Un día para celebrar o fracaso

fracaso

Ti tes unha chea de plans marabillosos e moitos soños de facerte millonario/ser o poeta do ano/montar un revolucionario negocio de venda de flores a domicilio. Que cada quen poña aquí o que lle apeteza. Sen embargo, todo o que querías facer resulta un fracaso cando o pos en marcha. Só che queda como solución chorar polas esquinas e sentirte unha miseria. Pero, dende hai uns anos, un día internacional intenta loitar contra esa sensación de ser unha nube negra: o 13 de outubro de cada ano é o Día Intenacional do Fracaso. A idea chega, como tantas outras cousas sorprendentes, dos países nórdicos. Todo arrancou en Finlandia hai uns anos, como unha maneira de recordar esa idea que nos repiten cando somos pequenos de que o importante non é gañar senón participar. “O obxectivo”, din na súa web, “é o de crear un cultura aberta sobre o fracaso: se non fracasas nunca, é que nunca intentaches nada“.

Como se pode celebrar o día? “O 13 de outubro é por completo o mellor día para facer algunha estupidez, algún erro de cálculo, algún momento raro e outras cousas non tan marabillosas no mundo enteiro. Unha cousa é segura. Non vas estar só”. Entre o decálogo de cousas que nos propoñen na súa web para fracasar están a de simplemente fastidiala (“xa atoparás un modo persoal de facelo”), a de cociñar algunha receita emocionante e deixala que se queime no forno, a de compartir en Instagram non un almorzo cuqui ou un ceo marabilloso senón unha foto dalgún fracaso ou a de pedirlle unha cita a alguén (dan por suposto que che van dicir que non).

Se despois de ler estes incribles plans sentes certa mágoa (xa sabedes, o 13 de outubro foi o domingo polo que pasou o día, pasou a romaría), non vos preocupedes. Porque igual que no da hora e o sol, Galicia non vai no fuso horario que lle corresponde. Imos celebrar o Día do Fracaso o 15 de outubro. Hoxe. Así que podedes facer un pastel que non poda comer ninguén, compartir todos os momentos espantosos do día en Facebook (e non esas cousas que vos fan parecer tan cool) ou deixarvos levar ata a bancarrota (seguramente non lles importe aos organizadores do día que vaiades á caixa de aforros do barrio a pedir consello).

Dia do Fracaso

Se todo isto vos parece moi drástico, tamén podedes aprender dos fracasos dos demais. A Aje Provincia da Coruña (a asociación de empresarios mozos da provincia) organiza en Santiago unha xornada para, din, desmitificar o fracaso e lembrar que errar é obrigatorio cando se quere aprender. Será esta tarde (teñen un evento no Facebook) e entre os fracasados que compartirán as súas historias menos exitosas estarán José Posada, o CEO de Marrón Glasé, falando sobre o escaso éxito das súas castañas en Rusia ou o ciclista Óscar Pereiro, que non falará do Tour senón de todo o que pasou antes.

Foto |  Mike Towber

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *