A clase política é unha mina: eles e as súas circunstancias botan tanta gasolina no lume da parodia que non era de estrañar que coa chegada de Twitter os perfís non oficiais do alcalde, o presidente e o líder de turno empezaran a encher o timeline dos usuarios da rede de microblogging de medio mundo.
A parodia en Twitter deixa xa no balance contas sublimes, como a malvada @EspeonzaAguirre, que se “desorina toa” coas ocorrencias dos seus followers e coas propias, como cando nos deixou claro que co copago o catarro ía saír “a prezo de lifting”. Os políticos galegos deben de ser máis aburridos, ou dar menos xogo, porque o número de contas existentes que se rin deles (e as súas circunstancias) son moito máis escasas. Aquí vai un mini ranking do que atopamos na rede.
1. @Feix009. Eles non o din ás claras na explicación que acompaña ao seu perfil, pero todo leva a pensar que nos atopamos ante a conta paródica do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Baixo o lema de “libertaZ, austeridaZ y galleguidaZ” vai dando conta do que fai cada día, como darlle de comer a Gloria Lago, con un “significado máis alimenticio que erótico”, segundo explica, ou a súa complicada relación con Mariano (Rajoy, non?) que non lle dá o que el pensa que lle corresponde.
Este Feijoo fake ten 238 seguidores cos que loita a golpe de reply e escribe no idioma que lle veña en gana (ás veces en galego, ás veces en castelán, ás veces nunha estraña koiné). Comezou a twittear a principios deste mes, cunha curiosa mensaxe de presentación: “Me llamo Alberto Núñez Feixoo, soy el Presidente de la Junta del Noreste y este es mi primer tuit. Hola gallegos. Hola Murcia. Hola España”.
2.@CondeRonha. O alcalde de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa, tamén ten conta paródica. Ten algo máis dun centenar de followers e é un alumno avantaxado da escola da @MasaEnfurecida. Coma eles, Conde Ronha escribe todo en maiúsculas. No seu Twitter, o alcalde de mentira de Compostela dá grandes titulares, como o que sinala a Decatlón coma o culpable de todas as acampadas perroflaúticas que ameazan á capital (e promete revisar licencias) ou como cando promete que non responderá de si se este ano os Óscar (si, os da Academia) non son en Santiago. Comezou a twittear o pasado 12 de novembro.
3. Nin o líder do PSdeG nin o de BNG teñen unha parodia no Twitter, así que para atopar unha conta paródica que non sexa dun político popular hai que irse ata o galego pero ministro saínte Pepe Blanco. O socialista ten unha conta paródica @Pepino_Blanco, que o sitúa nunha “gasolinera cualquiera” e que o define como “el ministro del momento”. Non é tan graciosa como as parodias de Feijoo ou Conde Roa, porque este fake Pepiño Blanco non domina moi ben as finas artes da sorna.
4. @CorinaPPorro. O fake de Corina Porro foise de vacacións o 4 de xuño e xa non volveu. A súa vida en Twitter foi curta, porque arrancou só uns días antes, aínda que no camiño deixou polo menos unha perla. “Aún no tengo seguidores en Twitter.Voy a probar a regalar billetes de 50€ como hace mi amigo Baltar en los mítines”.
Foto destacada | Creative Tools
Estaria ben comparar o númoero de seguirores que teén os orixinais cos seus alter egos. Ou incluso poder distinguir cal é máis divertido, xa que agora éche ben dificil distingui-la realidade da ficción e todo dios solta soberanas burradas.