Será ir a misa a nova actividade hipster?

Non me neguedes que non ten algo de sentido: nestes tempos de cinismo, nos que xa non queda demasiada xente nova relixiosa, nos que os modernos só visitan igrexas por arte e non por culto, que habería máis hipster que declararse, no medio dunha conversa entre ateos e agnósticos, relixioso? E non, non vale declararse budista ou dalgunha seita minoritaria, que seica sería o máis cool. O hipster de verdade daría un paso cara adiante e diría que é católico-apostólico-romano. E non, non é que nos teñamos volto relixiosos de súpeto en Disquecool, só recollemos unha tendencia que en Estados Unidos quere lanzar… a igrexa católica!

Si, a diocese católica de Brooklyn mirou as súas igrexas baleiras e saíu á rúa a mirar ao seu redor. Que viu? Hipsters. Entón tivo a gran idea e lanzou unha curiosa campaña que afirma que o primeiro hipster, o hipster orixinal, foi non outro que Xesucristo. Non sabemos se a cousa serviría para encher as igrexas de modernos (posiblemente non), pero polo menos lograron aparecer en todos os medios con xente atónita analizando a campaña. O cartel apareceu en todas partes por Queens e Brooklyn, bares e cafés de Wiliamsburg, o centro hipster de Nova York (e quizais ata do mundo), incluídos.

The Original Hipster

Un dos puntos máis comentados da campaña é que non se menciona a Xesús en ningures, que a xente simplemente asume que eses pés con Converse e unha túnica son seus porque, segundo o xefe de comunicación da diocese, “a conversa relixiosa forma parte das discusións diarias da xente, sen importar quen sexas ou de onde veñas”. Non sabemos se basta con poñerlle Converse a Xesús para converter a masas de hipsters ao catolicismo (e se son masas xa sabemos que a cousa duraría pouco), pero que ninguén lles diga que non o intentaron.

Pero non é a igrexa católica a única que quere atraer aos hipsters (son un target moi desexado por calquera industria, incluída a relixiosa!). A comunidade hasid de Williamsburg viu a campaña The Original Hipster e, tras preguntarse como non se lles tería ocorrido a eles antes, lanzaron o seu propio movemento, apelando ao que os hipsters e os hasids teñen en común: as barbas! Baixo o lema Unite the Beards (“unamos as barbas”), houbo unha campaña e unha conferencia tamén en Williamsburg, para dar a coñecer a comunidade hasid aos hipsters. Hasid e hipster, non tan diferente como pensas”, dicían.

Unite the beards

A conferencia, non obstante, foi un pequeno fracaso, xa que os hipsters non apareceron (din as malas linguas que porque non había alcohol ou café de calidade), aínda que terían podido aprender moitas cousas interesantes sobre o que o Torá di das barbas. “A tradición ensínanos que o pelo facial crece en realidade da cabeza ata o corazón. A barba é un fluxo de enerxía que conecta mente e corazón”.

E por suposto este dobre movemento relixioso para captar aos hipsters non quedou falto de certa rivalidade entre os dous cultos. O voceiro da diocese católica non tivo problemas en opinar sobre a campaña hasid. “A imitación é a forma máis sincera de adulación”, sentenciou.

O día que vexamos igrexas cheas de hipsters saberemos se isto funcionou. Aínda que de momento todo parece apuntar a que non.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *