Os indies tamén celebran o Nadal: 12 videoclips con neve e campás

A estas alturas todos sabemos como vai: sempre que chega o Nadal moitos grupos aproveitan para lanzar algunha panxoliña ou, os máis valentes, discos enteiros adicados a estas festas. Os resultados poden ser terroríficos (na maior parte dos casos) ou fantásticos (como o de Emmy The Great e Tim Wheeler hai uns anos). E despois está Sufjan Stevens, que parece ter atopado no Nadal a súa musa e non cansa de lanzar discos e máis discos coas festas de decembro como protagonistas. Pero o que a nós nos gusta é que despois alguén se atreva a gravar tamén un videoclip e afortunadamente hai moitos casos. E, ao igual que nos discos, hai de todo. Algúns que poderían ter entrado na nosa lista de mellores-peores videoclips da historia e outros que si que son de verdade bos. Aquí vai a nosa selección!

1. The Killers – Don’t Shoot me Santa. Os Killers son uns habituais a isto dos videoclips-panxoliña e todos os anos lanzan un. O noso preferido é Don’t Shoot me Santa, no que Papá Noel dá moito, moito medo e quere matar a Brandon Flowers (que, pensándoo ben, como culpar a Papá Noel? quen non sentiu ese instinto asasino pensando en Flowers?). Pero despois vemos a Brandon Flowers cun xerséi cunha árbore de Nadal e ata sentimos certa tenrura. Aquí non hai neve. Hai un deserto.

2. Emmy the Great & Tim Wheeler – Zombie Christmas. Máis violencia! En 2011 a nosa parella preferida do indie, Emmy e Tim [actualización de 2018: xa non son parella], lanzaba o seu disco de panxoliñas orixinais e o ano seguinte seguiron  a explotalo cun novo vídeo para un dos temas, Zombie Christmas. Hai zombies e moito sangue (e un vídeo bastante gore e divertido). Non apto para os que lle teñen moito cariño a Papá Noel, neste vídeo non sae moi ben librado…

3. David Bowie & Bing Crosby – Little Drummer Boy. Un clásico entre os clásicos: David Bowie vai a casa de Bing Crosby (sen saber que vive aí), pregúntalle se é o novo mordomo (WTF, David?) e dille que quere tocar o piano. Falan un rato, David dille a Bing que non é tan novo como parece, que ata ten un fillo de seis anos e despois empezan a cantar Little Drummer Boy.

4. Bob Dylan – It Must Be Santa. Un dos mellores vídeos de Nadal dos últimos tempos: Bob Dylan cunha estraña perruca de pelo longo e máis tarde con gorriño de Papá Noel monta unha festa nunha casa. Todo con moito acordión, bailes (está en forma o señor Dylan) e un rollo moi irlandés. Non sabemos canto alcohol beberon para gravar isto.

5. John Travolta & Olivia Newton-John – I think you might like it. Un dos WTFs que podería arebatarlle o número 1 de peor vídeo da historia a David Hasselhoff: John Travolta e Olivia Newton-John volven a cantar xuntos! Travolta chega na súa avioneta, Olivia con moito bótox (Travolta tamén), fan un pequeno baile que parece fácil pero despois nos amosan que non o é. Intercalan imaxes de reencontros nun lugar que non sabemos moi ben que é (un aeroporto? estación de autobuses? un hospital?). Fans do momento no que chegan os soldados.

6. Wham – Last Christmas. Outro clásico, a canción pop de Nadal por excelencia. Un grupo de amigos vai de excursión á neve e de seguido vemos que hai algo raro: George Michael mira a unha rapaza que non é a súa moza e ela mírao a el e non ao seu mozo. Como rematará a historia?

7. The Wombats – Is This Christmas? Este é moi adorable: os membros do grupo volven a ser nenos, saen correndo da cama para abrir os seus regalos que están a esperar baixo a árbore, todos con gorriño de Papá Noel, xerseis de punto invernais e pequena coreografía ao máis puro estilo Ok Go! nos seus comezos. Ten tamén, iso si, un punto depresivo bastante importante.

8. Tom Jones & Cerys Matthews – Baby it’s cold outside. Esta é a miña canción de Nadal favorita, pero a verdade é que esta versión e sobre todo o vídeo dan bastante medo. Outros candidatos para a lista de mellores-peores videoclips da historia. O mellor é non dicir nada e que o vexades. Soñaredes con Tom Jones.

Certo é que a canción ten o seu punto creepy bastante criticado nos últimos anos. Pero nada como darlle a volta a quen canta que. Aquí Lady Gaga e Joseph Gordon-Levitt (e máis abaixo She & Him):

9. The Futureheads – Christmas was better in the 80s. The Futureheads botan en falta como era o Nadal cando eran nenos nos anos 80 e enchen o videoclip de fotos da súa infancia. Todo era mellor entón: a xente cantaba, había máis neve, máis luces…. ai, volvemos aos 80?

10. Jarvis Cocker, Richard Hawley & Lisa Hannigan – Silent Night. Isto non é un videoclip, pero é o máis de Nadal que conseguimos a Jarvis. E é simplemente fermoso: Jarvis, con Richard Hawley e con Lisa Hannigan nunha igrexa cantando Silent Night. E como son amigos, que temos disqueficha de Jarvis e disqueficha de Lisa, pensamos que merecían estar nesta lista.

11. Emmy the Great & Tim Wheeler – Home for the holidays. O vídeo do ano pasado de Emmy e Tim era moito máis serio que o de Zombie Christmas e falaba de volver a casa no Nadal e reatoparse con aquel antigo amor. Todo moi Love, actually e moi bonito.

12. She & Him – Baby, it’s cold outside. O ano pasado She & Him, Zooey Deschanel e M. Ward, lanzaron tamén o seu disco de panxoliñas, e este ano decidiron darlle videoclip: Baby, it’s cold outside nunha animación bastante graciosa. E neste caso é ela a que quere que el non marche e non ao revés.

13. Sia – Santa’s coming for us. Sia ten unhas cantas panxoliñas, porque o ano pasado lanzou un disco de Nadal enteiro. O vídeo que acompaña ao single, Santa’s coming for us, está protagonizado por unhas cantas caras coñecidas.

14. Belle and Sebastian – Christmas Wrapping. E, por último, os nosos escoceses favoritos cantando sobre envolver agasallos. Non é videoclip, pero son Belle and Sebastian e Stuart leva unha camiseta… interesante.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *