Escuchando Elefantes: “O principal cando tocas na rúa é que te escoiten”

Escuchando Elefantes

Se es unha persoa con sorte, pode que algunha vez, camiñando tranquilo pola rúa, de súpeto empezases a sentir unha música chea de enerxía e paixón. Dúas voces, unha guitarra, unha pandeireta. Cancións clásicas (de The Band, Bob Dylan, a Creedence Clearwater Revival, os Beatles…) e outras con regusto clásico, as súas. Eles son Silvia Rábade e Carlos Tajes, son de A Coruña, fanse chamar Escuchando Elefantes e xa teñen cativado a xente como Glen Hansard.

– Como empezastes?

Silvia: Por casualidade, se se pode dicir así. O meu pai tocaba de sempre a guitarra española, pero despois parara e tiña unha guitarra moi morta na casa. Carlos preguntoume se lle deixaba a guitarra, díxenlle que si, pero que se quería unha guitarra de verdade collese outra, unha acústica que tamén tiña pola casa. Empezou a tocala, ensinoume unhas cancións que fixera e que estaban moi ben. Foi xurdindo así, foime enganchando tamén a min e agora facemos os dous todo (algunha canción cada un, algunha xuntos…). Todo isto foi hai cinco anos.

– E a vosa educación musical a nivel de cultura cal foi?

Carlos: Supoño que somos fans do rock’n’roll dos 60, de Elvis…
S: Eu non o supoño, poría a man no lume por ela!
C: Si, Simon & Garfunkel, The Band…
S: De pequena o que máis lembro é escoitar a Elvis. Namorei del ao 100 por 100, soaba a gloria. A xente da miña idade escoitaba outras cousas, que eu tamén escoitaba porque era unha nena, pero pensaba “oh! pero isto soa mellor!”. E así naceu o meu amor platónico pola música de vinilo. E na actualidade escoitamos sobre todo “música contemporánea irlandesa”.
C: Si, os Glen Hansards, Damians, Lisas Hannigans…

– En que momento decidistes iso de probar as cancións na rúa?

C: Empezar empezamos sempre en locais ou salas, e dous ou tres anos despois de empezar o grupo falamos de tocar na rúa. Fixémolo por primeira vez en Santiago e estivo guai, gustounos moito e xa non paramos, foi sempre subindo. E despois do disco foi incluso mellor.
S: É como as drogas. Os teus pais din que non está ben facelo, pero despois probas e gústanche! (risas)

– O outro día cando vos vin na rúa había dúas señoras comentando que era unha vergoña que tivesedes que facelo…

S: Non nos gusta nada que a xente pense así! O que hai que pensar é que é bonito que a música estea en todas partes. Estamos na rúa porque queremos, non o necesitamos.
C: E non é exclusivo, podes estar no mellor festival de España e despois tocar na rúa…
S: De verdade que nos gusta! É marabilloso!

– Pero que é o que vos gusta exactamente?

S: Esa sensación de que empezas de cero. Cada vez que saes á rúa dá igual que te coñeza moita xente, ti vas á rúa e ninguén sabe quen es. Empezas de cero, atópaste cun montón de xente que non te coñece de nada, a meta está en agarrarte e facer que se queden. Cando consegues que a xente se quede e escoite xa está, misión cumprida.

– Tocades por aquí por Galicia pero tamén percorrestes as rúas doutros países…

C: Galicia está xa moi controlada, e despois tamén nos gusta moito o norte de España para tocar. E hai dous anos ou así si que decidimos saír e estivemos por Francia, moito por Irlanda, Inglaterra. E agora en outubro imos volver facelo! Gústanos cambiar de cidade, ver as diferencias…

– Que diferencias notades?

C: É diferente, non sei.

S: É diferente en moitos sentidos. A diferencia principal é que non importa en que país esteas, cada día é diferente. A xente pregúntanos que días imos, como sabemos que rúas funcionan… non o sabemos! Ti vas, probas, e ás veces sae marabilloso e outros quedas con mala sensación. E mala sensación non polos cartos que gañemos, sinceramente a nós iso dános igual. Está guai gañar cartos, claro, a todos nos gusta, pero o principal cando tocas na rúa é que te escoiten. É mostrarlle á xente de forma gratuíta que é o que fas. Normalmente cantos máis cartos hai suponse que é que máis lles gustou. Agora tamén contabilizamos canto lle gustou á xente segundo os CDs que merquen. Pode que deixen moitos cartos que, se non compran un CD, é que en realidade non lles gustou tanto. Hai días que non paran de mercar CDs, felicítante… iso nótase, e é unha boa forma de saber se un sitio está a funcionar ou non. Polo de agora nunca tivemos problemas de non funcionar, sempre hai días mellores e peores…

C: Ou pode chover!

S: Algunha vez témonos quedado mollándonos un par de cancións máis só por non darlle a razón ao tempo…

– Algún lugar que lembredes con especial cariño?

S: Para min Francia. Encántame Francia, persoal, musicalmente, en todos os sentidos.
C: En Rennes, por exemplo, pasámolo moi ben.
S: Estábamos tocando na rúa e dixéronnos “vinde a tocar a este local”, e dixemos, “por que non?”. Estivemos xenial, despois fomos a tomar algo por aí… Coñecer xente é unha das cousas máis bonitas da música. Atópaste con xente que se convirte en amiga túa.
C: No norte funcionamos bastante ben, Donosti, Bilbao…
S: Si, alí notamos moito ese rollo moi galego, hai sitios nos que ao mellor non notamos tanto esa calidez como de estar na casa.

Escuchando Elefantes– O de que esteades tocando e vos propoñan ir a algún local é habitual?

S: Pasou algunha vez, si, pero nós tocamos na rúa porque queremos, así que tamén depende un pouco das condicións que propoñan.
C: Estando fóra importa menos. Agora, ademais, ao estar traballando disto, tamén o facemos un pouco por diversión. Pasar da rúa a un lugar pechado pode ser deprimente…
S: Hai que ter coidado e escoller ben, non todos os sitios nos conveñen como grupo. Sobre todo por non queimarnos. Este é un proxecto de vida, se podemos queremos estar toda a vida traballando disto, e se te empezas a queimar tan cedo… Moitas veces ese é o problema, a xente que colle calquera cousa só porque é pasta, pero non podes pensar así. É un traballo que leva moito esforzo e non podes arriscarte a aburrirte, a dicir “eu xa non podo seguir traballando disto”.

– Cal é o voso repertorio na rúa? Tocades moita versión…

S: Fifty-fifty.
C: Depende tamén do día. Hai días que tocamos só as nosas, outros con moitas versións… nos concertos tocamos as nosas e un par de versións.
S: Na rúa sempre apetece tamén tocar outras cousas. Non só para que a xente coñeza as cancións, senón porque nos gusta moito. E penso que a clave para ser un músico decente é facer cousas doutra xente, non é tanto imitar o que fixeron os demais como aprender do que teñen feito.
C: E moitas veces a xente se confunde e cre que algunhas cancións nosas, como están en inglés, son en realidade versións. “Pero esa non era de Janis Joplin” “Non, era nosa…”.
S: Tamén nos gusta moito cambiar de estilo, así que é un pouco o que apeteza en cada momento. A idea é facer o que nos pete.

– O de tocar con Glen Hansard como foi?

C: A historia da primeira vez foi algo curiosa. Estábamos en San Sebastián para velos a eles e Marketa viunos tocando na rúa. Contoullo a Glen e díxolle que íamos a estar no seu concerto, que nos sacase ao escenario. Foi unha sorpresa. No teatro ela dedicounos a quinta canción ou así, estabamos en segunda fila e quedamos moi emocionados. E entón Glen díxonos que subísemos ao escenario a tocar unha canción. Tocamos The Rain e na metade da canción uniuse a banda.
S: A xente despois preguntounos se estaba preparado, pero non! Tivo que notarse a cara de susto que puxemos cando notamos que a banda estaba tamén a tocar. Así, de súpeto, todos os de The Frames tocando contigo… e era a primeira vez que tocábamos con banda! Despois, teloneando, como fixemos hai un meses, é xa algo completamente diferente, estás a traballar, é máis relación de iguais. Falamos con el, saímos con el eses días… xenial. Todo o mundo debería ter unha experiencia deste estilo algún día, sobre todo con alguén como Glen Hansard.


C: A verdade é que non tardamos nada en cumprir o noso soño… e despois foi moi raro, cando volvemos de San Sebastián era como se non tivese pasado nada. Tocáramos con Glen, pero á xente non lle importaba.

S: É moi curioso a importancia que lle dá a xente a unhas cousas na música e o que nos importa a nós. Como o típico de “tedes que saír na tele”. Pero eu nin son modelo, nin actriz, a min o que me gusta é cantar. Saímos máis nos medios, pero éramos igual de felices cando non, e non gañamos máis cartos por saír no xornal. A música é unha carreira moi estraña, ninguén sabe como vai. Hai axudas para facer discos, pero nós pagámolo todo porque non o sabíamos, ninguén o sabe. Aprendes coa experiencia. É como o de tocar na rúa…
C: Si, a xente pensa que estás na rúa porque non podes estar noutros lugares. Non podes ser un bo músico e tocar na rúa.
S: Ás veces dinnos iso de que nos temos que facer profesionais… pero xa o somos! Dedicámonos a isto! Glen Hansard ten un Oscar e toca na rúa, Paul McCartney tocou de incógnito na rúa.
C: É como os actores que hai moito que non saen na tele porque están felices facendo teatro e a xente cre que lles vai mal.

– Como xurdiu a idea do disco?

S: Recompilando. Cando fixemos o disco levábamos catro anos tocando, aínda que ao final as cancións son só dun ano. Decidimos que era o momento porque tiñamos os cartos para facelo, as ganas, o estudio, que é moi importante…
C: Nós queríamos gravar de forma natural e en directo no estudio.
S: No disco hai moitas primeiras tomas por iso, porque captan a paixón do momento.
C: E ao final o proceso fíxose un pouco costa arriba, por xente que nos dicía que así non se podía gravar, pero nós pensábamos: pero como gravaban os Beatles?
S: Queríamos captar esa esencia nosa de naturalidade e enerxía. E tivemos o apoio de Ramón Campos, o noso técnico, que nos axudou moitísimo e fíxonos desfrutar do coñazo que é gravar un disco.
C: Pero agora para o segundo esperamos que sexa mellor, ímolo pasar guai!
S: Si, xa temos a experiencia do primeiro, e queremos melloralo. No primeiro tes algo de présa porque non tes nada. No primeiro chegamos ata a pensar en deixalo a medias, ata que fomos a Barcelona a ver un concerto de Glen e decidimos acabalo! E menos mal que o fixemos, este ano desde que sacamos o disco foi fantástico, está guai todo o elemento socializador que dá o mundo da música… como ti non tes vergoña, a xente tampouco a ten, é como que desinhibimos á xente.

– E tedes espontáneos ás veces na rúa?

S: Algúns inténtano, pero nunca tivemos boas experiencias con iso e xa llo prohibimos á xente. As primeiras experiencias foron en Irlanda. En Cork tivemos a tres borrachos que querían todo o rato cantar con nós… Non sei, ás veces si pode chegar alguén que sorprenda, pero a maioría das veces vén alguén que espanta á xente.

– O segundo para cando?

C: A min gustaríame empezar a gravalo dentro de un ano e pico…
S: Si, para gravar no verán e sacalo en setembro ou no outono. E darlle un pouco máis de trote a este. Queremos tamén traballarnos moito as cancións, aínda que xa as teñamos pensadas.
C: Aínda que despois seguro que temos cancións novas e cambiamos todo!

* Escuchando Elefantes tamén encheron a nosa disqueficha.

Fotos | Disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *