O disco da semana: The Bears for Lunch, de Guided by Voices

Imaxinádeo. Banda que tralo seu traballo nas pasadas dúas décadas acada o rango de mito, sepárase. Sen traumas, como a única saída ao esgotamento e, por que non dicilo, a ir picando en óso nos seus derradeiros traballos. Un “Mira, temos que falar” cando o guitarrista descolga o teléfono, un “Xa sei o que vas dicir” sen dar tempo a soltar todo ese discurso que tiñas preparado para facer o proceso o menos doloroso posible. A partir de aí, mellor quedamos só os sábados, para as birras e ver os partidos de fútbol americano da liga universitaria. Mentres, os fans agardan algunha reunión de vellas glorias na procura de pasta nunha xira de reunión tan agardada como pouco apetecida pola banda. Oito anos despois, pasa o que ten que pasar. “Oe, ¿lembras aquilo que facíamos xuntos?” “Si, estívoche moi ben, que tempos…”. “Xa… eu case que quería volver”. “Si, a min a hipoteca estame matando, non era mala idea tocar algo este verán”.

“Non, eu quero volver de verdade. E teño ideas, e creo que podemos sacar disco novo. Que cona! Saquemos tres nun ano!!!”

Tremeron todos. Tremiamos todos.

Foi a única reacción lóxica ao decatarnos de que os perdidos para a causa Guided By Voices non eran tal perdidos, e que volvían ao estudo con temas suficientes para soltarnos tres discos no 2012. O terceiro deste grupo, ‘The Bears for Lunch’ (Guided by Voices Inc., 2012) é o noso Disco da Semana, case coincidindo co “Guided by Voices Day” en San Francisco e New York. Si, haiche xente con fans case tan entregados como os dos Beatles.

Para non andarnos con moitos rodeos, a incógnita de se Guided by Voices estaban en condicións de satisfacer as nosas temerosas ansias de volver escoitalos, xa viñan convenientemente resoltas nos dous discos previos deste mesmo ano. Pero, se cadra, este ‘The Bears for Lunch’ pecha o ciclo como o mellor da terna. Unha delicia de indie rock clásico. Dese do que se debería estudar nas escolas de educación hipster de Brooklyn, na clase de música, os xoves xusto despois do recreo. Un exemplo de que polo mesmo prezo, un pode saborear un bo puño de grandes temas, lembrar os vellos tempos nos que a música era (sempre) mil veces mellor que a actual, e convencerse a si mesmo que, envellecer, só ás veces, mola.

Se non me credes os máis novos, escoitade Waving at Airplanes, ou The Military School Dance Dismissal. E de contado chegará White Flag, sen necesidade algunha de que nos pidan que nos rendamos, porque xa o fixemos hai moitos minutos. Se cadra levabamos anos agardando rendernos, e só precisabamos que o mestre (poñémonos en pé) Robert Pollard, nos contase un precioso conto dentro desa clase de Historia. ‘The Bears for Lunch’ non é o mellor disco de Guided by Voices. Ese xa chegou, e non se repetirá. Pero se cadra é un dos mellores décimo novenos discos nunca gravados.

Shares

8 comentarios

  • Mss Calandrix di:

    Cando discos galegos? Aquí tamén somos cool, ;)

  • poliptoton di:

    Eu quedei no primeiro do ano.

  • Pois hai discos cool en Galicia, dende logo, Mss Calandrix. Sabemos (sei) que tenho -teclado ingles, desculpade a falta de tildes e de enhes- algo abandoada a escena galega. Prometo porlle certo remedio mais cedo que tarde.

    Grazas pola aportacion!! e pola colleja!!

  • gabihey di:

    Aínda non lle din a este disco, estou como @Poliptoton, pero sí señor, mola que esta xente siga a facer discos máis ou menos dignamente (non coma Soundgarden ¬¬).
    Sobre o de discos galegos, sei que non é o teu roio, pero eu téñolle moita gana ao novo de Holywater (a min paréceme unha banda de rock do mellorciño) e ao primeiro longo dos teus compadres grovenses, Telephones Rouges.

  • iaGo di:

    Pode ser o momento de prestarlle atención a estos veterans…

  • Fotografía de avatar Dr. Chou di:

    Se se me permite… creo que a escena galega está algo parada. É certo que a cobertura nesta sección foi nula, pero repasemos:
    Triangulo, Novedades Carminha, Mequetrefe, Disco Las Palmeras ou Nadadora, non sacan novo material ata 2013 (no mellor dos casos, nin tan sequera todos confirman tal feito).
    Algún outro (Fantasmage) queda xa algo atrás, aínda que certamente mereceu máis atención pola nosa parte.
    Efectivamente, Holywater non me gustan. E confirmo que o primeiro de Telephone Rouges será unha pasada.

  • Ralph Wiggum di:

    Home, non me deixes coa dúbida. Cal pensas que é o mellor disco destes fulanos?

  • Fotografía de avatar Dr. Chou di:

    Non sei se o mellor, pero o meu favorito é Earthquake Glue

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *