A actuación de Pelle Carlberg empezou con problemas, pero acabou sendo unha das máis entretidas musicais que esta redactora pisou nos últimos meses. Gracias a que Pelle Carlberg simplemente mola.
O vento en Santiago era este venres demasiado. Tanto que no alto da Cidade da Cultura batía con forza. Excesiva forza incluso. Carlberg era o invitado do día para o Atardeceres no Gaiás, unha curiosa e interesantísima iniciativa que converte á Cidade da Cultura no escenario para recitais de poesía, música clásica ou actuacións decididademente cool – como a que nos ocupa – mentres o sol se esconde por detrás de Compostela.
Se chove, os organizadores teñen un problema. Se vai moito vento, teñen outro diferente. Neste caso, caeu unha das torres de son e a representante da organización tivo que ir avisando aos asistentes (un por un!, un aplauso para ela!) de que o concerto ía ser suspendido. Pero Pelle Carlberg e a súa banda dixeron que tocarían igual, con torre de son ou sen ela, e o concerto converteuse nunha actuación acústica na recollida zona de diante da hemeroteca.
Agardando por Pelle había un público do máis sorprendente e variopinto: familias con nenos que acabaron bailando ao son que marcaban os suecos, algún avó que viña seguro polo custe cero da actividade e algún que outro hipster, todos en paz e harmonía tirados polo chan nos confortables pufs que estaban a disposición do público (un dez para a organización só por iso).
O primeiro co que nos sorprendeu Pelle Carlberg foi cunha petición. Quixo que todos nos pegásemos máis a el e todos tivemos que arrastrar os nosos pufs cara diante. O segundo foi unha canción, que compuxo como confesou dez minutos antes de que arrancara o concerto e que tiña como protagonista á ventosa Santiago de Compostela (“Santiago de Compostela es ventosa, pero que importa”).
Con iso xa tiña ao público practicamente gañado pero o entusiasmo – sobre todo entre os que, coma confeso, non coñeciamos moito a Pelle Carlberg – foi en aumento. As divertidas historias coas que nos explicaba de onde viña cada canción estiveron moi ben. Os momentos nos que abandonaba o seu suposto escenario e se lanzaba coa guitarra a pasear entre as primeiras filas do público eran unha curiosa estampa. E que sacase o seu iPhone para afinar a súa guitarra cunha app (si, xa o sabemos, hai unha app para cada cousa…) foi un plus techie moi curioso.
Pelle Carlberg tocou unhas cantas cancións do seu último álbum, The Lilac Time (non a que pon no seu sitio a Ryanair, maldición!).
Se queredes saber máis sobre Pelle Carlberg, podedes ler a súa disqueficha.
“Deberían facer isto no inverno e con mantiñas”, comentaba unha das asistentes. Os Atardeceres no Gaiás comezaron o pasado de xullo e acabarán co verán, a primeiros de setembro. É unha das actividades de tempada da Cidade da Cultura, que tamén convoca a ver as estrelas e a facer sendeirismo de aquí a setembro.
Foto | Andrés Fraga
2 comentarios