Sabes xa a onde irás este verán de vacacións? Ou, mellor dito, sabes xa se este verán irás algures por vacacións? Tal e como se presentan os meses estivais (polo menos se son como os primaverais) fuxir parece a única saída posible para gozar deles. Portugal non esixe nin grandes plans previos nin grandes desembolsos, colles o coche e en dúas horas poste alí. Os hoteis son baratos, a xente é amable e os lugares, non por próximos resultan menos especiais. E sobre todo, Portugal é un país ben cool (xa sabedes que envexamos publicamente a Porto e desexariamos subila uns cantos quilómetros para situala, máis ou menos, en Vigo).
Para axudarvos coa ruta lusa deste verán, propoñemos 8 destinos ineludibles. Non hai que facelos todos agora, algúns quedan tan preto que parecen pouco emocionantes e outros tan afastados que resultan xa pouco abordables, pero desde logo, deberías anotar cada un deles na lista de lugares por coñecer. E lembra, son todos os que están, pero non están todos os que son.
1. Porto
Como xa dixemos, Porto é esa cidade á que Disquecool nunca se cansa de volver. As impresionantes vistas sobre o río, os decadentes edificios da Ribeira, os bares modernos e cosmopolitas, as tendas tradicionais e as tendas alternativas, os rapaces saltando desde a falsa ponte de Eiffel, as rúas escuras e tortuosas, os concertos da Casa da Música, as turísticas excursións ás tripas do viño Porto, a presencia da arte na rúa… Porto teno todo e para todo tipo de gustos.
2. Lisboa
Case á altura de Porto está Lisboa, pola beleza das vellas escaleiras e casas desordenadas da Alfama, polo ambientazo nocturno de Barrio Alto, polos pasteis, museos ou mosteiros de Belem, polas tendas tradicionais da Baixa ou polos tranvías vintage que soben e baixan a cidade. Aínda que o mellor quizás sexa, como no caso de Porto, a atmosfera, cálida e sofisticada á vez. Estás nunha capital, coas vantaxes dunha capital, pero non te sentes como en tal. Quizais porque é a capital máis segura e máis barata de toda Europa Occidental!
3. Sintra
Segundo Lord Byron, Sintra era a vila máis bonita do mundo enteiro, e non lle falta razón. Bonito é o adxectivo adecuado para describir o seu recinto histórico, declarado patrimonio da humanidade e que parece saído dun conto de fadas. Destaca o Palacio Nacional da Pena, un impresionante (e moi orixinal) edificio de estilo romántico, pero tamén hai outros tesouros menos coñecidos como a Quinta da Regaleira, onde atopamos un palacio exuberante, xardíns frondosos, lagos e cavernas, e mesmo un pozo iniciático.
4. Madeira
Madeira xa non está tan próxima a Galicia pero desde Porto podemos atopar voos por menos de 100 euros. Trátase do destino de natureza por excelencia de Portugal, pois conta con impresionantes montañas de exuberante vexetación e tamén con tranquilas calas para gozar do mar e da praia. A capital, Funchal, é unha cidade moderna que conta cun rico patrimonio histórico cheo de cor.
5. Algarve
Se buscamos destino de sol e praia, sen dúbida o Algarve é una aposta segura, coa vantaxe de que máis alá das cidades hoteleras, ben feas, atopamos tamén pequenas vilas e cidades cheas de historia (como Lagos ou Faro), praias case desertas, augas transparentes e mesmo románticos acantilados desde os que ver o anoitecer á tardiña.
6. Coimbra
Unha das cidades máis antigas do país (hai cerca toda unha espazosa vila romana en ruínas) e a principal cidade universitaria de Portugal, que conta cun edificio que vale a pena visitar só por velo. De Coimbra destaca o ambiente universitario, pero tamén o seu centro romántico e pintoresco, grazas a un moi ben conservado casco vello medieval.
7. Guimaraes
Outro casco histórico digno de visitar, con numerosos edificios ben conservados de entre os séculos XV e XIX e ata un castelo do século X, que dotan á vila dun centro cohesionado, un tanto anacrónico e con moitísimo encanto. Contrasta esa arquitectura do pasado co ambiente novo, contemporáneo e artístico que se respira nas súas estreitas rúas.
8. Serra do Gêres
O único Parque Nacional do País Luso quédanos tan cerca que pode non parecer un destino emocionante…craso error! Entre os lagos de augas cristalinas, as montañas cheas de piñeiros e as cascadas e ríos omnipresentes, un sinte realmente a conexión coa natureza. Un destino ideal para recorrer a pé (hai rutas de sendeirismo para dar e tomar se queremos ir por camiños xa trillados) e para gozar dunha idílica atmósfera rural.
Fotos | Pablo Asorey, Leandro Neumann, Willtron, Porto Bay Events, Jerome Bon, Marco Varisco, Feliciano Guimaraes e Angela Antunes,
…e o parque do sudoeste do Alentejo!!!! Im-pres-cin-di-ble!!!!..é unha das zonas máis fermosas de Portugal. Asdo: unha amante do país veciño.
Ó mellor podiades chegar a 10 (Portugal ben o merece) e engadir por exemplo Óbidos
Encantoume! Para unha escapada de poucos días e o destino perfecto, para min xa e unha tradición e como mínimo vou unha vez o ano! Como a Cíes!
Saudos e feliz finde santo!!!