Kathryn Calder: “Non quería escribir un disco triste”

Kathryn Calder en Vigo.

Kathryn Calder deu o salto de gravar un disco en solitario nun dos momentos máis dramáticos da súa vida: escribiu e gravou ‘Are you my mother?’ mentres coidaba da súa nai enferma, co duro obxectivo interno de que o puidese escoitar antes de morrer. O obxectivo interno puido ser cumprido, pero ademais o resultado deses meses é un disco fermoso, nin de lonxe todo o triste que un podería imaxinar, con tintes de optimismo e cancións cheas de vida. Coñecendo a Kathryn, non obstante, tampouco é de extrañar: sorrinte e doce, recibiunos un rato antes do seu concerto en Vigo, o penúltimo da súa primeira xira en solitario por Europa (ten vido moitas veces con The New Pornographers, onde toca os teclados), antes de saír ao escenario de La Iguana coa súa banda e namorar a todos os alí presentes coa súa voz, as súas cancións, e a súa simpatía.

Como vai a xira?

Está a ir xenial, e nunca estivera en Galicia antes, así que está moi ben estar aquí. Antes tocamos en Barcelona e en Vic, e ao día seguinte desde aí fixemos en furgoneta todo o camiño ata Ourense. Unha viaxe bastante longa, pero valeu a pena! É ademais a primeira vez que toco en España (en Europa!) co meu proxecto en solitario…

E que diferencias notas entre tocar cunha banda como The New Pornographers e tocar co teu propio proxecto?

É simplemente distinto, xente distinta. Con The New Pornographers imos moitas veces en autobús, nós imos nunha furgoneta, todo é máis pequeno, máis íntimo, tamén os concertos. Pero estou a pasalo moi ben.

Pero agora recae sobre ti toda a atención…

Si, é unha sensación nova. Custoume un pouco afacerme a ela cando empezaba. Era raro que fose o meu nome o que estaba en todas partes, era raro ter que cantar durante todo o concerto, ou estar no centro do escenario… Levoume como un ano afacerme.

Cando tocaches como “Kathryn Calder” por primeira vez?

A nosa primeira xira foi en maio, bastante recente! Fixera tamén algúns concertos na zona na que vivo, en Canadá, pero non unha xira, e nada máis lonxe de Vancouver, cando estaba xuntando a banda en 2009. Pero a xira real empezou en maio de 2011, e agora ao volver continuaremos a xira para presentar o novo disco.

Cando se publica?

Sae o 25 de outubro en Norteamérica, non sei que pasará en Europa… Pero si, xa está rematado, é emocionante! Gústame o proceso de sacar un disco, nunca sabes cómo o vai recibir a xente, así que tamén dá un pouco de medo. Pero é divertido, porque significa que está rematado, completo. Cando o fas pasas moito tempo preocupándote por detalles pequenos (“está a miña voz suficientemente alta? e o baixo e as baterías? necesita máis partes?”), parece unha eternidade. Pero entón remátalo e queda uns meses sentado ata que decides fixar unha data e deixalo ir. E é un proceso moi extraño, pero creo que eses catro ou cinco meses son moi importantes, porque se, digamos, sacas un disco e non lle gusta a ninguén, podes ter certa distancia. Podes dicir: “oh, non me importa”.

Eras máis nova…

Si, “fíxeno hai seis meses, daquela era aínda tan nova…” (risas)

E en que se diferencia do anterior?

É bastante diferente, si. É similar e diferente. ‘Are you my mother’ foi o meu primeiro disco en solitario, así que non tiña nin idea do que debía esperar de min mesma. Intentaba facer cousas, e algunhas funcionaban e outras necesitaban cambios. Foi tan só un proceso de descubrir qué me gustaba e qué quería. Pero co novo álbum estaba preparada, xa tiña a experiencia, así que sabía como conseguir o que quería mellor. Hai un pouco máis de distrosión nalgunhas cancións, e os temas non son sempre tan directos. É tamén é algo máis electrónico, que é algo que non esperaba, pero simplemente pasou. Gústame deixar que as cancións se desenvolvan elas soas. É dicir, sei que as estou a desenvolver eu na miña mente, pero non me gusta forzalas: se van nunha dirección e soan ben, por que cambialas?

As cancións son novas ou xa as tiñas na época de ‘Are you my mother’?

Escribinas despois. Rematei ‘Are you my mother?’ e empecei a escribir os temas para ‘Bright and vivid’ (así se chama o novo álbum). Quero intentar escribir cancións antes, pero é complicado ao estar de xira, estou demasiado centrada no que estou a facer e para min é imposible pensar nunha canción nova. Ademais son moi recelosa cando escribo, moi tímida. Non podería escribir un tema con xente diante, teño que estar soa.

Moita xente di que ‘Are you my mother?’ soa alegre e optimista, especialmente tendo en conta a situación pola que estabas a pasar. Estás de acordo? Foi unha decisión consciente?

É curioso, porque para min non é un disco alegre, as letras non o son… algunhas si, pero outras non. Así que cando a xente di que é alegre só digo “ok, quizais… non sei”. Cando estaba escribindo para o disco si que era consciente de que non quería escribir un disco triste, porque dalgunha forma estaba a facelo para a miña nai. E o último que quería era que ela escoitase o disco, e que fose moi triste e todo sobre ela. Ademais gústanme os discos que se poden escoitar en moitas situacións distintas: antes de saír de festa, antes de ir a durmir,… Quería que fose un disco versátil, non un disco para escoitar só cando estás triste, por iso hai cancións máis animadas.

Cambiando un pouco de tema, como facedes nun grupo como The New Pornographers, no que todos tedes polo menos un proxecto paralelo, para organizar xiras, discos, etc?

É difícil, pero o bo dun grupo grande como The New Pornographers é que somos moitos e todos facemos outras cousas, pero sempre sabemos con tres ou catro meses de antelación cal vai ser o noso calendario. Por exemplo agora as cousas están bastante calmadas nesa fronte porque sacamos disco e fixemos xira o ano pasado, por iso eu non puiden ir de xira co meu disco ata maio de 2011. Basicamente marcho de xira cando The New Pornographers non están a facer nada, pero ás veces pasan cousas como o que terei o mes que vén: estarei coa xira do meu novo disco pola Costa Oeste, e teño un día libre no que debo atravesar o país ata Carolina do Norte para un concerto alí cos New Pornographers, e despois voar de volta e continuar coa miña xira.

E hai plans de disco novo para The New Pornographers?

Non sei, penso que si, pero aínda non sei. Aínda non empezamos, ou polo menos eu non empecei… ao mellor Carl si está a facer algo!

E xa para rematar, todo o libreto de ‘Are you my mother?’ deseñáchelo ti. Fas cousas deste tipo de forma habitual? Algo de ilustración?

O único que fago son collages, debuxo como un neno… non progresei demasiado máis alá dos oito antos! Pero gústame o collage porque é bastante interpretativo, podes facer moitas cousas pero non ten que ser perfecto, non ten que ser realista. É divertido. Fíxeno para o disco, e ás veces fágoo tan só por diversión, fago postais de Nadal ou cousas así. Pero para ‘Bright and vivid’ xa non o fixen eu, os deseños son da artista canadiense Megan Hildebrand.

*Kathryn Calder tamén encheu a nosa disqueficha, descubre qué é cool para ela!

Foto | disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *