Tralas pegadas do hipsterismo: Portland

Tralas pegadas do hipsterismo: Portland

Unha cidade onde os soños dos anos 90 permanecen inalterables, onde a xente segue falando de facerse un piercing ou un tatuaxe tribal, onde as mozas guapas levan gafas e onde traballar a partir das 11 é unha forma de vida respectable. Así describe Portland a serie de culto ‘Portlandia’, creada por Fred Armisen, Carrie Brownstein e Lorne Michaels. E non van desencamiñados. A roupa tie dye nunca pasou de moda nesta cidade do Estado de Oregon, e ocupa un lugar destacado no Sunday Market. Xente moza de todo o país acude á chamada da agricultura ecolóxica, a cervexa local, a bicicleta como transporte e o ambiente bohemio. “Todo o mundo quere vivir en Portland”, resume un destes novos e eufóricos habitantes de Portlandia. E, avisa, “tende precaución, este lugar engancha”.

Algo debe de ter Portland (¿será a chuvia?) para acoller tantos músicos indie. The Decemberists, M. Ward, Laura Gibson… Quizais algo teñan que ver os numerosos concertos que cada noite se celebran en lugares como Mississippi studios ou Doug Fir lounge, ou o ambiente que se respira nas numerosas breweries. Portland é a capital da cervexa artesá, unha auténtica Beervana que acolle máis de 30 fábricas desta bebida.

Non esperes atopar grandes monumentos en Portland. Non é un lugar para visitar, é un sitio para experimentar. Consigue un bicicleta e percorre os seus barrios. Cambia museos por tendas de segunda man, edificios históricos por teatros antigos reconvertidos en restaurantes, o centro da cidade polas zonas residenciais. Inicia conversas con algún nativo, comprobarás que é fácil. No supermercado —gourmet e ecolóxico, porque en Portland non hai Wallmart— un deses mozos chegados da outra punta dos Estados Unidos, ataviado cunha boina francesa, fala marabillas da comida, o café e o ambiente do lugar e ofrécenos todo tipo de recomendacións para a nosa estancia. O propietario do noso hostel, o Bikefriendly, instrúenos sobre a cidade das rosas, famosa polos seus parques e xardíns. Os seus pais foron pioneiros nesta migración cara a cidade bohemia. Desde entón outros se foron unindo, e entre todos manteñen un dos principios do lugar: “Keep Portland Weird”.

Tralas pegadas do hipsterismo: Portland

A urbe da costa oeste é tamén cidade de pontes. Ata 11 destas construcións atravesan o río Willamette, cuxas beiras están ateigadas de ciclistas. Ao sudoeste atopamos o Downtown, que pouco ten que ver, coa excepción do pintoresco ambiente da Pioneer Courthouse Square e a zona de Pearl District, un antigo barrio de edificios industriais, agora transformados en caros lofts, tendas de roupa, restaurantes de cociña creativa e galerías. O mellor da zona é a Powell’s City of Books, un delicioso labirinto de páxinas que ocupa toda unha mazá urbana, presumindo así de ser a libraría independente máis grande do mundo.

O mellor está ao outro lado da ponte, onde os barrios de casas de madeira comezan. As bicicletas lévannos ata Mississippi e Williams Ave, onde atopamos unha ampla oferta gastronómica e de ocio, unha tenda de segunda man nun bus de dous pisos, unha cervexería con bicis que transforman a túa enerxía en electricidade, tendas con todas esas cousas bonitas que saen nos blogs e unha imprenta marabillosa con todo tipo de fermosos papeis. Máis ao norte, Alberta engade arte á oferta, e ao sur Hawthorne suma tendas de segunda man.

Tralas pegadas do hipsterismo: Portland

Nestas rutas urbanas é inevitable non deixarse atrapar por algunha das experiencias McMenamin: restaurantes, hoteis e cines que levan o recoñecible selo de Mike and Brian McMenamin, uns irmáns de Portland que tiveron a xenial idea de recuperar edificios singulares como unha antiga escola, teatros, saloons e mesmo edificios relixiosos para convertelos en restaurantes, cines, cervexerías, hoteis e salas de concertos. Por un prezo moi asumible podes ver unha película nun dos seus theather pubs nos que é posible saborear unha deliciosa hamburguesa mentres gozas da proxección.

Os cidadáns de Portlandia tamén eloxian a variedade do seus food carts, unha sorte de restaurantes aloxados en camións que serven comida na rúa. A miúdo un grupo destes vehículos culinarios comparten mesas e baños portátiles nun aparcamento, polo que nun mesmo espazo podes atopar un amplo abano de especialidades de diferentes nacionalidades. Os produtos locais e ecolóxicos, a cultura do café e a cociña creativa son outros dos valores gastronómicos da cidade do Willamette.

Tralas pegadas do hipsterismo: Portland

Pero do primeiro que un habitante de Portlandia presume é da calidade e variedade das cervexas locais e da facilidade para trasladarse en bicicleta. Para os foráneos enfrontarse a unha carta de cervexas por primeira vez pode resultar abrumador. Por sorte, a miúdo é posible facer unha cata con mostras de distintos tipos para atopar a variedade que mellor se adecúe ao noso padal. A saborosa e peculiar India Pale Ale é a estrela indiscutible, que desde Disquecool recomendamos ferventemente. Outra cuestión a ter en conta que os locais toman moi en serio é o grao de IBU (International Bittering Units scale), que mide a amargura da cervexa. Esta gradación ten moito que ver co lúpulo (hop en inglés) utilizado durante a elaboración da bebida, polo que o termo “very hoppy” é algo que deberías utilizar nas túas conversas se pretendes integrarte no ambiente portlandés.

Tralas pegadas do hipsterismo: Portland

Sempre que bebas con moderación, o ideal é visitar as microcervexerías sobre dúas rodas. As primeiras iniciativas de fomento da bicicleta como transporte urbano comezaron en 1994 e desde entón o número de usuarios non para de crecer. Segundo datos da City of Portland, o uso deste tipo de transporte triplicouse desde o ano 2001 e o 6% das persoas que se desprazan para acudir ao seu posto de traballo utiliza a bicicleta, o que representa o maior índice das cidades estadounidenses. Portland é considerada como unha das urbes máis bikefriendly do país e a bicicleta, máis alá de constituír un medio de transporte, é xa unha icona da cidade e un estilo de vida.

Pedaleando polas pouco iluminadas rúas residenciais, axexando as vidas que se suceden nos porches de madeira e nas terrazas dos cafés, é inevitable pensar na advertencia que o primeiro día nos asestou o noso compañeiro de hostel. Portland, definitivamente, engancha.

*Este artigo forma parte do especial “Tralas pegadas do hipsterismo”. Podes ler máis aquí

Fotos | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *