O disco da semana: The Haunted Man, de Bat For Lashes

Natasha Khan comeza a ser unha imprescindible no panorama do dream pop internacional. Coñecida como Bat For Lashes, esta artista británica vén de estrear o seu terceiro traballo. Os precedentes non son sobresalientes, pero si máis que sólidos. Poucas veces sairían nunha lista dos teus artistas favoritos como unha das primeiras opcións, pero cada vez que te achegas a un dos seus discos, descóbreste a ti mesmo absolutamente hipnotizado polas melodías compostas pola propia artista, pola súa misteriosa voz, e por esa estética sempre tan particular que envolve a súa obra e os seus directos.

The Haunted Man’ (Parlophone Records, 2012) é outro paso nun camiño sen gretas. Outra mostra de que Natasha se defende con sobradas capacidades nos campos da electrónica con toques folk, e no minimalismo dun monocorde ton grave nas percusións, que contrasta fantasticamente coas voces. Lilies, que abre o disco, é unha especie de lembranza daquela Kate Bush que aínda molaba, e que tanto ensinara nos 80. Un tema sinxelamente precioso. Menos dócil é All Your Gold, que acompaña o ritmo da sensual melodía con retrouso a proba de bares.

Entre os múltiples terreos nos que tan ben se move Bat For Lashes están os temas case cantados a capella, como a arrepiante Laura, que funcionou como primeiro single, onde Natasha só se acompaña dun piano e unha humilde sección de corda, e que contou coa colaboración nas letras de Justin Parker, o home que está detrás de varios dos éxitos universais de Lana Del Rey. Redundando nese paréntese decibélico está Winter Fields, tamén a metade de disco, formando un trío, xunto co tema que dá nome ao disco, que perfectamente pode ser o cumio de “The Haunted Man”, un momento con certo ton épico nas melodías. Como buscando lanzar a pedra que quebre ese mar calmo que antes nos prepararon.

A Wall é o tema que achega a Bat For Lashes á música máis popular. Unha peza de catro minutos de artesanía máis traballada, e, porén, máis habitual, mentres Rest Your Head lembra ao mundo élfico da mesma Björk, achegándose ao final do partido. Dun partido que non foi perfecto, deses dos que quizais non pasen a historia, ou que non sirvan para gañar grandes trofeos, pero dos que si funcionan para que a plebe que apoia ao equipo se vaia ben contenta para casa. Para mellorar unha semana, por mal que comece.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *