O disco da semana: Zeros, de The Soft Moon

Nunha semana algo baleira de discos realmente notables, a procura do noso favorito foi, se cadra, algo máis dificultosa. E é que entre o que hoxe chega ás tendas, só houbo un par de traballos que nos chamaron realmente a atención. Un deles é o proxecto de Indian Handcrafts, un dúo norteamericano de stoner-rock terriblemente enerxético, aínda que con algo de dificultades para manter unha voz atractiva, e, o outro, o que nos ocupa. E falamos do segundo traballo de The Soft Moon, chamado ‘Zeros’ (Captured Tracks, 2012), a banda liderada por Luis Vasquez, e composto por un chisco de post-punk, un chisco de noise, e un moito de Joy Division, ou mesmo de Suicide.

O disco componse de dez cortes, onde a clara predominancia dos tons escuros faise co continuo poder no reino de The Soft Moon (un aínda se pregunta se podería haber un nome máis distante ao que realmente representa o grupo que este que escolleron). Guitarras afiadas e unhas liñas de baixo que pelexan entre si por ser máis e máis graves, como se iso de deixar algún momento para tons máis sensibles e luminosos non fose con eles. As letras tampouco acadan importancia, e o realmente poderoso no discurso de The Soft Moon acaba sendo o irresistible atractivo das melodías, e a súa absoluta capacidade de absorción.

A banda, que estará na vindeira edición do Primavera Club, aínda que só en Barcelona, lanzou hai preto dun par de meses o single Insides, un tema fantástico onde o riff da guitarra solista che perfora os miolos ata que te das conta de que non hai fuxida posible, que estarán contigo durante horas, nunha espiral de decibelios e berros afogados. Un agasallo sonoro. O seguinte corte que se deu a coñecer for Die Life que, porén, troca o perfil, aumentando velocidade e contundencia, entre suspiros e un tempo sen freo.

Pero o mellor de ‘Zeros’ é a súa liña condutora, o feito de que non haxa un único momento (é certo que o disco non é precisamente longo) no que a calidade do traballo decaia, xa sexa nadando entre o misterio de Lost Years ou os golpes de timbal de Machines. Polas bases electrónicas de Remember ou polo atractivo da voz de Vasquez e das percusións de Want. É dicir, que mesmo en semanas máis pobres de contidos, un atopa pequenos agasallos como este. De escoita obrigada, máis aínda tendo en conta que se atopa entre o pouco realmente salientable. Que aproveite.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *