Das Kapital: expresión máxima dos adentros

* Colaboración de Abel Dobarro

Das Kapital

Nome xermano para unha formación compostelá. Poesía e vangarda, expresión máxima dos adentros. O pobo sempre ten a obriga de se expresar, e máis aínda nos tempos convulsos que vivimos.

Das Kapital, nas súas propias verbas, “chama a decidir se queremos facer parte do problema ou queremos facer parte da solución”. O ouvinte debe decidir e actuar.

O seu debut aconteceu interpretando en directo a súa adaptación do poema Narcisismo de Lois Pereiro nunha homenaxe á formación coruñesa Radio Océano (grupo no que militaba o seu irmán Xosé Manuel Pereiro) que se celebrou na Sala Nasa. Dende ese momento sempre lles perseguiu a sombra do poeta monfortino, que no seu día establecera unha conexión dende o máis profundo de Galicia ata chegar á maquinaria berlinesa. Os Resentidos e Golpes Bajos non están moi lonxe de Einstürzende Neubauten ou Can, tampouco de Cabaret Voltaire ou Programme.

Das KapitalDun xeito semellante a como Damo Suzuki sobrevoaba pola música que facían o resto de componentes de Can, utilizando o poder do home, da persoa, asimilando a máquina e enfrentándose a ela ó mesmo tempo, O Leo amosa coa súa voz unha nova faciana súa que o fai emerxer definitivamente como verdadeirxo anxo do desespero e guía nesta viaxe (totalmente afastado da súa vertente de cantautor punk como O Leo i Arremecaghona).

O núcleo principal complétano o poeta, ideólogo e xornalista Dani Salgado co adat e o kaossilator mentres que o compositor e arreglista Marcos Paino encárgase dos sintetizadores nunha agrupación con actitude e pensamento propios, ou como eles mesmos din “cun funcionamento descentralizado, aberto pero militante”, que tira a dar, con intención e con liberdade. Popol Vuh no ano 2011 poderían soar así, sen dúbida, dando voz aos espíritos libres e mirando cara adiante cunha volta ao pasado que se expresa na linguaxe do seu tempo.

Nas súas composicións nótase turbulencia e axitación: o factor humano e o cuestionamento do progreso ou a sensación de estar no medio dun furacán de blues cubista en ‘Nos días do medo’, todos e cada un dos temas que compoñen este disco atacan ao pescozo de quen escoita, e fano non para debilitalo, senón para espabilalo e botalo a andar. E o mellor de todo é que os temas soan ademais sorprendentemente pegañentos e desfrutables.

Neste momento, se o mundo fose mundo de verdade, Das Kapital serían a música que máis soase nas radios libres, nas acampadas dos indignados e nas redaccións das publicacións de vangarda. Sen nada que envexar a ninguén e cunha linguaxe verdadeiramente propia, constrúen dende a destrucción do pacto social, e sen medo ningún fan que o que ofrecen teña un valor incalculable, estamos ante unha obra que pode deixar unha grandísima pegada nas nosas conciencias e no noso futuro como persoas. Unha obra que pode abrir unha nova vía para a manifestación da cultura galega, o uso do arte como o que é, unha ferramenta: “Eu son a faca con que o morto abre o cadaleito”.

Dispoñible de balde para todo aquel que queira participar dos seus plantexamentos, seguindo este enlace.

Foto | Emerson Díaz

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *