Antes de que ninguén se queixe, xa nós soíños nos demos conta dun par de matices. O primeiro, non falamos dun disco que sae á venta esta semana, senón dun que xa leva tres en listas. O segundo, ultimamente estamos a encallarnos un chisco. Aínda que ‘Tender New Signs’ (Mexican Summer, 2012), o segundo disco da neozelandesa Tamaryn, afincada en New York, continúa a clara senda shoegaze do seu disco de debut, non sería especialmente aventurado metelo no saco do dream pop que semella perseguirnos nas últimas datas. Os motivos de, aínda así, seleccionar a Tamaryn como Disco da Semana, son a nova seca de traballos de calidade nos vindeiros sete días (Graveyard e Vitalic cumpren, pero non moito máis), e, basicamente, que non podiamos deixar pasar un disco de tal calibre sen falar del, cando o seu único pecado foi compartir estrea con Godspeed You Black Emperor.
Incansable compañeiro da misteriosa Tamaryn é Rex Shelverton, dos grandes Vue, que volve producir o disco, ademais de aportar as guitarras. E non é pouca cousa, xa que falamos dun traballo no que a produción está coidadosamente medida e ensamblada, e as guitarras se converten no peso pesado do discurso melódico de ‘Tender New Signs’, un disco que se en algo se diferencia do seu predecesor, é no incremento porcentual do son psicodélico do seu contido. Boa mostra disto son a inicial I’m Gone, e a soberbia While You’re Sleeping, I’m Dreaming.
Heavenly Bodies promete no título o que nos atopamos no contido, unha canción tan suxerinte como escura, tan sexual como intensa. Desas que se escoita a partes iguais cos oídos e coa libido, e que acaba deixándose levar, arrastrándose, coa cadencia repetitiva de toda boa alcoba. No Exits pon a calma tralo exceso, o momento para recuperar o alento, e, de paso, a lembranza de ‘The Waves’, hai xa dous anos. Volven os My Bloody Valentine que nunca se foran, e únense uns The Jesus and Mary Chain aos que a propia Tamaryn ten versionado nalgunha ocasión.
E de novo as elegantes guitarras de Rex toman o mando en Prizma, posiblemente o corte máis pop de ‘Tender New Signs’, e para dar paso a maior contundencia de The Garden, que, lonxe de marcar o final dun bo disco, só serve de aperitivo para unha recta final que nos garda varios dos momentos máis marabillosos do disco. O crescendo íntimo de Transcendent Blue, a enerxía orgánica de Afterlight, con coqueteos case africanos, e o desgarrador comezo instrumental dunha Violet’s on a Pool, que, agora si, pecha o disco. Un disco de só nove temas. Se contades, os nove títulos saen aquí, porque o humilde asinante non soubo dicirvos de cales podiades pasar. Aconséllase consumir enteiriño, e ideal para temperaturas frescas, como as que comezan.