Parece que xa existe todo e que ningún novo restaurante logrará sorprender de verdade ao seu público. E se temos esa sensación aquí, onde aínda temos certa capacidade de sorpresa (somos relativamente inocentes) e o sector non está saturado, imaxina o complicado que ten que ser en Nova York. Xa non é que a oferta inclúa xa practicamente todo, é que os consumidores son terriblemente esixentes. Abre un restaurante en Brooklyn e consegue que todos eses hipsters amosen certo entusiasmo ou ata sorpresa. O reto semella imposible.
Nicholas Nauman, chef e planificador de eventos do restaurante de Brooklyn Eat, deu coa idea. O restaurante existe xa desde hai anos e si, seica é un punto ao que os hipsters van de forma habitual (cociña orgánica e local, xa sabedes), pero faltaba ese pulo que dá a diferenciación. Iso que empurra á xente a decidir probalo, esa característica especial. Que tal unha noite ao mes na que non estea permitido falar durante a cea? O experimento parece que está a ter éxito.
Todo o que rodea ás noites silenciosas do Eat parece sacado dunha guía de “como ser o perfecto hipster”. A idea non lle veu a Neuman tras aguantar o ruído da xente falando -e berrando -mentres comían día tras día, non. A Neuman inspiráronlle os almorzos silenciosos dos que formou parte durante unha viaxe á India, nun mosteiro budista. Por que non facer o mesmo nun restaurante en Nova York durante as ceas?
A idea é que a xente se concentre nos aspectos “físicos e viscerais” do acto de comer, sen ser distraído por outros elementos como, que sei eu, unha conversa. Así, unha noite ao mes, no Eat sérvese unha cea de catro pratos (por 40 dólares) que empeza ás oito da tarde e remata ás nove e media. E durante eses 90 minutos está prohibido falar. Os que non aguanten (parece ser que non é tan sinxelo como aparenta) serán castigados tendo que saír e comer no exterior, nuns banquiños habilitados para os violadores dese voto de silencio.
Cal está a ser o resultado? En The Wall Street Journal contan que asistiron a unha destas ceas e viron que a xente non falaba, pero que iso non facía que deixasen de comunicarse mediante pantomimas do máis elaborado. E despois está o clásico de intentar facer rir aos teus amigos facendo o idiota e intentar que rompan o silencio. Unha das asistentes asegurou que cando foi ao baño falou (mentalmente) con ela mesma fronte ao espello animándose a rematar os 90 minutos. “Veña, ti podes facelo”. Ao dar as nove e media, eses 90 minutos de silencio rómpense en aplausos e, por suposto, charla sen límite, sacando fóra todo iso que un leva gardando dentro tanto tempo.
Funcionaría algo así aquí? É difícil imaxinar restaurantes ou bares nos que ninguén fale, nos que o único son sexa o que fai o garfo sobre o prato e os roces das mans e brazos dos comensais na tea do mantel, pero agora todos queremos probalo, non? Ver se somos quen de aguantar a eses 90 minutos ceando entre amigos e sen dirixirlles unha palabra, se rompemos a rir e temos que saír á rúa, se nos atopamos falando con nós mesmos no espello (en silencio) ou se polo contrario descubrimos que é unha experiencia non tan difícil e moi enriquecedora.
E xa sabedes, o que queda despois é polo menos o orgullo. Ese poder contarlle á xente que ceaches nun sitio no que falar está prohibido e ver como sofren intentando superar esa historia. Queridos propietarios de restaurantes galegos que nos ledes: alguén disposto a probar a cea silenciosa? Nós iríamos.
Foto | Keith Bedford (The Wall Street Journal)
1 comentario