Xa vos falamos nalgunha ocasión do moito que nos fascinan os lugares abandonados (e non só a nós, son destinos turísticos cada vez máis de moda): ver edificios, estruturas, cidades, lugares nos que recoñeces que houbo vida e que agora están xa tomados pola natureza. E case (salvando as distancias) como viaxar a Pompeia, como ver unha Atlántida sobre terra. O de hoxe vai un paso máis alá: o abandonado son parques de atraccións, o que fai que todo sexa un pouco máis inquietante.
Montañas rusas, carruseis, norias, grandes estatuas de paiasos sorrintes nos que agora só hai árbores, ferruxe e herba. Case escoitamos as risas dos nenos ao fondo, os gritos de emoción, as músicas de feira… Paisaxes que pasan rápidamente ao pesadelo ou á película de terror (de feito, moitos destes parques foron utilizados para rodar filmes deste tipo). E as historias de moitos deles dan xa o guión perfecto.
*Fai clic nunha imaxe para entrar na fotogalería
-
- Six Flags New Orleans, Estados Unidos (2000-2005). Este parque de atraccións foi arrasado polo furacán Katrina en 2005. Hai plans de demolición desde hai xa algúns anos, pero de momento segue en pé (e é un dos destinos de exploración urbana máis populares, aínda que entrar é ilegal).
-
- Dadipark, Bélxica (1950-2002). Foi sempre un parque de atraccións máis ben pequeno, destinado aos fillos dos turistas. A finais dos 90 e principios dos 2000 houbo varios accidentes (un neno perdeu un brazo nunha das atraccións) que levaron a queixas sobre a súa seguridade e peche “por reformas” en 2002. Non abriu máis e o ano pasado empezou a demolición.
-
- Gulliver’s Kingdom, Xapón (1997-2001). O problema principal deste parque adicado a Gulliver (cunha figura deitada de máis de 40 metros de longo) foi a súa localización. Aos pés do Monte Fuji, as vistas eran fantásticas, pero non todo era tan bo: xusto ao lado estaba o “bosque dos suicidios” (un dos destinos máis populares para quitarse a vida) e a sede da secta Aum Shinriyko, que en 1995 fixeron varios ataques con gas sarín en Tokio. Non moita xente levou alí aos seus fillos.
-
- Joyland, Kansas, Estados Unidos (1949-2004). Típica historia de negocio familiar que, cando morren os donos, empeza a morrer. Pero este parque podería ter un final feliz: unha organización, Restore Hope, ten pensado unir á comunidade de Wichita para restaurar o parque e volvelo abrir nos vindeiros anos.
-
- Lincoln Park, Massachusetts, Estados Unidos (1894-1987). A estrela deste parque era a montaña rusa de madeira Comet, construída en 1946. Os problemas de seguridade e a competencia dos parques de atraccións modernos acabaron co Lincoln Park: un accidente fatal en 1986, máis un accidente con catro feridos cando a un dos coches da Comet falláronlle os freos en 1987, forzaron o seu peche. Comet foi demolida en xullo de 2012.
-
- Nara Dreamland, Xapón (1961-2006). Este parque de atraccións copiaba de forma descarada ao Disneylandia de Anaheim, aberto en 1955, castelo da Bela Durminte incluído (de feito, nun a idea era que fose Nara Disneyland, pero finalmente non chegaron a un acordo cos prezos das licencias). Pechou cando outros parques máis modernos (Universal Studios Japan, concretamente) abriron non moi lonxe e deixaron a Dreamland sen xente.
-
- Okpo Land, Corea do Sur (?-1999). Non se sabe moito deste parque, pero si que pechou tras unha serie de accidentes fatais, dous deles nesta montaña rusa de patos. Tras o último, no que unha rapaza saíu lanzada nunha curva e morreu, o propietario do parque desapareceu e non se volveu a saber máis. O parque, claro, tivo que pechar.
-
- Parque de atraccións de Pripyat, Ucraína (1986). Este parque tiña a súa inauguración prevista para o 1 de maio de 1986, pero o día 26 tivo lugar a catástrofe de Chernobyl, moi próxima a Pripyat. O 27 abriu unhas horas para entreter á xente mentres se facía oficial o anuncio de evacuación da cidade. Os niveis de radiación son aínda moi altos, pero é un destinos preferidos polos exploradores urbanos.
-
- Casino Pier, Nova Jersey, Estados Unidos (1969-2012). Este parque de atraccións situado no porto de Seaside Heights foi destruído en 2012 polo furacán Sandy, dando como resultado esta curiosa imaxe dunha montaña rusa no medio do mar.
-
- Este parque de atraccións de Berlín pechou porque acabou sendo insolvente, pero a historia interesante é a do seu propietario. Norbert Witte, arruinado, fugouse en 2002 a Lima, coa súa familia e algunhas das atraccións do parque. En Perú intentou abrir outro, sen éxito. O seguinte que se soubo é que en 2004 foi condenado a sete anos de prisión por intentar meter case 200 quilos de coca en Alemaña, agachados dentro dunha atracción. Dise que vive nunha caravana no medio do seu parque de atraccións abandonado en Berlín.
Encantoume o post! A verdade e que dan certo medo…pero é unha pena que queden tan lonxe…faríalles unha visita ;)
Saúdos dende Gelolas Vintage Vigo
http://www.modaonlinegelolasvintage.com/blog