Tralas pegadas do hipsterismo: Seattle

Tralas pegadas do hipsterismo: Seattle

Hai un tempo presentámosche as cidades máis hipster-friendly dos Estados Unidos, a partir dunha clasificación elaborada pola revista Travel + Leisure. Pero xa sabes que en Disquecool gústanos comprobar e experimentar as cousas das que falamos, e por iso este verán nos propuxemos visitar algúns dos lugares que figuran neste ranking para contarcho con todo detalle. A Costa Oeste foi o espazo xeográfico escollido, e de norte a sur, seguimos as pegadas do moderneo desde Seattle a Portland (cidade natal ou de residencia de moitos dos nosos entrevistados musicais) para rematar na icónica San Francisco.

Na nosa primeira entrega percorremos os barrios de Seattle, que resume algúns dos principios de calquera cidade hipster que se prece: bicicletas, café, microcervexerías e produtos ecolóxicos e locais.

A cidade máis grande do Estado de Washington, ‘The Evergreen State’, está vixiada polo monte Rainier e circundada polas fermosas paisaxes do Lago Washington e da baía coñecida como Puget Sound, xunto ao océano Pacífico.

Tralas pegadas do hipsterismo: Seattle

Gábanse de ser a cidade da chuvia, pero nin por asomo chove tanto como en Santiago. As precipitacións anuais rexistran uns 970 mm, aínda que as cifras non o din todo por si soas. En Seattle si chove con frecuencia, pero con moi pouca intensidade. Tamén é moi posible, como nos pasou a nós, que as néboas acompañen ao viaxeiro.

Cidade de músicas, con arrecendo a café e amabilidade en cada recuncho, Seattle tamén é sede de Microsoft, Starbucks, Amazon, a biotecnoloxía e a aviación. Considerada en moitas ocasións como o berce do hipsterismo, invita a explorar os seus eclécticos e animados barrios (en bicicleta, moito mellor).

Tralas pegadas do hipsterismo: Seattle

O centro, ou Downtown, é o típico barrio de rañaceos e oficinas dunha cidade grande americana. En Seattle, esta zona non carece de encanto, con edificios antigos que crean agradables contrastes coas novas edificacións. O mellor é sen dúbida o Pike Place, o mercado, co coñecido lanzamento de peixes, frescas froitas e verduras e pequenos postos de artesanía. Á súa beira naceu o primeiro Starbucks, que hoxe atrae unha marea de turistas que fan cola para descubrir os segredos da beberaxe que tanta ledicia lles produce cada mañá. Nun parque anexo ofrécense abrazos gratis, hai pintadas de follas de marihuana no chan e unha señora escoita a todo aquel que non teña con quen desafogar.

Un monorraíl condúcenos rapidamente ao Seattle Center, presidido polo icona da cidade, o Space Needle. Construído para a futurista Exposición Universal de 1962, era a edificación máis alta de Seattle por aquel entón, con 184 metros de altura. Atravesado polo monorraíl tamén se atopa o Experience Music Project, un moderno edificio de Frank Gehry que acubilla os soños do cofundador de Microsoft, Paul Allen. Cancións manuscritas e obxectos persoais de Kurt Cobain e doutras estrelas do grunge, estilo que naceu na escena de Seattle, así como guitarras de Jimi Hendrix, tamén natural desta cidade, son algunhas das principais atraccións. O museo alberga ademais obradoiros de instrumentos e un panel coa evolución da guitarra desde o seu nacemento.

Pioneer Square merece sen dúbida unha visita. É o típico exemplo de barrio degradado que empeza a revalorizarse coa introdución de galerías de arte e restaurantes. É a zona máis antiga de Seattle, con bonitos edificios de ladrillos. Capitol Hill é, segundo unha clasificación da publicación Forbes, un dos barrios máis hipster de Estados Unidos. Unha alta concentración de cafeterías, tendas con produtos de deseñadores norteamericanos, locais nocturnos e un mercado de produtos frescos para gourmets fan de polo de atracción para os modernos do lugar. En Oddfellows, onde o camareiro nos recibe cunha margarida na súa melena afroamericana, cáptase toda a vibración deste barrio. Nas diferentes mesas persoas creativas falan de novos proxectos, e das paredes penduran unha bandeira estadounidense descolorida e un retrato en branco e negro de señores con insignias e bigotes.

Tralas pegadas do hipsterismo: Seattle

O campus da University of Washington é de postal, cos seus paseos axardinados e o monte Rainier como pano de fondo. O edificio estrela é a biblioteca, de estilo gótico, que vixía un señor de pelo longo branco e camisa de palmeiras. Pese á inspiración británica da arquitectura universitaria, isto segue sendo América.

Moi preto do campus, paga a pena pasear por Lake Union e admirar as súas casas flotantes, famosas desde que Tom Hanks se instalou nunha delas na película ‘Sleepless in Seattle’ (ou ‘Algo para recordar’, na tradución española).

Tralas pegadas do hipsterismo: SeattleA autoproclamada como República Artística de Fremont reúne un gran número de ciclistas, e curiosas esculturas –un troll, un grupo de pasaxeiros que agardan o autobús e ata unha polémica estatua de Lenin-, e establecementos hipster como unha barbería cool, un local de xeados artesanais e tendas de roupa vintage e bicicletas. Se tes antollo de hamburguesa, as do Blue Moon son deliciosas. O mercado local tamén ten moita sona.

Co mesmo fondo bohemio, pero máis elegante, Ballard, unha zona de antigos almacéns de mercancías e da industria portuaria acolle agora entre as súas paredes de ladrillos vermellos bonitos cafés e restaurantes e tendas de roupas e complementos desas nas que é case inevitable non entrar.

Nas proximidades deste barrio podemos atopar un perfecto exemplo da cultura das microcervexerías que se estende por toda a costa oeste. Peddler é unha pequena fábrica de cervexas que atenden dúas simpáticas rapazas que nos resumen nunha frase a súa filosofía: “Unimos as nosas paixóns: a cervexa e a bicicleta”. A fábrica é tamén lugar de degustación, e xunto a clientes habituais que enchen as súas botellas de cristal grupos de amigos participan en catas dos distintos tipos de bebidas. Na entrada hai un aparcadoiro de bicicletas con ferramentas para a súa posta a punto e as mascotas son ben recibidas. Saboreando o peculiar e cada vez máis atraínte sabor dunha IPA preparámonos para o noso próximo destino, Portland, onde a cultura da cervexa é case unha relixión.

Tralas pegadas do hipsterismo: SeattleFotos | Andrés Fraga

Shares

3 comentarios

  • Moi bo post! Seattle é o meu próximo destino! (Ainda que terá que esperar un chisco jejej)

    Saúdos dende Gelolas Vintage Vigo

    http://www.modaonlinegelolasvintage.com/blog

  • Nuria di:

    Estiven en Seattle o mes pasado e é un sitio interesante. O mellor é o EMP polo SoundLab onde podes facer o parvo cos intrumentos e grabar cousas. É moi divertido. A zona de Pioneer Square mete medo, como outras zonas, e non hai tanto hipsterismo como poida parecer, polo menos na miña opinión. O mellor destas cidades é a natureza e os lagos (o Rainier, que é incríble). Tamén estiven en Portland, que decepcionoume unha barbaridade, así que espero ansiosa o seguinte artigo, aínda que xa me espero as alabanzas :) Se alguén estivo pola zona fai pouco, gostaríame intercambiar opinións…a ver se foi cousa miña ou que.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *