Lembro a miña felicidade case extrema cando o ano pasado apareceu un novo festival en Vigo, o Vigo Transforma, que a un prezo realmente económico traía á cidade ao meu amado Neil Hannon e a outros grandes do panorama internacional: Jeff Tweedy, Devendra Banhart, The XX ou Fanfarlo. Declareille o meu amor incondicional ao festival (dádeme Neil e teredes o meu amor eterno, así funciona) e esperei feliz á seguinte edición.
A seguinte edición foi a que tivo lugar os pasados xoves, venres e sábado, de novo no porto de Vigo con postas de sol case exclusivas para os artistas que tocasen á hora axeitada, e cun claro prato forte: Moby. O artista neoiorquino chegaba o xoves (ás 22:30, unha boa hora para os que tivesen que traballar ao día seguinte) para deixar a todos atónitos. E quizais non tanto el, que pequeniño e adorable como é parece que case desaparece, como a súa acompañante Joy Malcolm e a súa impresionante voz que deixou a todo o mundo boquiaberto. Caeron ademais todos os grandes éxitos (desde We are all made of stars ata Lift me up, pasando por Why does my heart?) e Moby amosou as súas dotes para o castelán.
O venres era quizais o día co cartel máis floxo (máis que nada porque entre Moby e o programa do sábado, quedaba un pouco curto), aínda que si contaba con dous pratos fortes. Por unha banda, a volta de Xoel López, xa co seu nome, que deu un concerto estrañamente emocionante (con tres coristas de Faltriqueira que estropearon a primeira parte do concerto); e por outra os omnipresentes Vetusta Morla, culpables de que por uns intres estar entre o público do Vigo Transforma fose ata un pouco agobiante. Quen seguro que lles agradeceu aos Vetusta o seu tirón foi Ron Sexsmith: os adolescentes que se agarraban á primeira fila desde o principio (moitas horas!) acolleron con bailes e vítores e mans en forma de corazón ao canadiense, que tiña que estar bastante sorprendido.
O sábado era o día con mellor cartel, na humilde opinión desta disquerredactora, polo que non poder ir por temas de avións e migracións estivais (onde estou? en Viena!) fastidioume bastante. Fontes que non queren dar opinións musicais aseguran que estivo “moi guai” e que o concerto de The Gift foi o mellor, con confetti para as primeiras filas.
A sensación xeral do Vigo Transforma deste ano é que continúa a ser un gran festival, aínda que se notaron algúns coletazos da crise: un cartel algo menos chamativo, a desaparición dun dos escenarios, e un prezo algo máis elevado. Esperemos que o ano que vén volva a deixarnos co bo sabor de boca do ano pasado. Non é que nesta edición o sabor deixado sexa malo, é só que coa comparación 2010 gaña a 2011. E debería ser sempre ao revés.
Foto | Janite (Vigo Transforma)