Cantas felicidades nos dá o Music Hack Day, un evento que se celebra por estas datas en distintas cidades do mundo (Londres, Boston, Reykjavik…) e que consiste en xuntanzas de programadores para crear novas apps e programas coa música como protagonista. E a nós sempre nos dá a escusa perfecta para titular un artigo con Ana Kiro. Se o ano pasado co grandísimo Drinkify descubrimos que debíamos beber mentres escoitamos a súa música, este ano a cousa vólvese violenta: Weaponify recomenda armas segundo o que esteas a escoitar.
Se estás asustado vendo como baixou o nivel desde o Music Hack Day do ano pasado a este, non te preocupes: Weaponify non é (nin de lonxe) o mellor que deron as sesións de programación e música deste ano, claramente marcado polo éxito de Drinkify o ano pasado (hai outra app para Spotify chamada Horsify. Podedes investigala, vai de percorrer Islandia a cabalo escoitando música). Este ano houbo unha vez máis cousas moi grandes, estas son as nosas preferidas:
– Infinite Jukebox. Cantas veces seguidas podes escoitar a túa canción favorita? Segue a gustarte? Desexarías que fose infinita? Temos boas noticias: esa canción xa pode durar para sempre. E non, non é a simple repetición en bucle da canción unindo o fin co principio, isto é algo moito máis elaborado. Infinite Jukebox divide cada tema en beats (golpes de ritmo) e reproduce a canción un a un. Pero en calquera momento e de forma aleatoria, o beat pode, no canto de pasar ao seguinte beat, saltar a outro similar dentro do tema. E así ata o infinito. O mellor é que o probedes, é bastante sorprendente! Nas cancións con letra moitas veces a cousa queda algo cortada, pero o certo é que funciona bastante ben. O instrumento de tortura perfecto.
– Heart Beats. A música que escoitamos inflúe no noso ritmo interno (quen non camiña de forma inconsciente ao ritmo da música que está a escoitar?), pero pode o noso ritmo influír na música? Iso foi o que pensou o programador Ryan Challinor cando o pasado Nadal tivo como agasallo un reloxo con pulsímetro. E se a música fose ao ritmo dos latidos do noso corazón? Feito! O vídeo de Challinor pegando chimpos e bailando para acelerar e ralentizar Call Me Maybe de Carly Rae Jepsen é xa case viral.
– The Gathering. Desta idea somos moi fans. Cantas veces entraches nalgún establecemento (tenda, bar, etc) e estaba a soar unha canción que te encanta? Non lle tes máis cariño a ese lugar desde entón? A idea de The Gathering é lograr precisamente iso, que cando unha persoa entre nun sitio, empece a soar unha das súas cancións favoritas. Tan só é necesario un ordenador e un router por parte do establecemento e un smartphone por parte do consumidor. O router detecta a presencia do smartphone, explora a música que tes nel e actualiza a playlist de Rdio que está a soar coa túa música. A idea está ben, pero tamén expón aos propietarios do negocio aos guilty pleasures dos seus consumidores.
– Bad Cover Version Quiz. Esta é unha parvada, pero como todas as parvadas é perfecta para a procrastinación! A idea é sinxela: un pequeno xogo no que escoitas unha canción e tes que dicir se é a orixinal ou unha versión. Para unha amante das versións coma min (si, ese enlace é publicidade), é simplemente fantástico. A web é bastante fea e non parece que haxa demasiado catálogo (a min repetíronseme un par de cancións), pero é fácil quedar atrapado dándolle a “next song” para ver cal é a seguinte proba.
– Johnny Cash Has Been EVERYWHERE (Man)! Esta é para fans de Johnny Cash: sabedes cantos lugares nombra o home de negro na súa canción I’ve Been Everywhere? E sabedes localizarlos nun mapa? Esta app é a resposta a todas as vosas preguntas. Non, non serve para nada, pero mola moito ver como a cabeciña de Johnny Cash se vai reproducindo por todo o mapa… e hai sorpresa final!