É isto o resultado dunha mente enferma ou unha das investigacións ‘históricas’ máis divertidas que endexamais se puxeron en marcha? Un home ruso vai vivir como na Idade Media durante seis meses nunha casa (medieval, claro) a 40 quilómetros de Moscova. A aventura comeza xusto agora, polo que Pavel Sapozhnikov (o aventureiro, de 24 anos) pasará o outono e o inverno vivindo medievalmente. O outono e o inverno en Rusia. Si, ese inverno de neve, moito frío e condicións extremas.
Preguntarédesvos as razóns polas que Pavel Sapozhnikov decidiu participar nesta aventura extrema. Non hai un premio monetario (detrás da idea non está un reality do Telecinco ruso senón unha asociación de investigación histórica que quere saber como é a vida real en condicións medievais) nin a fama: só a experiencia e a posibilidade de encontrarse cun mesmo. Durante os seis meses, Sapozhnikov vivirá en soidade, na súa casa, coas súas cabras e os seus alimentos predescubrimento de América (millo, patacas, chocolate, adeus queridos). Non hai internet, non hai xornais, non hai microondas. Todo será como era no século IX e para completar a súa dieta o neomedieval poderá cazar animais no bosque que rodea a súa casa. Ademais, non terá amigos medievais (á súa moza non lle permitiron participar na experiencia, aínda que poderá ir velo cada mes) e estará completamente so.
E que experiencia che piden para ser neomedieval? Pavel Sapozhnikov non ten máis coñecementos sobre o medievo que os que lle deron ser animador nun deses poboados medievais que vas ver para ter unha experiencia ‘realista’ sobre a vida noutras épocas da historia (pero alí os personaxes teñen en realidade un smartphone no peto). Cada mes recibirá a visita dun médico de familia e dun psiquiatra (si, a vida solitaria medieval ten moito como para que che afecte). “Sei como afrontalo todo”, díxolle de todos os xeitos ao xornalista de RIA Novosti que descubriu esta historia ao mundo. Estaría ben saber que lle responderá en seis meses.
Foto | Pavel “KoraxDC” Kazachkov