Que debo beber mentres escoito a Ana Kiro?

Drinkify

Pecha os ollos e imaxina que estás na casa escoitando música. Imaxínaste cunha copa de algo na man? Moitos de vós seguro que non, pero outros moitos xa sabemos que si (sabemos quen sodes, queridos lectores alcoholizados). O que non é sinxelo é decidir que beber en cada momento: non é o mesmo estar a escoitar a Novedades Carminha que a Nadadora, ao igual que unha cousa é escoitar a The National e outra moi distinta poñer unha canción de Katie Perry. Acabamos de crearche unha nova necesidade (a de saber que beber con cada grupo)? Non te preocupes, como diría o defunto Steve Jobs: there’s an app for that!

Trátase de Drinkify, o resultado de “24 horas de alcohol” nun deses eventos tan comúns nos Estados Unidos nos que un grupo enorme de programadores se reúne para ver que poden crear nunhas horas. Neste caso tratábase do MusicHack Day, organizado por The Echo Nest, unha startup que trata de conectar aos programadores apps coa música e os seus datos. Matthew Ogle, Hannah Donovan e Lindsay Eyink, os responsables de Drinkify, pensaron que saber qué debemos beber mentres escoitamos música era unha necesidade sen cubrir e crearon a adictiva ferramenta.

Cal é o resultado? Unha sinxela web na que ti simplemente introduces o nome do artista que esteas a escoitar e Drinkify recomenda que beber. E non penses que os resultados son aleatorios: teñen en conta os tags e as descricións da música de The Echo Nest (a través da súa API), collen imaxes de Last.FM e xúntanas coa súa propia base de datos de bebidas alcohólicas (porque “o alcohol aínda non ten API”). E voilà. O cóctel perfecto.

Drinkify

Entón chega o divertido, claro. Nós fixemos bastantes experimentos para descubrir con que acompañar algúns dos grupos e artistas máis importantes na historia da música galega (e moitos actuais). Aquí están os resultados (aínda que cremos que hai que enviar algunhas suxestións ao equipo de Drinkify, como incluír na súa base de datos o licor de herbas, o licor café ou a queimada…):

– Andrés do Barro. 120 ml de Maotai (o licor chino)
– Los Piratas. 295 ml de cervexa caseira.
– Herdeiros da Crus. Combinar en vaso de tubo 235 ml de whisky Jack Daniels, 235 ml de Tabasco (si, a salsa) e 120 ml de café.
– Ana Kiro. 120 ml de ron negro Havana Club e 120 ml de xugo de lima (mesturar en cocteleira).
– Antón Reixa. Unha botella de Pinot Noir.
– The Homens. Atención: unha botella de tequila repousado, unha botella de mel e 120 ml de nata. Rematar cun toque de pomelo.
Triángulo de Amor Bizarro. 355 ml de marihuana (con adorno de oliva!).
– Niño y Pistola. Unha botella de viño tinto.
– Emilio José. Unha botella de viño tinto tamén, pero orgánico.
– Combo Dinamo. 120 ml. de vodka on the rocks con adorno de kiwi.
– Deluxe. Tamén viño orgánico. Para Xoel López en solitario, un combinado de 30 ml. de moonshine (whisky feito de forma ilegal) e 30 ml de ginger ale.
Fluzo. O sistema rompe! (posiblemente porque non teñen datos deles, pero queda gracioso ver que non hai ningún cóctel que se poida comparar coa experiencia de escoitalos).

Divertido, eh? Advertimos que é bastante adictivo (pero non perigoso, sempre e cando non vos dea por preparar cada un dos cócteles propostos -e bebelos), e que está cheo de sorpresas. Estaría ben se ademais puideses facer o percorrido inverso, dicir qué estás a beber e que recomendase algo para escoitar, pero non podía ser perfecto.

Queres xogar? Visita Drinkify.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *