O día que Spotify deixou ao resto atrás

Spotify Apps

Os rumores apuntaban a toda clase de anuncios disparatados: que se unha fusión con Netflix, unha app para o iPad ou a extensión da posibilidade de mercar música a Estados Unidos (non, alí non poden). O anuncio final foi máis grande e moito máis en consonancia co teaser “a new direction” co que nos tiveron a todos en ascuas durante a última semana: Spotify pasa a ser unha plataforma con apps integradas.

Que significa isto exactamente? Moi sinxelo: Spotify xa non é só un servizo de música en streaming, e coa súa API aberta a programadores pode chegar a ser case calquera cousa (relacionada). “Os usuarios queren modo DJ, queren ver as letras”, dixo Daniel Ek durante o evento da compañía onte, “pero Spotify non pode facelo todo só”. Conclusión: abrirse ás ideas e produtos dos programadores.

De momento xa é posible engadir apps de Last.fm (mostra música recomendada que se pode escoitar directamente), SongKick (para saber que concertos dos nosos artistas favoritos hai na nosa cidade), TuneWiki (para ver as letras das cancións que estamos a escoitar -fáltalle aínda algo de traballo, pero o de sincronizar promete momentos karaoke moi grandes), Moodagent (escolle música por humor), e varias de diversos medios (The Guardian, Rolling Stone, We Are Hunted…) nos que podes ler unha crítica, ver as playlists dos redactores ou as listas de éxito e directamente escoitalas.

O anuncio deixa claro que os plans de Spotify van máis alá de deixarse comer por Facebook, o que moitos pensaron (pensamos) cando ambas compañías decidiron integrar os seus servizos alá polo verán. Cando parecía que todo ía desembocar na rede social, Spotify decide ser quen integre: xa non hai que visitar a páxina de Last.fm para ver recomendacións ou entrar en The Guardian para ler críticas de discos. Todo se pode facer desde Spotify, co plus de escoitar a música directamente.

En canto a quen entra na lista de apps que se integran en Spotify, serán eles os que teñan a última palabra. Nese sentido, Ek asegurou que queren ter un pouco o “modelo Apple”, asegurándose de que “a calidade das apps ás que deixamos entrar e moi, moi alta”.

Con ganas de probar todas estas cousas? Perfecto, non tes que esperar: desde Spotify xa está dispoñible para descarga unha nova versión beta de Spotify coas apps integradas. Nós xa o estamos a probar e a verdade é que está moi ben (e o potencial disto, só pensar nel temos calafríos). Ademais, o señor Daniel Ek asegurou que a cousa estaría dispoñible tamén para usuarios que non pagan (aínda que supoñemos que con limitacións), así que todos a xogar!

*Descarga o novo Spotify

Foto | Spotify

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará