Es corredor ou zombi?

Corriendo entre zombies

As carreiras de zombis levan xa un par de anos de moda en Estados Unidos. Non se trata do título dun filme cómico de horror, senón dunha carreira campo a través de cinco km, con obstáculos, pero coa motivación extra de escapar dos mortos vivintes que che saen ao camiño. Tras participar nunha desas carreiras, a ex-deportista de elite de wakeboard Ana Álvarez decidiu importalas a España : “Encantoume participar porque foi moi divertido, moi diferente a calquera outra carreira na que puidese ter corrido. Esa idea quedoume roldando na cabeza, e unha vez en España decidín crear un equipo e desenvolver o proxecto”.

O resultado é “A carreira dos zombis“, un evento que se celebrará en Madrid, Barcelona e Vigo, aínda que para esta última cidade aínda non hai fecha definitiva. En principio será a finais de xullo -probablemente o día 29-, en Coruxo.

A mecánica da carreira é a seguinte: os corredores sairán en mangas de 50 persoas cada 5 minutos, e terán que correr os cinco quilómetros enfrontándose a obstáculos naturais como barro, troncos, subidas e baixadas, e outros artificiais como pirámides de madeira, tubos… aínda que Ana prefire non desvelar todos os “accidentes” que atoparán os corredores para poder xogar co efecto sorpresa. Pero sobre todo, terán que enfrontarse aos zombis, cuxo obxectivo es arrincar as catro cintas que cada corredor levara atadas no pantalón, e que representan a vida. O gañador entre os zombis será o que consiga máis cintas e vaia mellor caracterizado.

Na carreira pode participar calquera persoa de máis de 14 anos, coma corredor ou coma zombi. Iso si, para ser dos primeiros compre adestrar un pouco, porque  aínda que sexa máis espectáculo que carreira, non deixan de ser cinco km. Ser dos segundos parece máis sinxelo, xa que só precisas pintura branca e actitude zombi: brazos en alto, movementos torpes, expresión inquietante.

En canto aos prezos, ser corredor custa 25 euros e ser zombi 15, pero é posible conseguir interesantes descontos  na páxina web e seguindo “A Carreira dos zombies” no seu facebook.

A resposta da xente desde que se presentou o proxecto está a ser moi entusiasta: “A xente está encantada coa idea. Senten que é unha forma diferente de pasar o día ao aire libre, coa familia e amigos, facendo deporte e pasándoo ben”, explica Ana. E é que non ten un todos os días a posibilidade de transmutarse en zombi ou fuxir dos monstros para salvar a vida. Ata agora, iso só nos pasaba no cine.

Fotos | Corriendo entre zombies

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *