O disco da semana: (III), de Crystal Castles

Como poderiades notar, o frío semella que chegou para quedarse (un escribe estas palabras dende ben lonxe, pero imaxino que ese será o caso). Chega esa marabillosa época na que un se deixa abrazar polas diferentes cores do outono, os vermellos e amarelos das árbores da alameda máis achegada á túa casa, coller esa roupa de abrigo que levabas meses gardando, e pensar en pasar as tardes de domingo á calor dun café recén feito, unha manta que te acompañe nun sofá, e unha boa novela ou un clásico do cine francés. Poderiamos pensar que unha perfecta banda sonora sería un disco como calquera do que recentemente vos temos falado… pero hoxe vimos para ambientar as noites dos sábados, non as sobremesas dos domingos.

Crystal Castles estrean disco. O terceiro. ‘(III)’ (Fiction Records, 2012) de novo inmenso, cheo de inspiración, de momentos de expansión e divertimento agradecido, pero algo máis pretencioso que os seus traballos previos, o que semella unha gran nova. Sabiamos que Crystal Castles eran unha banda simpática e atrevida, un bo dúo canadiense formado por Alice Glass e Ethan Kath, que tamén se encarga de producir os traballos. Agora comezamos a deixarnos de batallas menores, e metemos a Crystal Castles na saca de grandes apostas dos derradeiros anos. Dende logo, poucos discos de pop electrónico mellores atoparemos neste ano. Aí quedan os enormes Plague e Kerosene que abren o traballo. O resto xa é historia. Cando un se senta a escoitar dous temas así, sabe que algo grande se achega.

Exemplos como os anteriores serían axeitados, porén, para unha tranquila vida no fogar. Para a introspección. Para pechar os ollos e deitarse na cama, deixándose levar. Non é a nosa faceta preferida de Crystal Castles (cando menos, non ata este disco, agora teño dúbidas), senón aquela que nos convida a bailar, a saír de festa, a castigar as gomas do calzado na pista de baile. Aquela para a que recuperaron a Robert Smith na enorme Not in Love, e para a que agora podemos falar de Wrath of God, un grito á desesperación, á escuridade e ás luces de neón palpebrantes. Ao igual que a sorprendente Sad Eyes, onde un non sabe ben se marabillarse ou escandalizarse. O máis difícil aínda, iso de converter sons que perfectamente poderían estar presentes nun disco de Camela ou OBK (permítaseme a esaxeración), e, porén, non poidamos reprimir as gañas de, sinxelamente, gozar do temazo. Tódolos ingredientes precisos para prender lume en calquera garito.

A estas alturas, que aínda cheguen cousiñas como Transgender, ou, en menor medida, Violent Youth, fainos ver que a maquinaria segue moi ben engraxada. Outras dúas pezas de pura alma electrónica, de bases oníricas e difusas, con moito fume e nebulosa mesta. Semella precisar uns intres de calma, que son adxudicados á última canción, fantástica Child I Will Hurt You, como saída dun conto de fadas, para amosarnos que eles tamén poden ser propicios á choiva a través da ventá, á neve, vento e frío. Á manta e o sofá, ao cine francés ou ás novelas de Murakami. Crystal Castles estaban aquí, pero agora entraron na casa. Dádelles a benvida e prestádelles un sitio cómodo. Quedaranse moito tempo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *