The Who. Xa está dito, así que todo ese tempo que iades agardar a que caese a comparación foise ao carallo (desculpen vostedes, un vólvese rudo cos anos). Polas circunstancias que vive a distribución musical no mundo actual, o noso Disco da Semana sae hoxe á venta… pero todos levades semanas podendo escoitalo (se vos prace), a través de varios enlaces que farían encolerizar ao ministro Wert. E non son os únicos merecedores de tal distintivo, xa que, por exemplo, hoxe mesmo Ty Segall lanza outro discazo (para el case é costume), pero si é certo que ‘Lonerism‘ (Modular Records, 2012), dos australianos Tame Impala, está dando moitísimo que falar na rede.
Os precedentes eran esperanzadores, cun ‘Innerspeaker’, hai xa dous anos, que mereceu choivas de boas críticas. Se me permite, o segundo, esta vez, é mellor. Quizais menos esixente, sen abandonar nin por un segundo ese cheiro a psicodelia por tódolos caróns do vinilo, pero cun son moito máis limpo, con estruturas algo máis habituais dentro do pop, e, sobre todo e ante todo, terriblemente apetecible, quizais non nunha primeira cita, non é un frechazo… pero vai ser unha relación duradeira. Tanto, que probablemente comecemos a velo en postos máis que honoríficos nas listas do mellor dun ano que, musicalmente falando, estaba sendo algo pobre ata hai un par de meses.
Producidos por Kevin Parker, o propio líder da banda, temas como Endors Toi, ou Apocalypse Dreams convidan a abandonarse ao pracer, a deixarse crecer as guedellas e abrazar eses intercambios de cores irreais, producidas pola sobreexposición a substancias de dubidosa legalidade, sendo, o segundo dos casos, o exemplo paradigmático de como conseguir que unha peza nacida da absoluta psicodelia poida converterse en canción mesmo bailable en máis dun garito. E Mind Mischief dálle un toque de elegancia ao conxunto do disco, para que ninguén o reduza a mero divertimento hedonista. “Lonerism” é un disco que debemos tomar moi en serio.
Why Won’t They Talk to Me? ou Feels Like We Only Go Backwards son pezas cheas de frescura e corte máis pop, dando lugar a unha zona na que Tame Impala exploran un mundo máis experimental e melódico, con estridencias e ruído, algo afastado a esa liña algo máis alcanzable da que falabamos ao principio, mesmo achegándose a tinguiduras ben rockeiras con Elephant, para completar unha auténtica marabilla de traballo, insisto, posiblemente mesmo por enriba do seu predecesor. Gozádeo con calma, e en máis dunha ocasión. Xa nolo agradeceredes.