Lisa Hannigan, Little Scream e Holly Miranda: voces femininas en conversa (II)

Lisa Hannigan, Little Scream e Holly Miranda: voces femininas

Falamos coas protagonistas deste ano do Festival Voces Femeninas organizado por Coconut Producciones (esta noite ás 22:30 en Vigo!): Lisa Hannigan, Laurel Sprengelmeyer (Little Sream) e Holly Miranda non se coñecían antes de aterrar en Madrid a principios desta semana (e case nin tiñan oído falar unhas das outras), pero tras os seus concertos en Madrid e en Ourense a complicidade entre elas é xa evidente. Conversamos sobre infancias musicais, nostalxia de mundos analóxicos e os duros mundos de Twitter e Instagram.

– Como foron os vosos comezos na música?

Holly Miranda: Eu empecei a tocar o piano cando tiña sete anos. Despois fun nunha viaxe de misioneiros a Rusia con 14 anos e unha rapaza alí ensinoume a tocar dúas cancións dos Cranberries, Zombie e Linger. Ao volver empecei a aprender a tocar a guitarra (eu soa), e despois empecei a escribir, dous anos despois marchei a Nova York e empecei a tocar en directo e agora, 14 anos despois, aquí estou!

Laurel Sprengelmeyer: Eu comecei co piano e o violín de nena, con doce anos conseguín unha guitarra, aprendín a tocala e empecei a escribir cancións. Tocaba en cafés, despois mudeime a Montreal… tiven ata unha girl-band durante un tempo, facíamos performances. E despois empecei en solitario cando sentín que era urxente, que tiña que facelo agora ou nunca. Deixei todo o resto das cousas, todo no que traballaba, para centrarme niso.

Lisa Hannigan: Cal foi a actuación máis rara coa túa girl band?

LS: No grupo, que se chamaba Ladies Luncheon, Anita tiña a moitas veces un ataque de nervios no escenario como parte da canción. Tirábase ao chan e todo… e cada vez era distinto.

LH: Eu sempre cantei. Despois empecei a escribir cancións terribles, espero ter mellorado algo! (risas). Durante un tempo quixen ser cantante de ópera, estaba obsesionada con Maria Callas, pero despois decateime de que non tiña a voz adecuada e seguín polo folk. Logo coñecín a un chico (Damien Rice) na universidade e empezamos a traballar xuntos. Dixo que necesitaba unha cantante e aí aparecín eu. Fixemos un par de discos que foron moito mellor do que esperábamos. E desde hai uns anos, estou xa en solitario.

Lisa Hannigan, Little Scream e Holly Miranda: voces femininasCo que contaba Laurel das súas performances… como son as vosas experiencias en directo? Lembrades o voso primeiro concerto?

HM: Eu creo que a primeira vez que toquei diante de xente foi nunha noite de micrófono aberto nun sitio en Nova York, cando aínda vivía en Detroit. Só tiña dúas cancións e toquei as miñas dúas cancións, e ao tío gustoulle e ofreceume dar un concerto. Decateime de que tiña que escribir máis temas!

LH: E canta xente había? Como foi?

HM: É algo raro, ti tes un número, como na lotería, e esperas ata que o saquen. E o meu tardou moito, estiven alí toda a noite poñéndome máis e máis nerviosa, e cando toquei creo que só había unhas sete persoas. Estaba asustadísima! Pero despois fíxome moita ilusión porque escribiron un pequeno texto sobre min nunha revista local. E lembro ir correndo a ensinarlla á miña nai, que estaba facendo sopa. Linlla en voz alta e cando rematei só dixo “creo que a sopa necesita máis sal”. Naquel momento decateime de que tiña que saír de alí.

LH: O meu primeiro concerto foi facéndolle os coros a Damien Rice. Estaba moi nerviosa, así que quedei como a un metro do micrófono e cantei desde lonxe e non moi claro. Levoume algún tempo chegar a sentirme cómoda, pero estaba ben poder estar como nun segundo plano, ir buscando a miña voz…

LS: O meu foi nun café na miña cidade, pero o segundo é o que lembro mellor. Tocaba eu, os tUnE-yArDs e outra xente, e debía de haber unhas nove persoas no público, pero lembro quedar como moi inspirada e emocionada por como esa xente reaccionou. Tocar diante de moi pouca xente é algo moi especial, e sempre intento volver a esa sensación, de intentar facelo o mellor posible aínda que estea nun entorno estraño.

– E a vosa outra educación musical, a da música que escoitabades de nenas ou adolescentes?

LH: Nestas cousas sempre importa o que escoitaban os teus pais ou irmáns maiores, e eu tiven bastante sorte porque na miña casa se escoitaba moito a cantautores como Leonard Cohen e Bob Dylan, e o meu pai escoitaba moita música irlandesa. A min encantábame tamén Michael Jackson, ‘Bad’ foi a primeira cinta que comprei. E despois foi cando caín en Maria Callas durante uns anos, e despois Nirvana levoume ao rock…

Pero aínda volves a Maria Callas…

LH: Claro!

HM: A min non me deixaban escoitar música, os meus pais eran moi, moi relixiosos. Pero a Motown si valía, supoño que porque eles creceron en Detroit. Así que era iso, Motown e música cristiana. Coñecía a todos os artistas e todas as cancións da Motown. Despois, con dez ou once anos, a miña irmá, que tiña 17, empezou a mercar moitos discos de Columbia House en secreto por correo, cunha lista desas de subscrición, eu era a única que o sabía. Cando ela volvía do instituto, normalmente colocada, e quedaba durmida, eu ía cunha lanterna, collía algún CD e volvía ao meu cuarto a escoitalo. E foi a primeira vez que escoitei a Nine Inch Nails ou The Cure, por exemplo. Foi algo moi privado e persoal. E despois o meu pai atopou a caixa dos CDs e leu as letras dun disco de Nine Inch Nails, sobre foder co demo no asento traseiro dun coche e tivemos que tirar todos os CDs. Pero a esas alturas o dano xa estaba feito.

LH: Uau, tivo que facelo todo como moito máis emocionante.

HM: Si, pero hai aínda moitísimas cousas que non coñezo. Aínda estou a descubrir cousas…

LH: Xa, pero nunca se chega ao final, sempre atoparás máis e máis música.

HM: Hai moitas cousas “normais” que aínda estou a descubrir. Non foi ata que marchei da casa que empecei a escoitar a Nina Simone, Edith Piaf, Jeff Buckley

LS: Eu lembro escoitar sempre á miña nai cantando, ela quería ser cantante de ópera, pero sempre foi moi tímida. E sempre escoitaba cousas como a Joni Mitchell ou Tim Buckley. Despois o meu pai estivo saíndo cunha muller que tocaba nunha banda de punk, e fíxome algunha mixtape con música moi diferente nelas. E moitas veces para despois atopar discos da xente que estaba nesas cintas era case imposible…

LH: Eran tempos marabillosos, cando escoitabas algo na radio e o gravabas nunha cinta, non tiñas o comezo e non sabías de quen eran as cancións, tiñas que investigar… Internet acabou un pouco coa maxia de todo iso.

LS: Si, dá un pouco de mágoa todos os mozos de agora que nunca saberán que é iso de escoitar e desexar algo e non ser quen de atopalo. E tiñas que utilizar a túa imaxinación para encher todos eses ocos, eses principios de cancións que non tiñas. E a imaxinación é moi importante para a creatividade!

Lisa Hannigan, Little Scream e Holly Miranda: voces femininasCal é entón a vosa relación con Internet? Coa música é sempre un pouco de amor-odio…

LH: Eu creo que ao final é algo fantástico, que calquera en calquera lugar do mundo te poida escoitar. E se tes un videoclip podes subilo a YouTube, facer algo moi low-cost. Antes tiñas que gastar moitos cartos para estar na MTV…. agora tes que ter un bebé con 15 anos para estar na MTV! (risas) Agora podes facer un vídeo co teléfono, Internet é moi democratizador. E podes ser fan do punk xaponés ou calquera cousa e escoitala sen problemas, é algo case máxico. Despois está o outro, o de facer que a música sexa gratis… antes pagabas, estabas un tempo aforrando para comprar un disco, agora xa o tes todo.

LS: Antes eran os das discográficas quen facían cartos, agora lin que o tipo de Spotify é a sexta persoa máis rica na música. Non sei. O outro día estivemos a falar sobre como morreu Nina Simone, que seguiu tocando ata o final, pero tiña moitos problemas de cartos… e alguén coma ela nunca debería ter tido que preocuparse por diñeiro! Creo que é unha das grandes traxedias dos nosos tempos, pensar que alguén como Nina Simone tivo que preocuparse algunha vez polo diñeiro. Non digo que tivese que ser rica ou que a xente que fai música mereza gañar cartos por ela, pero alguén que nos influenciou a tantos de nós… Ela non facía cartos, eran para a discográfica. Agora é o mesmo, pero os cartos son para o tipo de Spotify.

LH: Sempre vai a haber música e xente que faga música, pero debería haber un modelo que permita á xente vivir diso.

LS: Si, como un fondo para coidar aos músicos (risas). Moitas veces é xente tamén con vidas moi difíciles, distintas personalidades, … Igual deberíamos empezalo nós!

LH: Internet ten moitas capas, pero despois o de manter o contacto cos amigos, e cos fans sendo músico, está tamén moi ben.

LS: Aínda que tes que saber como facelo, despois pasan cousas raras. Como que a xente que xestiona o teu Twitter diga algo que ti nunca dirías, como me pasou a min hoxe (risas)… pero claro, eu prefiro que tomen eles esa iniciativa, porque eu sei que Twitter require un nivel importante de compromiso que eu non son quen de manter. Pero ás veces si que tuiteo eu mesma!

E vós?

HM: Sempre eu.
LH: Tamén. (Dirixíndose a Laurel) Instagram está ben se non te gusta simplemente Twitter. Só tes que subir unha foto e dicir algo se queres.
LS: Claro que o problema é que en realidade preferiría escribir algo de verdade, máis longo.
HM: Podes empezar un Tumblr, é como un blog… podo axudarte, que eu tamén me dediquei a deseñar webs durante un tempo. As cousas que se fan por cartos!
LS: Grazas, rapazas! (risas)

Iso quería preguntarvos, sodes “profesionais”, vivides da música?

HM: Si, vivo da música, non é sempre para min, pero todo está relacionado. Escribo cancións para outros (escribín dúas cancións de Nadal agora!)…
LH: Está ben pensar que somos profesionais.
LS: Si, eu vivo da música agora, pero axuda vivir en Montreal, que é bastante barato. En Nova York, por exemplo, é todo máis difícil.
HM: Claro, eu teño que ir facendo outras cousiñas para outra xente.
LH: Pero está ben non facer só cousas para ti…
HM: E é moito máis fácil, só tes que cantar, e está ben para ver como funcionan as cousas.

Voces Femeninas 2012 from Purificación García on Vimeo.

Foi sempre a música o voso camiño principal ou houbo máis cousas?

LH e HM: A música.
LS: Para min non, eu creo que son antes pintora. Sei que vou a facer música todo o tempo que poida, pero a pintura está aí tamén.
LH: Tes que ensinarnos algún cadro!
LS: Si, teño que poñerme coa web en serio… Holly, xa chamarei para pedir consello! (risas)

Os vosos discos son do ano pasado ou de hai dous anos? Estades a traballar en algo novo?

LH: Si, eu estou a escribir xa algunha cousa e o ano que vén concentrareime niso, este estiven máis de xira. Tocará volver a explorar o meu cuarto dos sentimentos…
LS: Eu estou a escribir un montón agora.
HM: Eu xa estiven gravando este verán e agora cando volva seguirei a facelo. Espero ter disco para a primavera… estou a producilo eu!

E que tal? Sénteste cómoda producindo?

HM: Si, si que me gusta producir. Traballar con ordenadores foi sempre fácil para min, gústame… Non digo que facer música sexa traballar con ordenadores, refírome máis ao de editar!

E xa para rematar. Quen sería cabeza de cartel no voso Festival Voces Femeninas ideal?

LH: Nina Simone! Pode estar morta?

Claro, ideal non significa posible…

LH: Pois ela!
LS: O mesmo.
HM: Tamén.
LH: E está nos flyers do festival!

E quen máis?

LS: Joni (Mitchell) estaría…
LH: Maria Callas!
LS: Por suposto!
LH: Hai tantas… Cat Power, Feist…

* Lisa Hannigan, Little Scream e Holly Miranda pechan esta noite o Festival Voces Femeninas en Vigo, no teatro García Barbón, ás 22:30.
* Tamén podes ver as súas disquefichas: Lisa Hannigan, Little Scream, Holly Miranda

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *