As 10 cidades máis hipster de Estados Unidos

Tes xa plan para este verán? Se unha das túas ideas era a de cruzar o charco e ver a que andan no berce do hipsterismo, estás de noraboa. A revista Travel + Leisure vén de publicar unha lista coas cidades máis hipster-friendly do país, con bastantes sorpresas e exemplos de lugares que quererás visitar (ou importar) xa. Repasamos o top 10!

10. Denver (Colorado). Por que está o lugar de nacemento de Tim Allen nesta lista? Pode que nunca teñas oído falar moito de Denver, pero resulta que os seus méritos son basicamente dous: o próximo que está ás Montañas Rochosas, facendo dos seus habitantes xente deportista e amante da ecoloxía e, sobre todo, a gran escena de cervexerías locais nas que fabrican a súa propia cervexa. Cervexa DIY e sostible!

9. Filadelfia (Pensilvania). A cidade de Rocky atrae aos hipsters amantes da arte máis tradicional coa súa gran escena de teatro el música clásica. Despois hai dúas palabras clave: cervexa (ao igual que Denver, coas cervexerías ecolóxicas) e café, tamén autoproducido.

filadelfia
Filadelfia. Foto | Justin Wolfe

8. San Xoán, Porto Rico. Si, sabémolo, os teus prexuízos impiden que poidas aceptar algo de Porto Rico como hipster (hipsters bailando reggaeton??), pero os lectores de Travel + Leisure opinan que as súas noites con mil locais de cociña étnica, cafés e postos de comida na rúa, sumado a que a concentración de geeks por metro cadrado é tamén alta e aos seus mercadillos cool fan necesario que entre na lista.

austin
Austin. Foto | Michael Cote

7. Austin (Texas). Isto é xa menos sorprendente. Non penses na Texas dos ranchos de Bush, xa que Austin parece ser o pequeno paraíso progresista do estado. A cidade acolle ademais un dos festivais que máis atraen a hipsters de todo o mundo, o SXSW, onde música e tecnoloxía (aquí se lanzou Foursquare!) conviven durante varios días. Austin é tamén coñecida polas súas galerías de arte na parte este da cidade.

6. Providence (Rhode Island). Esta pequena cidade (non chega aos 200.000 habitantes) é coñecida por ser un centro artístico do máis vangardista, especialmente no que se refire ao mundo das performances. Ademais, ten o curioso logro de ser a cidade estadounidense con máis cafés per capita.

5. Portland (Maine). Chegamos ao top 5 co Portland menos coñecido, que logra colarse na lista grazas, unha vez máis, á máxica combinación de café e cervexa. Ademais, como os seus homónimos de Oregón (dos que falaremos, claro, máis adiante), conta cunha escena de defensa da agricultura urbana bastante vibrante.

4. Nova Orleáns (Luisiana). Destino preferido polo subgrupo de hipsters bohemios, escollida pola súa vida nocturna de música en directo, a nostalxia histórica de todo o que a cidade significou para a música moderna e por unha concentración bastante alta de tendas vintage.

3. San Franciscco (California). Outra sorpresa. Que fai San Francisco tan abaixo na lista? Que dúas cidades poderían ser máis hipsters que o berce do hippismo? O certo é que San Francisco xa non é o que era nos 60, pero segue a ser un dos centros das subculturas en Estados Unidos por razóns históricas e polo pasou na área nos últimos anos: aos hippies uníronselle os geeks. Con tanta startup tecnolóxica por metro cadrado, Frisco tiña que estar aquí.

2. Portland (Oregón). Pouco hai que engadir aos exemplos postos pola revista. En Portland hai unha tenda de roupa vintage nun autobús de dous pisos. En Portland hai un bar con bicis estáticas nas que os clientes poden axudar a xerar electricidade! De Portland son The Decemberists e M. Ward e Laura Gibson. Portland ten unha serie de televisión, ‘Portlandia’, que é unha parodia da vida hipster da cidade.

1. Seattle (Washington). Deixa de pensar en Seattle como a cidade do grunge. Os tempos de Mudhoney e Nirvana quedan ben atrás. Agora é a cidade de Death Cab for Cutie, Iron and Wine, Fleet Foxes e, ai, Flight of the Conchords. Estamos xa centrados? Seattle é ademais a capital dos recitais de poesía, ten un festival de cine polaco, moito café e moito gurú tecnolóxico.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *