseguiron facer bailar ao público a ritmo de hardcore.

Piscina do Milhoes de Festa.

Os escenarios principais eran o Milhões e o Vice. A súa proximidade e a inexistencia de aglomeracións debido ao gran tamaño do recinto e á moderada afluencia de público fixeron moi sinxelos os desprazamentos entre concerto e concerto. O venres chegamos xusto a tempo para ver como Zun Zun Egui facían bailar ao respectable ao ritmo dos seus temas con ramalazos tropicais ou africanos (parece que está de moda) chegando a recordar por momentos, e salvando as distancias, a uns Animal Collective menos experimentais.

A continuación chegou a quenda para Graveyard, que foi do mellor do festival. O cuarteto sueco devolveu ao público aos 70’s cos seus temas enormes de rock psicodélico tocados coa precisión dun reloxo suízo. Estaba a disfrutalo tanto que o concerto se me fixo corto, ao contrario que o de outro dos pratos fortes do cartel, Liars, que chegaron a soar bastante monótonos por momentos. Tamén foi salientable a actuación dos portugueses If Lucy Fell, que tocaron á perfección a súa combinación de hardcore e riffs que recordaban ás veces ao mathrock. Moi contundentes e compactos.

Vivian Girls durante a súa actuación

O sábado recibimos unha de cal e outra de area no que a concertos se refire. Da gran cantidade de actuacións que vimos destacaron as Vivian Girls e Bob Log III. O trío feminino de Brooklyn ofreceu un concerto máis que correcto, mellorando a súa actuación no Paredes de Coura do ano pasado, pero o gran triunfador da noite foi o showman de Arizona. Como é costume, Bob Log III presentouse no escenario envolto no seu traxe de home-bala e tapando o seu rostro cun casco. Ver a este xenio en directo é todo un espectáculo. Todo carisma, puxo ao público a bailar desde o primeiro acorde. Incrible a súa capacidade para tocar os seus complexos riffs blueseros e levar o bombo e o prato á vez sen pestanexar. Gustase ou non, seguro que non pasou desapercibido para ninguén.

Antes tocaran uns decepcionantes Zu, cuxo concerto foi unha exhibición do batería sobre un fondo continuo e descontrolado de ruído feito polo baixista e o saxofonista. Nada que ver co que escoitara nos seus discos. Un claro exemplo de que a potencia (neste caso tamén a calidade como músico) sen control non serve de nada. Tampouco me gustaron moito Secret Chiefs 3, dos que coñecía a súa versión de Exodus e polo que quizais non esperaba un repertorio tan baseado en melodías folk de Europa do Leste.

 

O domingo, último día do festival, dirixímonos aos escenarios principais coas forzas xustas. Electrelane eran as cabezas de cartel do festival e non decepcionaron ao seu público. Soaron moi empastadas coa súa cantante e teclista como directora de orquestra, disparando un tras outro os seus temas electro-pop con actitude rock e momentos para a experimentación. Washed Out resultaron aburridos e Radio Moscow, dos que esperaba bastante, quizais mostraron demasiado. O guitarrista e cantante do grupo pasou a metade do concerto facendo solos, o que provocou que súa actuación resultase moi longa. Tocaron moi ben e teñen algún temazos, pero pecaron de virtuosos.

 Antes, Foot Village animaron aos presentes co seu cuarteto de batería e os seus berros dignos dun ritual satánico. Ao principio pensaba que me estaban a tomar o pelo, pero cando me metín no espectáculo (máis que un concerto é unha actuación) e comecei a comprender o que estaba pasando, disfruteino.

Do festival quédome coa organización e os prezos. Sabiades que é posible comer un prato combinado de polo, patacas e arroz por menos de 3 euros no centro do pobo ou tomar unha cervexa nunha terraza por menos dun euro? A pesares dalgunha que outra decepción o balance dos concertos e do festival foi moi positivo. Viva Portugal!

Fotos | Tamara De La Fuente

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *