Que pasou nas últimas semanas? Que comeron as forzas ocultas do Twitter para que de repente florezan como margaridas na primavera as contas parodia dos políticos galegos e as súas ideas? Se hai escasas semanas non era sinxelo conseguir reunir un censo de catro contas parodia dos políticos galegos, hoxe é posible ampliar a lista. A brutal e famosa Espeonza Aguirre ten xa un número xeitoso de herdeiros a este lado do telón de grelos.
1. Galicia Pilingui. Cun claro sabor @MasaEnfurecida, Galicia Pilingui comezou a twittear o 12 de decembro. Só escribe en castelán, con bloque de maiúsculas activado, é ultraconservadora e lamenta todas as ‘gallegadas’. Polo de agora os seus tweets non alcanzaron unha media de brutalidade mordaz tan alta como a da súa inspiradora, aínda que si ten algúns moi bos, como o que apunta que se o galego fose algo útil, Justin Bieber o coñecería. Como tamén fai a Masa Enfurecida, Galicia Pilingui adora a @Andritxol. E xa se apuntou un tanto cando a Galicia Bilingüe de verdade lle devolveu un follow friday.
2. Malicia Bilingüe. A versión paródica do movemento Galicia Bilingüe apareceu o 11 de decembro. Xa dixo que Castelao “era de la ETA”, criticou o concerto de Manel na Coruña e promete no seu perfil que cando alguén fala galego, Deus mata un neno.
3. Paquito Vázquez. O ex alcalde socialista da Coruña e embaixador de España ante o Vaticano únese á lista de políticos que teñen sátira twittera.” @GaliciaPilingui @MaliciaBilingue@Feix009 @BaltarOu Queridos amigos y congéneres; no me esperéis más. He llegado”, anunciou o 15 de decembro. Pacus Magnificus, que así se fai chamar, analiza a política local coruñesa, ataca ao actual alcalde da cidade e incluso desvela os seus temores máis profundos (como que a súa filla se líe cun nacionalista que se chame Xoel).
4. José Luis Baltar. O presidente da Deputación de Ourense acaba de arrancar en Twitter, polo menos na súa versión paródica, @BaltarOU. O seu primeiro tweet foi unha única palabra: “caciquear”. Aos seus primeiros vinte followers prometeulles un traballo na Deputación de Ourense, aínda que como os os dez primeiros followers saíronlle comunistas non lle quixo dar o emprego. Escribe en galego, faise chamar Joselu e defínese na súa biografía cunha confesión de estilo: ” Sempre levo boina e zocos alteados”.
5. Deputación de Ourense. As deputacións de Lugo e Pontevedra teñen conta en Twitter oficial. A de Coruña está no silencio no microblogging. A de Ourense ten unha parodia. Leva twitteando dende xa hai uns meses, aínda que nós acabemos de descubrila. Pasa algunhas semanas sen actualizar.
6. Alberto Núñez Feijóo. Faise chamar @Virrey_Galicia e comezou a twittear o 25 de novembro, confesando que estaba nun acto do partido en Santa Tegra ríndose dos portugueses. Defínese como gobernador da Gallaecia e, a diferencia da outra conta paródica do presidente da Xunta de Galicia, este deixa claro na súa bio que é unha parodia. Traduciu o seu Feijóo por Alubia.
Outras contas paródicas da política galega, no noso primeiro artigo de recopilación
Foto | Coletivo Mambembe (destacado)