Os mellores vídeos de seguridade a bordo do mundo

Hai dúas maneiras de subir a un avión. A primeira é cando hai unha chea que non viaxas e é tanta a emoción que ata che fai ilusión escoitar as recomendacións de seguridade. Xa sabedes: o do osíxeno, o dos cintos, o dos salvavidas (debaixo do asento e nalgúns modelos de avión enriba das súas cabezas, iso vai por ti Ryanair), o de deixar as saídas de emerxencia libres, as luces no chan que che guiarán ata a máis próxima… É tanta a túa boa vontade que ata colles o papeliño co bonus track de consellos para casos de emerxencia. A segunda é a de quen leva un tempo collendo unha chea de avións, cre que podería dicir as instrucións de seguridade cos ollos pechados e está farto de que os tripulantes de cabina digan todo o seu rollo ou de que poñan un vídeo – de visión en teoría obrigatorio – que explica o que has de facer. Por iso é tan difícil para as compañías aéreas chamar a atención dos viaxeiros cando lle están a dicir o que deberían facer en caso de emerxencia.

Nos últimos anos, as aeroliñas estanse a esforzar a facer vídeos do máis orixinais e sorprendentes para dar as instrucións. Incluso, os vídeos acabaron por converterse nunha ferramenta máis de comunicación corporativa. Quen o diría, pero un bo vídeo no que expliquen o dos cintos, os salvavidas e o osíxeno dun xeito divertido serve para facer branding. E aínda máis incrible: eses vídeos distintos son subidos a YouTube, compartidos en redes sociais e visionados ata límites xamais imaxinados por persoas que nin sequera están nun avión. A APEX (Airline Passenger Experience Association) acaba de premiar ao vídeo de seguridade a bordo mellor de todo o mundo (votan os propios pasaxeiros) e a gañadora é a TAP, esa aeroliña que os que voades dende Porto tedes que coñecer por forza.

O vídeo ten detrás á axencia  Mccann Erickson e os seus protagonistas son viaxeiros. Para facelo pararon 1.000 pasaxeiros no aeroporto de Lisboa, dos que 250 dixeron que si á idea de participar e dos que quedaron con 50 intervencións. A TAP era finalista tamén en mellor experiencia de embarque.

Pero entre os finalistas tamén estaban outras compañías que conseguiron facer dos seus vídeos a bordo virais. É o caso de Air New Zealand, que colocou en social media os seus vídeos de seguridade dos últimos meses como se fosen doces na saída dunha escola.

As outras finalistas eran Emirates (e non está o seu vídeo en YouTube), Virgin America ou EVA Airlines, a compañía taiwanesa coñecida en todo o mundo polo seu avión de Kello Kitty. Eles apostaron polos debuxos animados.

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *