Texas, Irlanda e París nas Voces Femeninas 2011

Digamos algúns nomes, así ao azar. Basia Bulat. Dawn Landes. Sharon Van Etten. Emmy The Great. Que teñen en común? Todas elas son artistas desas con algunha canción sublime no seu repertorio (e aquí en Disquecool non damos o cualificativo de sublime a calquera, pero escoita A crime de Sharon Van Etten e logo falamos). Todas elas son menos coñecidas do que deberían. E todas elas teñen tocado en Galicia da man do ciclo Voces Femeninas. Agora vimos de coñecer o cartel da edición deste ano. Sarah Jaffe, Hannah Peel e Mina Tindle.

Non che soan os nomes? Non te preocupes, aquí estamos nós para convencerte de que o cartel deste ano está á altura. Apunta as datas: 24 de novembro en Ourense, 26 de novembro en Vigo.

Sarah Jaffe

Chega desde Texas e Last FM di que é similar a Sharon Van Etten. E si, o certo é que relacionalas é sinxelo na pequena escuridade que parece rodear as súas cancións, na forza posta na voz e nos increscendos que nos deixan sen respirar durante varios minutos. Protexida de Midlake e Centro-matic.

Hannah Peel

Debería bastarnos co feito de que teña tocado con Duke Special (e que polo tanto estea relacionada de forma indirecta con Neil Hannon), debería bastarnos co feito de que sexa unha das habituais do circuíto musical irlandés (como Neil, como Duke Special, como Cathy Davey, como Lisa Hannigan). Pero se non é suficiente, déixame comentar que os entendidos din que está así como entre Joanna Newsom e Laura Marling, que as súas cancións son dunha beleza e delicadeza abafantes e que lle gusta facer versións de temas dos 80 cunha caixa de música.

Mina Tindle

A parisina Pauline de Lassus, co seu sobrenome de Mina Tindle, será a encargada de abrir o festival tanto en Ourense coma en Vigo. Mina Tindle é de momento un pequeno segredo deses que os que coñecen non queren compartir con ninguén. Un single, un EP, e miles de murmurios ao seu redor que din, que pensan, que murmuran que estamos ante unha gran promesa. Promesa si, pero de amateur nada. The National xa a pillaron por banda hai uns anos para facer coros en ‘Boxer’. Non necesitamos dicir máis.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *