Bill Kirchen: isto é rock and roll!

*Colaboración de ifrit

Nos seus 64 anos de vida e máis de 24 de carreira, Bill Kirchen, o Titán da Telecaster, nunca tocara no estado español. Pero grazas ao pub A Reixa e Raiña Productions co seu Outono Capitol Rock Festival este erro histórico vén de ser solucionado.

O do sábado pasado foi outro deses días de concerto no que sabes que poñas o que poñas nunca vas a estar á altura dos auténticos seareiros do rock and roll, e así, polo arredores da Sala Capitol, en Santiago de Compostela, puidemos ver un pequeno desfile de homes e mulleres recén chegados dos EUA da década de 1950. Non lles faltaba detalle.

Esta segunda xornada do Outono Capitol Rock Festival comezou por todo o alto cos locais Dr Gringo abrindo fogo contra todo o que se move e presentando, cunha descarga imparábel de temas propios e versións, o seu novo EP. Martín, Héctor e Manuel, desta volta acompañados nalgúns temas por Diego Sampedro ao órgano, fixéronnos esquecer que eran os teloneiros e bailamos sen parar desde a primeira canción ata a última. Se inda non os vistes en directo non sei a que estades agardando.

Co ambiente xa caldeado apareceu no escenario Bill Kirchen, que, para que vos fagades unha idea, é un cruce entre Juan de Pablos e Woody Allen. E viña acompañado de dous membros de Mambo Jambo: o contrabaixista Ivan Kovacevic (que tiña toda a pinta de estar de permiso de Sing Sing) e o baterista Anton Jarl. Despois do contundente concerto de Dr Gringo podería parecer que Kirchen estaba maior para estas cousas e que ía ser algo máis tranquilo, pero pouco a pouco ao virtuosismo fóiselle sumando o desenfreo, e, case sen decatarnos, xa estabamos a bailar de novo. A un non o coroan Rei do Dieselbilly porque si.

Bill Kirchen e a clásica guitarra Fender Telecaster naceron na mesma época e desde entón a carreira deste mestre do rock and roll vai da man da súa inseparábel compañeira de viaxe e escenarios. Pero todo o bo remata, e alí quedamos todos pedindo máis, incluso despois do xenial pupurrí rockeiro que se marcou tocando pílulas de B.B. King, Iggy Pop, Led Zeppelin e moitos máis, ou da versión-profecía do The Times They Are A Changing de Bob Dylan (ao final non puido ser).

Para os bises contou cos Mambo Jambo ao completo, que despois dun breve descanso, volveron ao escenario para rematar a festa por todo o alto cunha demostración de forza e potencia musical en forma de rhythm&blues, surf, swing e moito, moito ritmo. A combinación do contrabaixo e do saxo tenor fixeron que a súa actuación fose a guinda perfecta para os concertos da noite. Un grupo para seguir de preto e que chegaban desde Barcelona para presentar o seu primeiro disco, ‘Los Mambo Jambo’.

Xa só queda un día de Outono Capitol Rock Festival: este sábado 27 de outubro, con The Allnight Workers e Lala Brooks (18 € anticipada, 22 € na billeteira). Pode parecer un pouco caro, mais xa vos digo que paga a pena e despois vos ides estar laiando toda a tempada por non ter ido. Tamén é verdade que se non me tivesen tocado as entradas no sorteo de Galicia On non tería ido.

Fotos | Ifrit

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *