De turista a viaxeiro: guías urbanas para “actuar coma un local”

Guias de Viaxe

Tunner: Seguramente sexamos os primeiros viaxeiros que teñen desde a guerra.
Kit: Tunner, non somos turistas, somos viaxeiros.
Tunner: Oh. Cal é a diferencia?
Port: Un turista é alguén que pensa en volver a casa nada máis chegar…
Kit: …mentres que un viaxeiro podería non regresar nunca.

(‘O ceo protector’, Bernardo Bertolucci, 1990)

Por suposto, todos dicimos ser viaxeiros. Ir a onde van os turistas non mola, é ir coa masa, é non coñecer un lugar de verdade. En Disquecool debatémonos un pouco entre ambos lados (unha parte de nós quere descubrir esas zonas ás que só van os “locais”, outra sabe que o verdadeiramente hipster é admitir que somos turistas e, maldita sexa, ir a Roma e non pasar polo Coliseo parece, cando menos, estúpido), pero hai algo para o que sempre queremos saber os segredos da xente que vive na cidade en cuestión: á hora de comer, de saír pola noite, de pasear polas rúas e descubrir tendas. Imos coa nosa Lonely Planet (somos deses) xa desgastada, facemos Couchsurfing para estar con xente “nativa” ou durmimos en hostels para compartir cuarto con moita xente doutros países. E para, xa pola mañá, ir á recepción e ver que guías e mapas teñen. Buscamos dúas en concreto.

Están os mapas-guías Use-It e están os Likealocal. Mapas elaborados por xente nova que vive na cidade e que recomenda os mellores sitios nos que comer, tomar un café ou unha copa, as tendas máis curiosas, as rúas máis alternativas, os monumentos máis representativos e tamén os máis raros. E non só iso: este tipo de mapas-guías adoitan incluír un pequeno apartado no que contan que tes que facer para adaptarte e non ser confundido cun turista (faltaría máis!). Act like a local, din. E recomendan non comer carne un xoves se estás en Gante, beber moito café se estás en Helsinki ou levar calcetíns con sandalias en Praga.

Use-it e Likealocal son a versión analóxica (ninguén quere facer as das cidades galegas? é complicado -tes que conseguir ti os cartos- pero molaría). Despois están as guías máis acordes cos tempos que vivimos: as que poden ser unha app no teu móbil. A nosa favorita é Unlike, na que os usuarios van introducindo e actualizando os lugares de cada cidade e que ten unha sección que é “escapismo”, para fuxir a recunchos segredos ou parques tranquilos.

E o mellor deste tipo de guías, tanto en dixital como en analóxico, é que son gratis (e que están realmente ben). A min as Use-it de Praga e Gante déronme a vida (por non falar de Streetwise, a Use-it evolucionada de Oslo, que é xa unha pequena revista mensual), e a Like a Local de Helsinki axudoume a atopar moitas tendiñas perfectas. E falamos de Use-it e Like A Local porque existen en varias cidades europeas, pero este tipo de mapas-guías, ou o seu concepto, faise de forma independente e moitos sitios. En Viena, por exemplo, o estudio de arte urbana INOPERABLE publica o seu mapa Urban Guide Vienna, no que se inclúen tamén seccións como paredes de graffiti, puntos para skaters ou zonas con street-art.

Que é isto? Isto é unha petición (e se non teremos que facelo nós): queremos o mesmo para as cidades galegas. Voluntarios? Enchamos Galicia de viaxeiros. Non turistas.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *