Vídeos para a fin de semana: os 10 (mellores) peores videoclips da historia

Moito ir de artistas e intelectuais, dicir que nos gusta o videoarte, moito falar de directores de cine de culto, pero ao final o que máis nos gusta é ver vídeos malos. E non falo de vídeos realmente malos, que eses son os aburridos, senón deses que fascinan polo punto cutre da gravación, polo absurdo do argumento (cando o teñen), polos estilismos dos protagonistas e as estrañas coreografías. Son os mellores peores vídeos, eses que non podemos ver sen rir ou sen abrir os ollos de perplexidade.

Por suposto, a década dos 80 fixo moito por este xénero de videoclip. Os estilismos horteras estaban de moda, a tecnoloxía audiovisual avanzaba rápido (ai, o croma!) e de súpeto nos vídeos musicais había que innovar e sorprender para estar na MTV. Un gran poder leva unha grande responsabilidade, como ben aprendemos con Spiderman, pero moitas veces o gran poder, a tecnoloxía, explotaba nas mans dos directores dos vídeos e dos artistas. Grazas! A lista de mellores peores videoclips podería ser eterna, así que optamos polos clásicos. O elemento WTF está sempre asegurado.

10. Rebecca Black – Friday. O vídeo viral co que Rebecca Black conquistou o mundo o ano pasado ten que estar nesta lista por ter logrado algo tan fascinantemente malo sen estar nos anos 80. A canción, claro, axuda bastante.

9. Mick Jagger & David Bowie – Dancing in the Street. Vaia por diante que este é o meu videoclip favorito de todos os tempos e que me doe ter que metelo nesta lista. Pero parece ser que a xente non acaba de entender os bailes de Jagger e Bowie, o pouco presuposto e, sobre todo, esa parada de Mick Jagger para beber dunha lata. Eu digo que é o mellor vídeo da historia. Pero, quen son eu?

8. Los Nikis – El Imperio Contraataca. Los Nikis colleron uns disfraces de época (ou o que pillaron por diante), foron ata o Retiro en Madrid, e fixeron un vídeo realmente estraño sobre como botan de menos os tempos nos que España era un imperio (é unha parodia, non vos preocupedes!). Imaxes de recurso para amosar como a tortilla de patacas vence á hamburguesa e un patexo no chan que non ten desperdicio.

7. Lionel Richie – Hello. Farto de oír a canción, pero viras o vídeo? Lionel Richie é profesor de teatro namorado dunha das súas alumnas, que é cega. E como é cega, pode perseguila de forma bastante inquietante por todo o instituto. Atención aos momentos “hello?”, que dan moito medo. Unha chamada telefónica e algo no que participa unha reprodución en arxila da cabeza de Lionel. Arrepiante.

6. Erasure – Always. Aquí temos a unha especie de deus de cabeza dourada, o cantante de Erasure Andy Bell, que leva a primavera a unha rapaza cuberta de neve. Hai grandes momentos, como ese no que Bell acaricia a melena da rapaza e mira a cámara con mirada de “matareivos a todos”, a chegada do monstro que acaba coa primavera ou o momento final no que Bell marcha voando.

5. Mecano – No es serio este cementerio. Mecano poderían meter case calquera videoclip nesta lista (facede a proba, son todos fantasticamente malos), pero este é o noso preferido. O low-cost de ter ido a gravalo a un cemiterio… de coches, o feito de que non sexan quen de non rir (hai un momento moi grande de Ana Torroja xusto ao principio) e sobre todo eses bailes cos que celebran o ben que os pasan os mortos da súa canción.

4. Billy Squier – Rock Me Tonite. Isto son xa palabras maiores. Este vídeo é moitas veces considerado o peor videoclip da historia por razóns obvias (dálle ao play) e por ter logrado acabar coa carreira de Billy Squier, que ata entón era un cantante de éxito. Aviso: poderías rematar con pesadelos nos que un tipo de pelo oitenteiro e roupa rota pega chimpos polo teu cuarto.

3. Leonard Nimoy – Bilbo Baggins. Star Trek e O Señor dos Aneis nun mesmo vídeo? Si, o teu soño é real. Leonard Nimoy canta este tema sobre Bilbo e para o vídeo aparece vestido de Dr Spock mentres unhas rapazas vestidas de cores e con orellas en punta (hobbits ou habitantes de Vulcano?) bailan desa forma da que só sabían bailar nos vídeos dos anos 60.

2. Armi & Danny – I Wanna Love You Tender. Se buscades en YouTube “worst video ever”, isto é o que aparece. Os fineses Armi & Danny nun videoclip no que o corpo de baile rouba toda a atención. Quen non quere aprender esa coreografía? A clase de aeróbic que todos soñamos nalgún momento.

1. David Hasselhoff – Hooked on a Feeling. Aquí realmente non hai palabras. Ou demasiadas. Todo desde o primeiro segundo ou desde que David Hasselhoff aparece en escena é un grandísimo WTF. Unha obra mestra do croma que se debería estudar en todas as facultades de comunicación audiovisual. Somos fans de tantísimos momentos que o mellor é non mencionar ningún. O único posible é velo.

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *