Antigas igrexas reconvertidas para novos e seculares usos

Hai sempre algo máxico nos edificios que deixan de exercer a súa función e pasan a desempeñar calquera outra, como vimos con aquelas librerías situadas en antigos teatros, ou estacións de trens. Percíbese máis aínda cando ese vello edificio era unha igrexa: polo seu carácter espiritual e comunitario, pola súa recoñecible -e ampla- arquitectura, porque incluso na cabeza dos ateos, un templo relixioso é diferente a calquera outro espazo.

Aínda así, a caída en número de fieis levou en moitos lugares a ter que pechar e vender igrexas. Como son construcións que adoitan ter un valor histórico e mesmo artístico incuestionable, a solución non é tirar, senón reconverter. Aquí tes 10 exemplos de vellas igrexas que hoxe teñen un novo uso.

1. Livraria de Santiago – Óbidos (Portugal)

librería Óbidos

Na cidade lusa de Óbidos podemos atopar unha librería nun dos edificios máis representativos da cidade, a que era a Igrexa de Sao Tiago, construída no século XIII (e que estaba en ruínas). E por se esa non fose razón suficiente para visitar Óbidos, sabede que é unha fermosísima cidade medieval e vila literaria. Un must dos viaxes polo país veciño a sumar a estes.

2. Biblioteca Monique Corriveau – Quebec (Canadá)

biblioteca

Outro fermoso proxecto con libros! Neste caso non se trata dunha antiga igrexa, senón dunha ben moderna (de 1964): a igrexa  Saint-Denys-du-Plateau. Con unha arquitectura depurada, teitos altos e enormes fiestras, a luminosidade é a clave da beleza desta nova biblioteca.

3. Cine Utopía – Bordeos (Francia)

utopia

Desde 1999 contan en Bordeos cun cine de cinco salas situado nun lugar único: a antiga igrexa de Saint-Simeon, un edificio que data do século VI e que foi desacralizado durante a Revolución Francesa. Desde esa, foi arsenal, escola, fábrica, garaxe, e agora, cine.

4. Gardería St. Sebastian – Munster (Alemania)

garderia

Trátase tamén dunha igrexa moderna, de 1962, que se converteu no 2009 nunha gardería de deseño. No interior non quedan trazas do templo, pero por fóra o edificio consérvase tal e como era (cun pouco máis de cor).

5. Discoteca The Church – Denver (Estados Unidos)

the-church

É quizais unha das reconversións máis chocantes, porque a catedral de 1865, de estilo gótico, alberga hoxe unha enorme discoteca onde podes bailar ata o amencer e ata comer sushi (inclúe un pequeno restaurante).

6. Cervexería The Church Brew Works – Pittsburghm (Estados Unidos)

cervexeria

Tamén en Estados Unidos podemos atopar este bar e fábrica de cervexa, situado na que antes fora a igrexa católica de St. John the Baptist, construída en 1901. Pechou como templo en 1993, pero en 1996 volvería abrir as portas, xa como fábrica de cervexa.

7. Skaterham – Caterham (Reino Unido)

skaterham-3

Estamos aquí ante o proxecto máis orixinal. No antigo cuartel militar da cidade sitúase agora un centro comercial e de ocio, que inclúe un parque de skate indoors na que era a capela do cuartel.

8. Centro de coworking Entreprenörskyrkan – Estocolmo (Suecia)

coworking

Probablemente este centro de coworking podería gañar o premio á igrexa reconvertida máis cool. Unha capela ortodoxa grega é hoxe unha oficina comunitaria aberta de máis de 300 centros cadrados e estética escandinava 100%.

9. Centro Nacional de Supercomputación – Barcelona (España)

centro-nacional-supercomputación

Este centro de investigación e servizos de supercomputación sitúase na capela do século XIX Torre Girona, que pertence hoxe á Universidade Politécnica de Cataluña. O edificio foi utilizado como templo ata 1960, cando foi desacralizado e convertido nun salón de actos.

10. Sede de Atlanta Freethought Society – Atlanta (Estados Unidos)

organizacion-ateista

A máis irónica das reconversións: cando a vella igrexa Collins Spring quedou baleira e comezou a ser obxectivo dos vándalos,  foi unha organización de ateístas quen decidiu quedar co edificio e montar a sede alí.

E isto por non falar das igrexas reconvertidas en vivendas, que son moitas máis das que podemos pensar. E debe ser bastante incrible poder vivir nun espazo tan especial como o que vemos abaixo, unha vivenda inglesa situada no interior da antiga igrexa St. Nicholas Georgian.

casa


Fotos | Óbidos vila literaria, Fubiz, Cinemas Utopia, Bolles Wilson, Djoybeat, Church Brew, 20negativeEntreprenörskyrkan, BSC, Patheos, Skycraper City.

Shares

    1 comentario

    • r di:

      E o medio de tendencias made in Galicia non cita os, polo menos, 2 exemplos de Compostela? ^^ A da USC e a de Bonaval
      Tamén lembro unha en Salamanca que era unha disco e despois creo que pasou a ser tenda de Inditex.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *