O disco da semana: Allelujah! Don’t Bend! Ascend!, de Godspeed You Black Emperor

A que hoxe comeza é unha semana musicalmente especial. Volve, tras un leve parón de dez anos sen un puñetero novo tema de estudo, unha banda desas que case inventan unha etiqueta. O post-rock non se entende se un se pon a elaborar unha lista de bandas que o representen, e Godspeed You Black Emperor (en adiante, GSYBE) non é unha das primeiras formacións en aparecer na túa memoria. Mesmo tras dez anos de silencio. Chegan, pois, con “Allelujah! Don’t Bend! Ascend!” (Constellation Records, 2012). O mero feito de que chegue, é boa nova. Mesmo se o resultado non é o agardado, xa que á longuísima espera había que sumarlle o feito de que antes do silencio chegara Yanqui U.X.O., prabablemente o seu peor disco ata entón.

A ledicia multiplícase ao primeiro minuto. Un mira que só hai catro temas, e que dous se van máis aló dos vinte minutos. Comezan os nervios, e Mladic abre a carreira de fondo como só os de Montreal saben facer. Buscan entre o caos, entre o ruído e as marañas un oco onde se atopen a gusto, onde só estean eles, onde a inspiración apareza case sen ser buscada. E iso, queridas amigas, queridos amigos, era todo o que queriamos. Vinte minutos que son unha historia completa. Unha de amor, de dor, de sangue, de paz, misterio, terror e esperanza. Todo iso é unha canción (se é que a palabra se pode empregar nos temas de GSYBE) dos canadienses.

Os puntos que separan un tema doutro son anecdóticos. Hai un discurso único dentro da filosofía de GSYBE, e todo forma parte dun único conxunto, onde, para porlles xa un pero, aínda quedan lonxe os fantásticos niveis de traballos como “Lift Your Skinny Fists Like Antennas to Heaven” ou do seu glorioso debut, hai xa camiño dos vinte anos. Nesta ocasión, Their Helicopter’s Sing e Strung Like Lights at Thee Printemps Erable, é dicir, os temas curtos, son sensiblemente máis frouxos que o propio Mladic e We Drift Like Worried Fire. Claro que estamos falando, únicamente con eses dous temiñas, de corenta minutos de xenuina brutalidade.

Un imaxínase que no medio do desastre reinan eles. Ninguén pode manexarse mellor entre a decadencia, con esa pretendida apariencia de descontrol, cando cada acorde está matemáticamente controlado… ou non, ou o único que aquí vemos é un exercicio de sobredose enerxética, de canalizar niveis de furia violenta en xeito de golpes de guitarra. Agora só queda saber se esta volta ao estudo, agardada con ansiedade, será o inicio dunha segunda carreira ou só unha anécdota. Evidentemente, salta a vista que desexamos que GSYBE continúen dándonos fillos cada pouco.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *