Little Printer, a impresora á que lle darías unha aperta

Pode ser unha impresora altamente riquiña e moi amigable? Pode ter sentido unha impresora sorrinte nos tempos das redes sociais, dos smartphones e das consignas de morte ao papel? Berg Cloud, unha firma de deseño de Reino Unido, pensa que si e acaba de lanzar Little Printer, a máis feitiña impresora do mundo mundial. É pequena, é encantadora e sempre sorrí.

Little Printer é un concepto diferente de impresora. Non che vai servir para imprimir as túas memorias e tampouco para sacar a tese de doutoramento en papel do bo. Basicamente, porque non leva folios. Little Printer é outra cousa. A impresora emprega a tecnoloxía cloud (xa sabedes, esa cousa tan moderna no mundo da tecnoloxía chamada nube: as cousas almacénanse en espazo de terceiros, non no teu equipo, para que podas acceder a eles cada vez que te conectas á rede). Little Printer conéctase coa túa rede WiFi aos servizos que escollas. Co teu smartphone teslle que dicir que cousas quere que imprimas (un balance do que fixeron os teus amigos no Foursquare, os últimos titulares de The Guardian…) e, en canto lle deas ao botón negro da parte superior, escupirá unha lingua de papel con toda esa información.

Non vai cambiar a historia da tecnoloxía: non estamos ante o revolucionario sistema operativo móbil que acabará co reinado do iPhone OS ou de Android ou co descubrimento definitivo que lle vai dar vida eterna á batería do teu portátil. Pero Little Printer ten moito potencial para ser o gadget riquiño que todos queremos. A lingua de papel ten o tamaño dun ticket de supermercado, o que permite levalo en calquera lugar e  o fai unha máis que aceptable opción para converterse en produtor de memorabilia. “Little Printer é máis ben un membro da familia ou un colega que unha ferramenta”, explica na páxina do produto Matt Webb, de Berg, a empresa que está detrás da impresora.

Little Printer non está aínda no mercado, aínda que o fará en breve. Chegará no 2012 e os seus socios en contidos xa son bastante poderosos. Berg Cloud conseguiu o apoio de  Foursquare, Google, The Guardian e Nike. Tamén de Arup, unha firma de enxeñeiros.

Fotos | Berg Cloud

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *