As 10 mellores cancións de R.E.M

REMCando as cousas suceden así, tan de súpeto e por sorpresa, custa un pouco decatarse de que é certo. Onte R.E.M. sorprendíannos a todos anunciando que se separaban. Como aceptar que un grupo que forma parte da nosa vida (moito máis do que moitos pensades), que existiu sempre para certa xeración, xa non está? A voz inconfundible de Michael Stipe e as súas letras que finximos non entender. A guitarra de Peter Buck que recoñecemos no primeiro acorde. O baixo de Mike Mills que serpentea no fondo (pero na superficie) das cancións. A batería de Bill Berry, que aínda soa nos temas máis importantes do grupo.

Non hai máis.

Querías velos en directo? Xa non podes. Confiabas nun próximo disco que nos devolvese aos R.E.M. dos 80? Non o terás.

Que facer agora? Moi sinxelo: repasar eses 15 discos de estudio que nos deixaron e aceptar que as súas mellores cancións xa están escritas e gravadas e ao noso alcance. Tamén podemos soñar con esa realidade alternativa na que quen se separa é U2 e non R.E.M. E ler todo o que se vai a publicar estes días sobre eles e discrepar sobre as listas que din escoller as súas 10 mellores cancións. Listas como esta:

10. What’s The Frequency, Kenneth?

(‘Monster’, 1994). As letras fan referencia á paliza que lle deron en 1986 a Dan Rather, un presentador de noticias. Segundo parece, entre golpe e golpe os asaltantes (que crían que estaban controlados polos medios de comunicación e era a súa forma de vinganza) repetían a frase “what’s the frequency, Kenneth?”. Michael Stipe asegurou que a canción vai “dun tipo que intenta entender á xeración máis nova”, que fai todo o posible por comprendelos, pero que ao final non chega a ningunha conclusión.

9. Nightswimming

(‘Automatic for the People’, 1992). Simple e fermosa: Mike Mills toca o piano e Michael Stipe canta sobre nadar espidos de noite e de súpeto todos desexamos ser adolescentes de novo (porque dalgunha forma pensamos que é algo que fan os adolescentes). É ademais unha desas cancións que estivo a punto de non existir: Mills estaba tocando no piano a melodía pensando que era demasiado “circular” para chegar a algo. Chegou afortunadamente aos oídos de Stipe, onde naceu a inspiración.

8. Bad Day

(‘In Time: The Best of R.E.M. 1988-2003’, 2003). Bad Day non foi gravada e lanzada ata 2003, pero o certo é que a canción data xa de 1985, cando Michael Stipe algúns dos seus versos nun concerto por primeira vez. É un deses exemplos de cancións boas de R.E.M. que soan demasiado a outras con razón: Bad Day é unha especie de precursora doutra canción. A que, por certo, encabeza esta lista. O vídeo é fantástico, aínda que botamos de menos algún dos típicos bailes de Stipe.

7. Losing My Religion

(‘Out of Time’, 1991). Claro. Estamos fartos de escoitala, pero hai algo en Losing My Religion, nesa mandolina, nesa melodía, e nesas letras, que ten a capacidade de facernos subir o volume, sorrir e ser quen de desfrutar unha das cancións máis radiadas da historia do pop. A expresión “to lose one’s religion” non ten un significado literal: segundo parece, no sur de Estados Unidos, significa algo como “perder os nervios, os estribos”. Michael Stipe dixo que a temática é similar a de Every Breath You Take de The Police (que non, non ten unha letra bonita, dá bastante medo): amor obsesivo.

6. Country Feedback

(‘Out of Time’, 1991). A primeira (e a penúltima) desta lista que non foi lanzada como single. Que ten de especial? É difícil de explicar, como o é a súa letra e esa estraña sensación de desesperanza que nos provocan os versos “It’s crazy what you could’ve had, it’s crazy what you could’ve had, I need, I need this” repetidos ata a saciedade ao final da canción. Segundo din, ademais, todo foi una improvisación.

5. Strange Currencies

(‘Monster’, 1995). Outra desas típicas cancións de R.E.M. que soan demasiado a outra canción de R.E.M. Si, ese arpexio de guitarra é demasiado similar ao de Everybody Hurts, e por iso mesmo estivo a punto de ser descartada para o disco. Afortunadamente, ao final decidiron metela. Unha vez máis, Michael Stipe canta sobre amores obsesivos. Debo confesar ademais que se este tema está nesta lista e tan alto é porque abría un dos primeiros mix-CDs que me regalaron. Adolescencia de golpe.

4. Man on the Moon

(‘Automatic for the People’, 1992). É ou non é unha canción fantástica? Tan só polo momento Elvis (escoitade con atención) merece un lugar no podio das mellores cancións do pop. As letras mesturan ciencia e relixión e todas esas cousas que quizais non debamos crer. De verdade pisou o home a Lúa? De verdade está morto Andy Kaufman? Anos despois deu nome ao filme de Milos Forman sobre o “artista de variedades” protagonizado por Jim Carrey.

3. The One I Love

(‘Document’, 1987). Para o podio de R.E.M. hai que remontarse aos anos 80. The One I Love é outro deses temas que todos rematamos por aceptar como cancións de amor e unha das cancións que máis se piden na radio para dedicar a amantes, pero ao igual que pasa co Every Breath You Take de The Police, cando o pensamos un pouco non parece o máis axeitado. O propio Stipe asegurou que a canción era “incriblemente violenta” e que estaba moi claro que ía de “utilizar á xente unha e outra e outra vez”. Perfecta para San Valentín, vaia.

2. You Are the Everything

(‘Green’, 1988). Esta é outra debilidade persoal que teredes que perdoar. É, de feito, outra das que (inexplicablemente para min) non foi lanzada como single. Nesta polo menos o amor parece puro e inofensivo, pero quizais sexa porque non parece falar de amor romántico, senón de amor á familia o aos amigos ou á humanidade en xeral.

1. It’s The End Of The World As We Know It (And I Feel Fine)

(‘Document’, 1987). A evolución de Bad Day provocou esta pequena marabilla rabiosa na que a letra non parece ter moito sentido e que simplemente flúe sen parar desde a mente de Michael Stipe cara fóra. O único que se sabe é que se menciona a Leonard Bernstein, Leonid Brezhnev, Lenny Bruce e Lester Bangs por un soño que tivo Stipe no que ía a una festa na que só había xente coas iniciais L.B.

Shares

8 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *