Unha ruta polo Santiago máis xaponés

sushi

Houbo un momento, non hai tantos anos, que a comida xaponesa espertaba certo resquemor. Pero como che pode gustar iso é peixe sen cociñar, era o comentario máis habitual. (E o de ‘tamén comes salmón afumado’ non valía como resposta porque sempre che dicían que ‘non é o mesmo’). Vale, si, hai que recoñecer que a primeira vez que comes sushi o que atopas é algo estraño (as texturas son diferentes, ata os sabores) pero só é cuestión de comezar con tino (tampouco hai porque empezar co máis exótico) e de esquecer os prexuízos. Afortunadamente, nos últimos anos a comida xaponesa entrou nas listas do ‘exótico pero máis mainstream’ e os restaurantes nipóns comezaron a aflorar. Xa non só sabemos de sushi senón que tamén engadimos brochetas, polos e tempuras variadas. E en Santiago – tras anos de seca – hai xa unha oferta variada de destinos xaponeses. 

Nippon Store. Está preto de onde estaba o defunto cine Valle-Inclán, na rúa Fernando III o Santo, no Ensanche. Non é un restaurante, pero é unha parada básica para coñecer a cociña xaponesa. Nippon Store é unha especie de mini supermercado – delicatessen – tenda variada de cousas xaponesas. Teñen bolsas de gyozas conxeladas para que as podas facer na casa, golosinas niponas, todas esas salsas que che poñen nos pratos xaponeses, noodles xa feitos e similares. Teñen sushi para levar os venres e os sábados (e non é nada caro) e organizan cursos para que aprendas a facelo ti mesmo. Venden online.

Santiago Kyoto. É o último en unirse á lista de destinos xaponeses en Compostela. Tamén está na zona nova, en Santiago de Chile. O restaurante ten unha carta bastante completa (aínda que si, seguramente escoitariades unhas cantas veces que é un pouco caro; posiblemente todos os xaponeses son así de caros, o problema é que non teñen un menú que permita por exemplo a mediodía probalo a un prezo máis axustado) e servizo a domicilio. Todo está bastante rico.

La casa de la marquesa. Este é o único destino xaponés da zona vella. Está na Costa de San Domingos, xusto a que leva ao CGAC e a Bonaval. Teñen moita variedade de sushi, aínda que lle faltan cousas como o polo teriyaki (un must!). Pódese pedir a domicilio (aínda que hai un pedido mínimo e ten custe) e mercar para levar. Aos mediodías teñen menú do día (por riba dos dez euros).

Agora realmente só nos falta o típico restaurante chino-xaponés, que vende comida xaponesa a prezos populares (e rollitos de primavera de paso). Ese xusto ao que non vas cando saes a cear pero ao que sempre chamar para pedir a domicilio. Algún emprendedor?

Foto | Mike Saechang

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *