Si, chegou decembro. O último mes deste ano, e de calquera ano que se chame así, amigos cool. Pode que o saibades xa, pero dada a tolemia na que se están a converter os meses de decembro nos últimos anos, aclarareino. En decembro tamén se editan e lanzan discos. De feito, eses discos pertencen ao ano en curso, a pesar da febre por comezar a publicar as listas do mellor de 2012 cando faltan aínda 28 fermosos días por gozar, e moitos discos por escoitar. Algúns deses discos, realmente fermosos, aínda que todos esteamos máis pendentes por saber os que ocupan os primeiros lugares das listas das páxinas que antes queren publicalas. A este ritmo, acabaremos dando os favoritos do ano en agosto.
Un deses fermosos discos é o recomendado esta semana. El Perro del Mar, ‘Pale Fire’ (Memphis Industries, 2012), o proxecto en solitario da sueca Sarah Assbring, que conta con este xa cinco discos de estudo. Non vos mentiremos, non imos falar de ‘Pale Fire’ como o disco do ano, como a obra definitiva. Esta semana en carteleira, non hai estreas con cheiro a Oscar, pero si algunha peli para pasar un rato agradábel. ‘Pale Fire’ é o exemplo, principalmente nun comezo que resulta realmente notable, aínda que cara o final do disco se perda un pouco o fío da historia, e as cadencias electrónicas semellen andar algo descontroladas, como faltas de pausa.
O disco continúa esa senda de pop de esencia fundamentalmente dixitalizada, e algo máis bailable nas súas primeiras cancións. Para eses momentos de mero pracer vainos preparando o tema que abre o disco e, xa de paso, lle dá nome. Unha peza de pop fermosa e ben rematada, como unha mistura dunha Najwa escandinava e uns Best Coast cargados de somníferos. Un movemento de son ondulante e narcótico, precioso e sutil, moito máis que Hold of the Down, e, sobre todo, Home Is to Feel Like That, que buscan o gozo do respectable con menos miramentos estéticos e máis preocupación pola intranscendencia e a faceta práctica. Pezas de electricidade moito máis luminosas que a seguinte I Carry the Fire, máis experimental e enmarañado.
A partir de aí chega unha segunda metade de disco algo máis anódina e pouco transcendente. Con temas correctos, na súa maioría, pero pouco dignos de lembrar. Un mero acompañamento musical que entretén, pero que non perdura na memoria. Como esas películas que che gustan, pero que sabes que non chegarán nunca a clásicos. Mención aparte merece I Was a Boy, esta vez si, conmovedora, de letra de gran calado e melodía atractiva a máis non poder. Como querendo deixar un bo sabor de boca final, Dark Night tamén deixa un bo poso, amargo pero disposto a xogar no padal máis exquisito, case deixando a un lado os minutos de baleiro previos. Un disco bo, bonito. Aínda que non dea máis, xa non é pouco.