O disco da semana: Distressor, de Whirr

Prométovos que noutros anos non pasaba o mesmo. Chegadas as derradeiras semanas do ano, os discos saían como churros, buscando o empurrón de mercadotecnia que supuña ter a escoita fresca para unhas listas que comezaban a confeccionarse por estas datas. O 2012, porén, éche ben distinto. Musicalmente falando, pronto pecharemos un ano notable, cun bo puñado de discos absolutamente estupendos, pero como lanzados a rachas. Seis fantásticos nun mes, un par de meses de seca. Novembro remata así, tamén. Como se lembrásemos o calor de agosto, tan pouco propicio para novas musicais, salvo as dos festivais. Tal era a seca (mentres, por outra banda, se comezan a anunciar discos ilusionantes para o comezo de 2013), que servidor a piques estivo de recorrer ao último lanzamento de La Bien Querida para ocupar este espazo. O malo é que aínda teño que decidir se me gusta.

Entón, nas présas dun domingo sen material, e con ben de frío no exterior, aparecen Whirr. Da nada, como ese grupos dos que, en realidade, non sabes se teñen disco dende hai dúas semanas ou dous meses. De feito, ‘Distressor’ (Graveface Records, 2012), pode escoitarse no Bandcamp da banda dende hai xa ben de meses. Pero claro, un non o sabía, e mergullando atopa que tan só se lanzaron 325 copias en vinilo (si, en todo o mundo). Iso si, cun deseño precioso. E o feito é que dan gusto os meses así, onde un se ve “obrigado” a investigar para, chegado o luns, facerse o importante e recomendar algo como se fose ben experto niso.

En ‘Distressor’ imos atopar unha proposta de shoegaze pesado e nulamente especulativo. Sen ningún tipo de aditivos, nin, sobre todo, edulcorantes. Unhas guitarras poderosas, unha voz confusa e pouco protagonista, tan só acompañante, e moita, moita intensidade. E a intensidade, neste caso, non sempre é sinónimo de amplitude de decibelios, aínda que si de miras. Porque cando un se acostuma ao ton dun shoegaze poderoso nos primeiros tramos, chega Sandy para revolvelo todo, con calmada vehemencia, e deixa o espírito patas arriba, o corazón roto, e a respiración, entrecortada. En realidade, non é unha excepción, un dáse conta que Whirr non son un grupo do montón bastante tempo antes.

Xa é suficiente un Preface para, sen cativarte, dicirche “oe, escoita isto, vaiche molar”. E despois Leave e o impoñente poder de Blue confirman esa sensación de autenticidade, nun traballo que, realmente, tan só é un EP, creado da man do longo ‘Pipe Dreams’ que a banda estreou en marzo, e que, podemos dicir, tamén resulta de escoita máis que recomendable. Unha perfecta mistura de noise e o shoegaze do que antes falabamos, dun grupo que cómpre termos ben apuntado como aspirante a debutantes do ano (seguramente se lles quede algo excesivo), e, sobre todo, como esperanza a medio prazo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *