Posiblemente esteamos a vivir unha das épocas máis difíciles polas que teñen pasado os hipsters na súa curta historia: o momento no que os hipsters se volveron mainstream (que ironía!). Os hipsters de verdade, eses que nunca admitirán que o son, sufren en silencio e esperan deixando que as súas barbas crezan e crezan a que chegue ese día no que sexan esquecidos pola masa, no que poidan volver a chamar a atención, no que a xente pense ao velos “que tío máis raro” e non “mira, outro hipster”. Os hipsters están en todos lados e, por suposto, o mundo da publicidade está namorado deles.
Anuncios para hipsters (que son xente nova con cartos ou espírito consumista), e anuncios con hipsters. Anuncios que, se ser hipster puidese levarse con orgullo (e non tivese que ser negado unha e outra vez), terían o odio de toda a tribu. Pero como os hipsters están para rir deles (e o máis hipster é quen ri máis alto), eses anuncios dirixidos a captalos xogan coa ofensa leve, co ataque suave, co “estou a insultarte, pero como nunca admitirás ser unha destas persoas comprarás o meu produto”. Hai de todo e todos van co humor por diante. Estes son algúns dos nosos anuncios para hipsters preferidos:
1. Primavera Sound 2013. Todos vimos este fantástico spot centrado nun grupo de hipsters anónimos. O primeiro paso para superar o problema é admitilo. Repite comigo “son un hipster”. Xa estás máis preto de deixar de selo.
2. Bavarian Bier Café. Esta cervexería (ou “café de cervexas”) anima aos hipsters a celebrar con eles o Oktoberfest. Levan a mesma roupa e poderán probar un montón de cervexas das que nin oíran falar.
3. Jesus, the original hipster (e o Xesús hipster queríate antes de que foses cool). De como as igrexas están intentando captar aos hipsters xa falamos por aquí, e non se pode negar que os anuncios son bastante enexeñosos.
4. Microsoft Kin. Microsoft intentouno hai xa tres anos e ata conseguiu aos mesmos Edward Sharpe & The Magnetic Zeros para o seu spot. Pero un grupo de hipsters raros (hai un que saca unha foto aos seus pezóns por debaixo da camiseta! boa cámara con pouca luz? era esa a mensaxe?) bailando nunha casa non foron suficientes para salvar a Kin. Que demo é Kin? Ninguén se lembra, pero foi un intento de Microsoft por sacar o seu propio smartphone.
5. Honda Jazz. Cantos hipsters entran nun Honda Jazz? E aí están todos, intentando meter vinilos no reprodutor de CD, citando a Murakami e a Kerouac, falando da súa fixie, e indicando a ironía de que haxa unha versión impresa do manual. Con Arial!
6. HTC. HTC tamén entrou na moda dos hipsters, pero decidiu darlle un toque distintivo. Eses hipsters son… trolls! Trolls hipsters lavando un coche! Que importa o que estan a anunciar?
7. Applebee’s. Este non é un anuncio real, senón unha parodia feita por The Onion que moita xente creu que era certa. Como idea de marketing parecía arriscada, pero con posibilidades de funcionar: Applebee’s, unha cadea de restaurantes americanos, animaba aos hipsters a ir alí “de forma irónica”. Ir, rir da comida e da xente, sacar fotos, e marchar. Falan tamén doutro spot ficticio dirixido á xente que vai a Applebee’s a rir dos hipsters.
8. Unicef – Tap project. Este proxecto de Unicef para levar auga potable a lugares onde case non hai utilizaba un triste feito para apelar aos hipsters: formarán parte dunha minoría moi selecta. “Hipsters, se vos serve de algo, ninguén máis está a facelo”.
9. Hipster non é un traballo de verdade. Este é dos que doen: o goberno de British Columbia, Canadá, realizou esta campaña para animar á xente nova a buscar profesión na súa páxina adicada a distintos oficios. “Hipster non é un traballo de verdade”. Ouch.
10. Kickball. Esta empresa de almacéns intenta achegarse aos hipsters facendo un guiño a un dos seus deportes favoritos: o kickball. “O amor significa non ter que dicir ‘Sinto que o trofeo de kickball caese outra vez enriba do bebé'”. Outra das que doe.