7 candidatos para ocupar o baleiro deixado por Ben e Zooey

A nova percorría a rede coma a pólvora hai unhas semanas: Ben Gibbard e Zooey Deschanel, a parella do indie por excelencia, separábanse. As reaccións foron entón moitas e moi variadas (moita alegría entre o sector masculino por ter a Zooey libre, alivio nos fans de Death Cab for Cutie pensando que quizais agora o seu líder volva a escribir cancións boas, sorpresa entre os que non se decataran de que ambos eran parella). E aínda co mal sabor de boca desta ruptura, chegaba outra máis dramática: a de Thurston Moore e Kim Gordon de Sonic Youth. O trono de parella do indie ou parella do rock está baleiro. Aquí van 7 posibles substitutos (si, é un post de cotilleo puro e duro con fondo musical):

7. Nathan Williams (Wavves) e Bethany Cosentino (Best Coast)

A súa historia é ademais digna de película indie: coñecéronse aos 17 anos e pasaron un verán xuntos. Despois cada un seguiu polo seu camiño ata que ao final o amor gañou. Por suposto, agora non é raro ver como Wavves e Best Coast fan xiras conxuntas.

6. Ryan Adams e Mandy Moore

Agora xa estamos máis afeitos a esta parella, pero non por iso é menos estraña. Como imaxinar antes de que acontecese que o noso querido e rebelde Ryan Adams ía rematar casado cunha estrela do pop adolescente? Afortunadamente el ten menos prexuízos ca nós e parece ser que son moi felices xuntos (ela debe de levar ben as horas que el pasa gravándose vídeos caseiros para colgalos en YouTube).

5. Win Butler e Regine Chassagne

A o amor entre ambos debémoslle que exista unha banda como Arcade Fire. Win di que quedou enfeitizado de Regine cando a viu por primeira vez cantando jazz nun evento artístico en Montreal, ela di que quere ser como Jimi Hendrix. Que máis dá? O importante é que un dos mellores discos da década pasada, ‘Funeral’, nunca tería nacido de non ser por esta relación.

4. Nacho Vegas e Christina Rosenvinge

Non podían faltar na lista. Que si, que non, que si, que non, ao final a conclusión parece ser que si e a nós fainos moita ilusión. Porque parecen feitos o un para o outro e porque a súa unión xa deu marabillas como Verano Fatal.

3. Jenny Lewis e Jonathan Rice

Ou o que é o mesmo, Jenny e Johnny. Ela é a voz fantástica de Rilo Kiley, el ten carreira en solitario. Pero hai xa un tempo que alternan as súas carreiras co seu grupo Jenny e Johnny, que xa conseguiron avances importantes como saír hai pouco nun capítulo de Gossip Girl. E non saían cantando, senón falando da súa música con Serena!

2. Neil Hannon e Cathy Davey

Ai, o amor. El é The Divine Comedy, ela unha artista irlandesa descoñecida fóra pero famosa no seu país (agora xa se vai facendo un nome tamén no estranxeiro gracias a iso de ir teloneando a Neil). Como fan algo obsesiva do pequeno Neil Hannon, a parella ten o meu visto bo. Porque Cathy é fantástica e o seu último disco, ‘The Nameless’, mellor que o último de The Divine Comedy. E porque despois van por aí facendo versións do primeiro disco de Vampire Weekend.

1. Emma Lee Moss e Tim Wheeler

Os preferidos da redacción para ocupar con moito máis estilo o trono deixado por Zooey e Ben. Si, ela é Emmy The Great e el o líder de Ash. E para deixar claro que o seu é amor de verdade, veñen de lanzar un álbum navideño, ‘This is Christmas’, con composicións orixinais tan dignas deles como Christmas Day (I wish I was surfing) ou Zombie Christmas. O videoclip é fantástico, cheo de xente vestida con xerseis de la e motivos navideños.

Shares

6 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *