Os festivais que veñen: xullo 2011

Emmaboda FestivalenAínda recuperándote do Vigo Transforma (ou do que sexa que fixeras estes días)? Descansa, pero non moito. Xa sabes como é xullo, cheo de festivais en todas partes, festivais deses con carteis case inconcebibles. Ir a todos é imposible (serían necesarios tempo, cartos, e a habilidade de estar en varios lugares ao mesmo tempo), pero non te preocupes. Se algo bo teñen a globalización e a proliferación de festivais é que moitos deles teñen carteis moi semellantes. Así que saca a axenda e toma nota:

En Galicia. Festival Cultura Quente. Caldas de Reis, 22 e 23 de xullo. Cantos anos escoitaches ese rumor terrorífico que dicía que “este ano no Cultura hai que pagar”? Pois se tamén o escoitaches esta vez e crías que pasaría o de sempre, equivócaste: este ano é certo e o Cultura Quente deixa de ser gratuíto. Que ofrecen a cambio dos 25 euros que costa o abono? Temos a OK Go! (os dos videoclips, xa sabes), The Undertones (Teenage Kicks!), Micah P. Hinson (que non porque sexa habitual por estes lares deixa de facer ilusión que veña), Standstill… e como sempre bastantes actividades na vila e o río para bañarse se vai bo tempo!

En España. Contempopranea. Alburquerque (Badajoz), 29 e 30 de xullo. Un ano máis, a alternativa a todos eses festivais plagados de nomes estranxeiros. A cita do verán do indie español é perfecta para facerte unha idea xeral da escena, cos grupos máis que coñecidos (Standstill, Delafé y Las Flores Azules, La Bien Querida, Ellos…) e outros con menos nome (Megaafonía, Band a part, Dënver…). A representación galega virá da man de Xoel López, Nadadora e Triángulo de Amor Bizarro. Para os que necesitan sempre ver a alguén doutro país para sentir que o festival é un festival de verdade, estarán Cats On Fire, Bearsuit e The School.

No estranxeiro. Emmaboda Festivalen. Rasslebyggd (Suecia), 29-31 de xullo. Basta xa de recomendar tan só festivais no Reino Unido, como se no resto de Europa non houbese nada… e se queremos pop, que mellor país que Suecia? Lembra que de aí saíron ABBA e Jens Lekman… Este ano o Emmaboda ten un cartel perfecto para quen estea cansado de nomes grandes: First Aid Kit, Two Door Cinema Club, Yelle, Vivian Girls, The Hidden Cameras, Wolf People, Neon Indian, …

Foto | Gustaf Alstromer

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *