O outono menos gris: axenda de concertos en Galicia

Lembras cando en plena adolescencia parecía que os grupos importantes, os que de verdade nos gustaban, nunca pisaban Galicia? Todo acontecía en Madrid e Barcelona e nós tiñamos que consolarnos vendo concertos en vídeo ou escoitando cintas de casete gravadas da radio. Afortunadamente esa era xa pasou e agora que temos máis cartos e independencia para, se de verdade é necesario, viaxar a outra cidade por un concerto, xa non é necesario. Galicia si está no mapa da actualidade musical internacional, e este outono especialmente a axenda de concertos é impactante e dunha calidade extrema. Aquí van as nosas recomendacións:

– Javiera Mena (30/09 en A Coruña, 1/10 en Ourense, 6/10 en Vigo)

Xa sabes, a escena indie chilena está de moda e a culpable de que de súpeto todo o mundo teña os ollos postos sobre a música que se está a facer no país é Javiera Mena, coas súas composicións nas que mestura electrónica, pop, bo saber musical e unha falta completa de prexuízos (cita como influencias no seu MySpace a Fleetwood Mac, pero tamén a Laura Pausini). Non é a súa primeira visita a Galicia, xa estivo por aquí teloneando aos Kings of Convenience hai un par de anos, e que saibades que non é raro que nas súas xiras europeas apareza Erlend Oye para cantar algo xuntos.

– Patrick Wolf (13/10 en Vigo)

Despois do susto que nos meteu a todos con ‘The Bachelor’, parece que o músico inglés volveu finalmente á senda da cordura co seu último álbum, ‘Lupercalia’. Ao igual que Javiera Mena, que tamén ten formación musical, Patrick é un virtuoso de todos os instrumentos que vos poidades imaxinar: desde os clásicos no pop como son a guitarra ou o piano (e derivados coma o órgano ou clavicémbalo), ata o violín e a arpa. E a súa voz, claro. Os que xa o viron en directo din que os seus concertos son experiencias desas intensas e inesquecibles.

– Eef Barzelay (14/10 en A Coruña, 15/10 en Ourense)

Eef é o compositor, voz e alma-máter de Clem Snide, unha das bandas de alt-country que máis paixóns levantan no mundo indie por razóns tan sinxelas coma unhas letras cheas de amor e humor e unha altísima e agridoce dose de ironía, e cancións tan perfectas coma Your Favourite Music ou I Love The Unknown (e moitas máis). Eef Barzelay é ademais un personaxe peculiar, cunha voz nasal que soa estrañamente ben e unha forma de moverse no escenario que provoca sempre dúbidas acerca do seu estado etílico. Esperade moitas cancións do disco ‘The Ghost of Fashion’, que está de décimo aniversario, e versións de todo tipo (Eef acaba de gravar un EP con cancións de Journey, a iso nos referimos con “de todo tipo”).

– Bonnie ‘Prince’ Billy (22/10 en A Coruña)

Will Oldham parece un personaxe bíblico con esa barba de espesura prediluviana e as súas cancións cheas de triste delicadeza. Música desa que debería estar prohibido escoitar en estados de depresión ou melancolía, pero que é precisamente neses momentos cando se pode apreciar e sentir de verdade a súa esencia. Moitos din que é o Johnny Cash do século XXI pola súa forma de facer que o country e do folk fuxan das súas raíces e alcancen ese lugar superior que paraliza os nosos músculos e provoca ollos pechados e estómagos contraídos. Johnny Cash (o seu produtor Rick Rubin, máis ben) tamén viu a conexión nalgún momento, e un dos temas que gravou na súa fantástica serie American Recordings foi I See A Darkness de Bonnie ‘Prince’ Billy.

– Adam Cohen (27/10 en Santiago de Compostela)

É de Canadá, o seu apelido é Cohen, a súa voz é profunda e o nome da súa nai é Suzanne. E non, non son simplemente coincidencias, Adam é fillo de Leonard e as comparacións son inevitables. Ser fillo de Leonard Cohen e adicarte tamén á música non debe de ser sinxelo, e o mesmo Adam confesa que lle custou bastante aceptalo. O seu último álbum, iso si, recibiu moi boas críticas e parece que ademais herdou a simpatía e adorabilidade do seu pai nos escenarios. Haberá que darlle unha oportunidade. Ademais nos seus directos adoita a caer algunha versión de papá Leonard, para facilitar a tarefa de comparación a todos os que están alí polo morbo.

– Wilco (4/11 en Vigo)

E por se todo o resto non era suficiente, en novembro teremos a Wilco presentando o seu novo e eloxiado álbum. Que dicir de Wilco? Se hai alguén de culto nesta lista de artistas que nos visitarán no outono son sen dúbida eles (aínda que, xa avisamos, non son aptos para todos os gustos). Máis country e folk estirado por todos os extremos para tocar o rock e a psicodelia, e un líder, Jeff Tweedy (que xa estivo en Vigo no primeiro Vigo Transforma), elevado á categoría de xenio en moitas ocasións. Non estamos moi seguros de que a elección do Pavillón das Travesas para o concerto sexa a máis axeitada, pero haberá que probar. E unha curiosidade extra: na súa web podedes escoller algunha canción que queirades que toquen e mesmo introducir unha dedicatoria para que o mesmo Tweedy a diga. (Se tedes amigos fans que vaian a estar de aniversario, xa sabedes!).

Shares

1 comentario

  • iaGo di:

    Tiña moitas ganas de ver a Barzelay, pero non poderei subir a verlo… :( A Bonnie Prince Billy poderei velo aqui en Lisboa, asi como a o fillo de Cohen (que ainda non sei se irei), e para Wilco en Vigo xa teño a miña entrada :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *